O Concello de Santiago defende que a desaparición da liña 12 entre Os Tilos e os hospitais coa posta en marcha do novo contrato de transporte urbano non reducirá as posibilidades de desprazamento entre ambos os puntos. O concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, compareceu este luns xunto ao xerente de Tussa, José Manuel Mosquera, para responder ás críticas pola supresión desta conexión directa e explicar as alternativas previstas na futura rede.
A liña 12 funciona actualmente como reforzo da 6 e realiza seis viaxes de ida e seis de volta, unicamente entre as 07:15 e as 15:00, cunha frecuencia aproximada de 80 minutos. Fronte a este modelo, o Goberno local prevé concentrar os recursos na liña 6, que é a máis empregada da rede compostelá, con preto de dous millóns de viaxeiros ao ano, e reducir o seu intervalo de paso ata os 15 minutos.
Para conseguilo, o novo contrato destinará oito autobuses ao servizo, fronte aos seis actuais, dos que cinco corresponden á liña 6 e un á 12. Duro incidiu en que as frecuencias establecidas dependen do número de vehículos asignados e están recollidas no contrato. “Non é unha cuestión de velocidades, é unha cuestión de ter o número suficiente de autobuses para poder dar esas frecuencias”, explicou.
Deste xeito, Os Tilos perderán a conexión directa cos hospitais que presta actualmente a liña 12, pero disporán dun autobús da liña 6 cada 15 minutos entre as 06:30 e as 23:00. A proposta municipal pasa por realizar un transbordo gratuíto na estación intermodal cara ás liñas que comunican con esta área sanitaria.
DE 12 SERVIZOS DIRECTOS A COMBINACIÓNS COA 1 E A C2
Segundo os cálculos expostos polo Concello, a combinación da liña 6 coa circular C2 permitirá contar con 88 servizos diarios entre Os Tilos, o CHUS e o Hospital Provincial de Conxo. A alternativa entre as liñas 6 e 1 elevaría a 126 os servizos diarios entre Os Tilos e o Clínico, fronte aos 12 que ofrece actualmente a liña 12.
Durante a franxa na que funciona agora esta última, entre as 07:15 e as 15:00, o Concello calcula 48 servizos mediante a combinación da 6 coa C2. No caso do enlace entre a 6 e a 1, serían 62 nesa mesma franxa e outros 64 entre as 15:00 e as 23:00. “De 12 a 126. De 12 a 88”, resumiu Duro, quen sostivo que estas cifras permiten defender unha mellora da oferta aínda que desapareza a conexión sen transbordo.
O concelleiro tamén rexeitou que a futura rede empeore o transporte público na contorna hospitalaria. A liña 1 chegará ao CHUS cunha frecuencia de 15 minutos, fronte aos 20 actuais, mentres as circulares C2 e C4 conectarán cos hospitais e reducirán os seus tempos de paso. As dúas circulares chegarán tanto ao Clínico como ao Hospital Provincial de Conxo.
A maiores, as liñas 4 e 10 terán parada na Choupana, a uns 300 metros da entrada do CHUS, e a 5 realizará prolongacións ata o Provincial. Segundo Duro, a configuración da rede permitirá que as persoas usuarias de todas as liñas poidan chegar aos hospitais mediante un único transbordo gratuíto, que poderá realizarse sen cambiar de parada ou, dependendo do sentido da marcha, cruzando á situada enfronte.
SANTIAGO SOLICITARÁ UNHA REUNIÓN CON TEO
A reorganización xerou críticas entre residentes dos Tilos e desde a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS. Preguntado pola posibilidade de modificar o deseño se persisten as demandas, Duro explicou que o contrato permite introducir cambios na prestación, aínda que o Concello mantén neste momento que a proposta supón unha mellora na mobilidade da zona.
O futuro do servizo deberá tratarse tamén con Teo, xa que a liña chega a este municipio. O Concello de Santiago solicitou a convocatoria da comisión de seguimento do convenio entre as administracións e asegura estar disposto a explicar nela o funcionamento da nova rede. Duro indicou que non se abordou antes porque ata o pasado 3 de setembro o Concello non contaba coa resolución que lle permitía avanzar co novo contrato.
O responsable de Mobilidade precisou posteriormente que aínda non trasladara estes datos á alcaldesa de Teo, pero si mantivo unha conversa telefónica a semana pasada coa concelleira de Mobilidade teense, á que explicou as novas frecuencias e a posibilidade de realizar o transbordo coa C2. Segundo relatou, a representante municipal tomou nota da información e remitiu o debate á futura comisión.
Manter unha liña específica entre Os Tilos e os hospitais tería consecuencias sobre a oferta prevista, advertiu Duro. Ao existir un número determinado de vehículos asignados, dividir os autobuses entre diferentes percorridos afectaría ás frecuencias programadas para a liña 6.
SETE AUTOBUSES DE RESERVA PARA REFORZAR A REDE
Outro dos asuntos abordados na comparecencia foi a capacidade das novas circulares para absorber a demanda cara aos campus universitarios e os hospitais. O novo contrato contará con sete autobuses de reserva, destinados a reforzar os percorridos cando se detecten incrementos puntuais de usuarios, como os relacionados coa volta das vacacións ou con determinadas condicións meteorolóxicas.
Mosquera explicou que a reorganización procura superar o modelo de liñas dedicadas case exclusivamente a unir puntos concretos. No caso dos campus, o obxectivo é que os novos percorridos dean tamén servizo a barrios que historicamente contaban con menos conexións, tendo en conta os cambios experimentados na distribución da residencia do alumnado universitario.
O xerente de Tussa sinalou ademais que o contrato prevé mecanismos para reaccionar ante os atrasos. Se se acumulan máis de cinco minutos, a operadora deberá incorporar vehículos e persoal de reforzo para recuperar as frecuencias previstas. Estes recursos tamén poderán empregarse ante aumentos de demanda que, se se consolidan, poderían acabar derivando en reforzos permanentes.
A LANZADEIRA AO AEROPORTO SAIRÁ DA INTERMODAL
A comparecencia serviu tamén para concretar o funcionamento da futura lanzadeira ao aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro. O servizo sairá da estación intermodal, realizará unha parada na contorna do Pazo de Congresos e continuará directamente ata a terminal aeroportuaria, cunha frecuencia prevista de 22 minutos.
Esta lanzadeira funcionará de maneira independente á liña 6 e contará cunha tarifa propia que non estará incluída nos bonos municipais. A liña 6, pola súa banda, seguirá chegando a Lavacolla para atender as necesidades de mobilidade da veciñanza. Preguntado por posibles bonificacións para os traballadores do aeroporto, Duro indicou que o Concello está estudando como atender esta demanda.
A estación de autobuses da Intermodal contará tamén con información sobre as próximas saídas e as correspondencias entre servizos. Tussa prevé que as persoas que cheguen a Santiago poidan consultar alí tanto a lanzadeira aeroportuaria como as conexións das circulares C2 e C4 cos hospitais, mentres os propios vehículos incorporarán información sobre as correspondencias dispoñibles en cada punto.
O Concello confía en que o incremento das frecuencias e das posibilidades de conexión contribúa tamén a reducir o acceso en vehículo privado ao centro da cidade. Duro recoñeceu, con todo, que existen momentos concretos de conxestión, especialmente arredor das entradas aos centros escolares, e sinalou que a mobilidade nestas contornas require actuacións que van máis alá da propia reorganización do transporte urbano.

