InicioMOV. SOCIAISUnha vintena de estudantes mobilízanse en Santiago contra o gasto militar e...

Unha vintena de estudantes mobilízanse en Santiago contra o gasto militar e en defensa do ensino público

A concentración, convocada no marco dunha folga estudantil europea, reuniu representantes do Sindicato de Estudantes e de Erguer, que participaron por separado debido ás súas diferenzas organizativas

Publicado o

Xornal de Compostela

Unha vintena de estudantes concentráronse este venres en Santiago de Compostela para reclamar un maior investimento no ensino público e rexeitar o incremento do gasto militar. A protesta, celebrada ás 12:00, formou parte dunha xornada de folga de alcance europeo que tamén contou con convocatorias noutras cidades galegas, como A Coruña, Vigo e Ferrol.

Durante a mobilización, os participantes expresaron o seu rexeitamento ás políticas de defensa e reclamaron máis recursos para os servizos públicos. Entre as consignas que se escoitaron figuraron “OTAN non, bases fóra”, “Orzamentos militares para escolas e hospitais”, “Educación pública e de calidade” e “Israel asasina, Europa patrocina”.

A convocatoria enmárcase nunha iniciativa internacional impulsada por organizacións estudantís de España, Francia, Alemaña, Italia, Grecia e Gran Bretaña, que denuncian a falta de financiamento dos centros educativos públicos e cuestionan as axudas destinadas ao ensino privado.

Pablo Martínez, militante de Esquerda Revolucionaria e do Sindicato de Estudantes, explicou durante a concentración compostelá que unha das principais reivindicacións da xornada era modificar as prioridades orzamentarias das administracións.

Martínez considerou unha “inxustiza” que España destine ao ámbito militar o que cualificou como o “orzamento máis alto da historia”, mentres, segundo denunciou, existen “moitos institutos e universidades que se están caendo a cachos por falta de recursos”.

O representante estudantil vinculou así a protesta coa situación das infraestruturas educativas e coa necesidade de reforzar o financiamento dos centros públicos.

En canto á participación, recoñeceu que a mobilización en Santiago tivo unha asistencia inferior á agardada. Segundo explicou, a convocatoria estivo “máis centralizada” na Coruña, onde se rexistrou un maior seguimento, mentres que na capital galega a presenza de manifestantes foi “un pouco escasa”.

ERGUER PARTICIPA SEN SUMARSE Á CONVOCATORIA

A concentración tamén puxo de manifesto as diferenzas entre organizacións do movemento estudantil. Integrantes de Erguer Estudantes de Galiza achegáronse á mobilización para distribuír material informativo propio, aínda que decidiron non participar conxuntamente co Sindicato de Estudantes.

Aldán Lugrís Fernández, membro de Erguer, explicou que a súa organización acudía cunha posición “crítica” respecto da entidade convocante, coa que mantén discrepancias tanto políticas como organizativas.

Lugrís afirmou que son “moi contrarios” ao Sindicato de Estudantes, ao que atribuíu un carácter “españolista” e unha capacidade de mobilización “moi pouca” en Galicia.

Con todo, o representante de Erguer diferenciou estas discrepancias do contido das reivindicacións. Neste sentido, recoñeceu a “lexitimidade” da convocatoria polo seu posicionamento contra “o imperialismo e o militarismo”.

ÚLTIMAS

Marc Marginedas: “O meu secuestro reforzou a miña vocación de xornalista”

A propaganda converteuse nun dos principais instrumentos de influencia internacional do Kremlin. Así o...

Santiago estrea a credencial especial do Xacobeo 2027: xa está dispoñible para os peregrinos

A Oficina de Acollida ao Peregrino presentou este venres, 20 de novembro, a Credencial...

Mediaset retransmitirá as badaladas de Fin de Ano desde a Praza do Obradoiro con Ión Aramendi e María Lamela

A Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela será o escenario elixido por Mediaset...

A Xunta atribúe ao Concello de Santiago a responsabilidade do mantemento da senda ao Milladoiro

A Xunta de Galicia e o Concello de Santiago manteñen diferentes posicións sobre quen...

Marc Marginedas: “O meu secuestro reforzou a miña vocación de xornalista”

A propaganda converteuse nun dos principais instrumentos de influencia internacional do Kremlin. Así o...

O persoal contra incendios maniféstase en Santiago para reclamar melloras salariais e laborais á Xunta

O persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPIF) mobilizouse este...

Máis de 1.000 sinaturas reclaman en Santiago que a avenida Juan Carlos I pase a chamarse Avenida de Gaza

Diversas organizacións sociais e plataformas de solidariedade con Palestina formalizaron este mércores, 18 de...