Os mozos acampados pola vivenda na praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela, aseguraron que non esperan “absolutamente nada” das eleccións anticipadas anunciadas polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, porque consideran que “ningún partido político” vai “atacar a raíz do problema”. Tamén avanzaron que “seguirán coa acampada”.
En declaracións aos medios este luns, o portavoz da asemblea, Iker, amosou a súa “total repulsa e desconfianza” ante o Goberno “que se autodenomina o máis progresista da historia” e afirmou que “o único que poden prometer”, tanto a esquerda como a dereita, é a “miseria da nosa clase”. “O único que nos pode prometer a dereita, con coñecemento de causa, é, se cabe, aínda máis miseria para a clase traballadora, especialmente para os migrantes que a diario son masacrados en fronteiras ou que esperan durante anos un proceso de regularización”, sinalou.
Todo isto despois de que o presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, anunciase esta mañá a súa decisión de convocar eleccións anticipadas o vindeiro 29 de novembro ante a necesidade de que os españois decidan sobre o futuro que queren para España e se prefiren deixala en mans da “onda revolucionaria” ou, pola contra, optar por seguir avanzando cun goberno progresista.
Os mozos, que levan cinco días acampados na emblemática praza compostelá, onde cada vez hai máis tendas de campaña, quixeron “deixar ben claro” que non lle están a pedir ao Goberno central “nin permiso nin migallas”.
Para eles, as reformas son necesarias “como un medio para chegar a un fin” e non como “un fin en si mesmo”. “A faísca que prendeu a chama do desafiuzamento de Maricarmen non se vai apagar nin con decretos ínfimos nin con novos cantos de serea de partidos políticos”, advertiu.
Neste sentido, avanzou que “seguirán coa acampada” para conseguir os seus obxectivos e que, cando vexan que esta forma de protesta “xa deu o máximo rédito”, pasarán a “outras formas de loita pola vivenda”. “Non lle poñemos fin de momento, nin temos pensado poñerlle fin nun futuro próximo”, avanzou. Sobre as vindeiras eleccións, o portavoz da asemblea indicou que “non espera” que “ningún partido político vaia solucionar o problema” da vivenda. “Imos esixir as nosas demandas e a mobilización será a que fará que os partidos políticos non poidan negarse a cumprir as nosas demandas, porque non lles imos dar opción”, advertiu.
ENGANCHE DE LUZ
Noutro orde de asuntos, preguntado polo subministro de electricidade por parte do goberno local de Santiago aos mozos acampados, afirmou que “lles deixou cargar dispositivos electrónicos”. “Déixaronnos meter un ladrón no Concello para poder cargar dispositivos electrónicos”, dixo.

