InicioSANTIAGOOs CEIP e escolas unitarias de Santiago abren o curso con 4.299...

Os CEIP e escolas unitarias de Santiago abren o curso con 4.299 escolares

O Concello sitúa arredor dos 700.000 euros o investimento realizado nos centros durante o verán, mentres a FANPA pon o foco na dotación de profesionais, as obras pendentes, o transporte escolar e a ampliación do Quiroga Palacios

Publicado o

Xornal de Compostela

O curso escolar comezou este mércores en Santiago con 4.299 nenos e nenas matriculados nos CEIP e nas escolas unitarias, 19 máis que o pasado ano. A alcaldesa, Goretti Sanmartín, e a concelleira de Educación, Míriam Louzao, escolleron o CEIP López Ferreiro para acompañar a comunidade educativa na primeira xornada de clases, nunha visita na que tamén participaron a directora do centro, Rosa Suárez, e a presidenta da Federación de ANPAS Compostela, Esther Martínez.

Dos 19 escolares que se incorporan á cifra global respecto do curso anterior, cinco corresponden ás escolas unitarias, un dato que Sanmartín salientou pola situación que atravesaron algúns destes centros nos últimos anos. Segundo explicou, algunha das escolas chegou a estar próxima ao peche ao comezo do mandato e o Goberno local pretende manter esta rede e ampliar os servizos dispoñibles nela.

Unha das novidades é a extensión do servizo de madrugadores ás escolas unitarias, despois de que o servizo de xantar comezase a funcionar nelas durante o curso pasado. A alcaldesa definiu ambas as prestacións como necesarias para facilitar a conciliación das familias.

O inicio das clases chega despois dun verán no que o Concello desenvolveu actuacións de conservación e mellora en colexios, escolas unitarias, escolas infantís e na ludoteca municipal. Sanmartín situou o investimento arredor dos 700.000 euros. O programa municipal anunciado para este período ascende a 727.652 euros e abrangue obras e traballos de mantemento en máis dunha vintena de instalacións educativas.

Un dos ámbitos nos que Raxoi concentrou os traballos foi a reparación e certificación dos parques infantís situados nos recintos escolares. A actuación abrangue 15 centros e conta cun investimento próximo aos 90.000 euros.

As intervencións inclúen tamén a renovación da cuberta da escola infantil de Tras Parlamento, coa que se pretende eliminar filtracións e mellorar a eficiencia enerxética do edificio, e a adecuación do pavillón do CEIP Monte dos Postes á normativa de protección contra incendios e evacuación. Esta última actuación permitirá tamén incrementar a capacidade do recinto e ampliar os usos aos que pode destinarse.

No mesmo colexio está prevista a insonorización do comedor, unha medida que xa se aplicou anteriormente no CEIP Apóstolo Santiago. Entre os traballos programados figura igualmente a impermeabilización da cuberta plana do CEIP Pío XII.

A directora do López Ferreiro, Rosa Suárez, agradeceu durante a visita as actuacións realizadas no colexio ao longo do verán. “O que solicitamos foinos concedido”, indicou, aínda que recoñeceu que cada intervención permite detectar novas necesidades.

Entre as peticións que o centro prevé trasladar de cara ao futuro están a mellora do horto e a limpeza da fachada. A principal demanda neste inicio do curso, porén, está relacionada cos recursos humanos para atender o alumnado con necesidades específicas.

Suárez explicou que o colexio precisa unha persoa especialista en Pedagoxía Terapéutica. A dirección realizou a solicitude tanto no período ordinario como posteriormente mediante o procedemento excepcional e, no primeiro día de clases, continuaba á espera da asignación.

A situación afecta tamén ao persoal auxiliar coidador. O centro dispón dunha profesional fixa e considera necesaria unha segunda persoa durante toda a semana. Polo momento, segundo detallou a directora, recibe o reforzo doutra coidadora tres días á semana, pero non conta con esa cobertura nas outras dúas xornadas.

“Non temos moito alumnado con necesidades, pero as necesidades que temos son importantes”, explicou Suárez. Segundo a directora, os escolares que requiren estes apoios precisan dunha atención continuada que fai necesaria a presenza de persoal especializado.

A FANPA MANTÉN A ATENCIÓN POSTA NOS RECURSOS HUMANOS

A presidenta da Federación de ANPAS Compostela, Esther Martínez, situou a dotación de profesionais entre as principais preocupacións das familias neste inicio do curso.

Martínez lembrou os problemas rexistrados durante o pasado curso nalgúns centros composteláns e puxo como exemplo o Monte dos Postes. A federación estará pendente das asignacións que se realicen durante as próximas semanas e prevé reclamar reforzos cando considere que a dotación non permite atender correctamente o alumnado.

“Todo alumnado ten dereito a ser atendido, a contar coa atención educativa que require para desenvolverse como o resto dos seus compañeiros e compañeiras”, defendeu a representante das familias.

A FANPA seguirá tamén a evolución do transporte escolar. Martínez asegurou ter constancia de problemas xa detectados neste comezo de curso en centros de concellos próximos e mostrou a súa preocupación por que a organización dos recursos das empresas encargadas do transporte poida repercutir nas rutas escolares.

Outro dos asuntos pendentes para a federación é o estado dos edificios. Martínez recoñeceu as actuacións realizadas no López Ferreiro, pero lembrou que existen outros colexios públicos composteláns con instalacións antigas que precisan intervencións.

