InicioMOV. SOCIAISUnha caravana reivindicativa percorre Santiago para reclamar melloras laborais nos sectores da...

Unha caravana reivindicativa percorre Santiago para reclamar melloras laborais nos sectores da discapacidade, menores e educación infantil

Os sindicatos convocan unha manifestación e unha xornada de folga este mércores para reclamar incrementos salariais, redución de ratios e máis recursos nos servizos sociais e educativos

Publicado o

Xornal de Compostela

Ao redor de 40 vehículos participaron este martes en Santiago de Compostela nunha caravana reivindicativa convocada polas organizacións sindicais dos sectores da discapacidade, menores e educación infantil 0-3 anos para reclamar melloras nas condicións laborais, salariais e asistenciais. A mobilización forma parte dunha campaña de protestas coa que os traballadores buscan denunciar a situación que atravesan estes ámbitos e esixir avances na negociación das súas demandas.

As accións continuarán este mércores cunha manifestación que partirá ás 11:00 do Monte do Gozo e rematará diante do complexo administrativo de San Caetano, coincidindo cunha xornada de folga á que está chamado o persoal das escolas infantís de 0 a 3 anos dependentes da Consellería de Política Social.

As centrais sindicais convocantes aseguraron que as condicións de traballo nestes servizos son “cada vez máis precarias” e acusaron á Administración de non atender unhas reivindicacións que consideran necesarias tanto para mellorar a situación laboral dos profesionais como para garantir unha atención adecuada ás persoas usuarias.

Entre as cuestións que denuncian figuran salarios que en moitos casos apenas superan o Salario Mínimo Interprofesional, ratios que consideran excesivas, unha crecente carga física e emocional asociada ao traballo e as dificultades para compatibilizar a actividade profesional coa vida familiar.

No ámbito da discapacidade e da atención temperá, os traballadores reclaman a aplicación dos incrementos salariais previstos no XVI Convenio Estatal, así como a creación dunha mesa de negociación na que participen Administración, sindicatos e patronais para abordar un complemento salarial autonómico. Tamén solicitan máis persoal e recursos materiais que permitan reducir ratios e reforzar a atención ás persoas usuarias.

Pola súa banda, os profesionais do sector de menores demandan que a Administración cumpra cos pagamentos ás entidades xestoras e que estas apliquen o acordo retributivo autonómico recentemente asinado, co obxectivo de garantir o cobro das táboas salariais establecidas no V Convenio Estatal. Ademais, reclaman medidas para avanzar na equiparación salarial entre centros, reducir ratios e mellorar tanto os recursos humanos como as instalacións.

No caso da educación infantil de 0 a 3 anos, as reivindicacións céntranse na integración das escolas infantís na Consellería de Educación para reforzar o seu recoñecemento como etapa educativa, na unificación das táboas salariais do XIII Convenio Estatal e na creación dunha mesa tripartita galega que permita negociar un complemento autonómico. As organizacións sindicais tamén solicitan unha redución das ratios e máis recursos para mellorar a calidade educativa.

ÚLTIMAS

A PAU 2026 arrinca en Galicia con preguntas sobre Unamuno e Machado

A Proba de Acceso á Universidade (PAU) comezou este martes en Galicia coa participación...

Curtocircuíto presenta tres seccións para amosar a diversidade e o talento do cinema galego contemporáneo

A vixésimo terceira edición do festival internacional de cinema Curtocircuíto reforzará a súa aposta...

O conselleiro de Educación reclama ao Concello de Santiago que resolva o conflito da limpeza e conserxería nos colexios

O conselleiro de Educación da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, instou este luns ao...

A II Feira Sabugueira Saudable reunirá á veciñanza para poñer en valor un proxecto comunitario de saúde e participación

A Alameda da Lavacolla acollerá o vindeiro sábado 6 de xuño, entre as 11:00...

A PAU 2026 arrinca en Galicia con preguntas sobre Unamuno e Machado

A Proba de Acceso á Universidade (PAU) comezou este martes en Galicia coa participación...

A II Feira Sabugueira Saudable reunirá á veciñanza para poñer en valor un proxecto comunitario de saúde e participación

A Alameda da Lavacolla acollerá o vindeiro sábado 6 de xuño, entre as 11:00...

O IDIS participa nun estudo que identifica factores xenéticos ligados á fatiga persistente tras a radioterapia en pacientes con cancro de próstata

O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) participou nun estudo internacional...