Entre os exemplos citou os baños do Monte dos Postes e de Roxos, así como diferentes necesidades no Ramón Cabanillas. A FANPA prevé seguir reclamando actuacións nestes centros ao considerar que o estado das infraestruturas tamén condiciona o funcionamento diario da actividade educativa.

AMPLIACIÓN DO QUIROGA PALACIOS

Martínez incluíu entre as prioridades do curso a ampliación do CEIP Quiroga Palacios, pendente de que continúe avanzando a coordinación entre as administracións implicadas.

A presidenta da FANPA considerou necesaria a creación de novas aulas ante o incremento da demanda nesta parte da cidade, pero trasladou as reservas das familias sobre o alcance do proxecto formulado.

“É unha obra pouco ambiciosa”, afirmou Martínez. A representante das ANPAS argumentou que un aumento do número de escolares non implica unicamente precisar máis aulas, senón tamén máis patio, zonas cubertas, espazos para actividade física e lecer e maior capacidade no comedor.

A federación considera que a intervención debería aproveitarse para adaptar o conxunto do centro ao crecemento previsto e non limitarse á incorporación de espazos lectivos.

LOUZAO APOIA AS DEMANDAS DE OBRAS E PERSOAL

A concelleira de Educación, Míriam Louzao, expresou o apoio do Concello ás reivindicacións expostas pola FANPA en materia de persoal e infraestruturas.

Louzao explicou que o Goberno municipal mantén reunións coa Xefatura Territorial de Educación para trasladarlle as necesidades detectadas nos centros e asegurou que continuará reclamando actuacións á Xunta nos edificios que precisan reformas.

Segundo manifestou a concelleira, as intervencións solicitadas á Administración autonómica para este verán non chegaron a executarse, polo que o Concello volverá incluílas nas súas demandas.

A responsable municipal de Educación incidiu en que unha parte importante dos colexios da cidade acumula décadas de uso e require intervencións que van máis aló das tarefas ordinarias de conservación que desenvolve Raxoi.

O NOVO CONTRATO DE COMEDOR COMEZA CON 842 XANTARES

A outra novidade do curso está no funcionamento dos comedores escolares e do servizo de madrugadores, que comezan setembro cun novo contrato municipal.

Sanmartín destacou o incremento do monitorado previsto no novo servizo, especialmente para reforzar a atención das crianzas con necesidades específicas. As melloras nos comedores e o aumento deste persoal xa formaban parte do novo modelo anunciado polo Concello durante a preparación das licitacións deste ano.

Na primeira xornada servíronse 209 menús de madrugadores e 842 xantares. A alcaldesa explicou que estas cifras previsiblemente aumentarán nos próximos días, xa que durante o comezo do curso algunhas familias modifican os seus hábitos pola adaptación das crianzas á volta ás aulas.

Louzao avanzou ademais cambios nos menús e na comunicación coas familias, que contará cunha nova aplicación dependente directamente do Concello coa que se pretende facilitar o intercambio de información sobre o servizo.

A FANPA estará tamén pendente do funcionamento das empresas responsables dos novos contratos. Martínez valorou que os servizos se licitasen de maneira diferenciada, pero incidiu en que as familias avaliarán a súa prestación durante os próximos meses.

A federación mantén, ademais, a demanda dun cambio máis amplo no modelo que teña como elemento central a futura cociña municipal, desde a que se poida preparar a comida destinada aos colexios públicos composteláns.

Louzao asegurou que o Concello continúa traballando nese proxecto, pero sinalou que o cambio non se limita á construción da infraestrutura. Segundo explicou, o incremento de monitorado, as modificacións nos menús e a nova relación dixital coas familias pretenden introducir xa neste curso parte das melloras previstas.

A concelleira pechou a visita agradecendo o traballo dos equipos directivos, das ANPAS e das familias e fixo unha mención especial ao López Ferreiro, que cumpre 50 anos no seu actual edificio. Tanto Louzao como Sanmartín desexaron un bo curso ao alumnado, ao profesorado, ás familias e ao persoal non docente dos centros composteláns.

ÚLTIMAS

Sanmartín evita entrar nas críticas de Pedro Blanco e pídelle que facilite a chegada directa de fondos de vivenda a Santiago

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, evitou este mércores entrar nun intercambio de declaracións...

O Concello reclama cambios no PIA de Lavacolla e cuestiona que permita estender o uso comercial por todo o parque empresarial

O Concello de Santiago presentou alegacións ao proxecto de interese autonómico (PIA) do parque...

A USC asegura o Colexio Maior San Clemente tras desprenderse parte da cornixa e da cuberta

A Universidade de Santiago de Compostela iniciou actuacións de urxencia no Colexio Maior San Clemente,...

Ames reunirá 392 atletas de 43 países no Mundial de 100 quilómetros

O concello de Ames converterase o próximo 20 de setembro nun dos centros do...

A USC crea o programa Fénix para recuperar investigadores Ramón y Cajal perdidos por un erro na convocatoria

O Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela (USC) deu o visto...

A xuíza de Angrois apoia o indulto total da pena de prisión ao maquinista do Alvia

A maxistrada encargada da execución da sentenza polo accidente ferroviario de Angrois de xullo...

Declarado de interese autonómico o proxecto para crear un aparcadoiro de 1.500 prazas no CHUS

O Consello da Xunta declarou proxecto de interese autonómico (PIA) a reordenación da contorna...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here