InicioSANTIAGOA II Feira Sabugueira Saudable reunirá á veciñanza para poñer en valor...

A II Feira Sabugueira Saudable reunirá á veciñanza para poñer en valor un proxecto comunitario de saúde e participación

A cita celebrarase o 6 de xuño na Alameda da Lavacolla e servirá para amosar os resultados do Plan AS MARÍAS, unha iniciativa que mobilizou máis de 230 persoas na parroquia

Publicado o

Xornal de Compostela

A Alameda da Lavacolla acollerá o vindeiro sábado 6 de xuño, entre as 11:00 e as 14:00, a segunda edición da Feira Sabugueira Saudable, unha xornada aberta á cidadanía que servirá para compartir os resultados dun ano de traballo comunitario desenvolvido na parroquia ao abeiro do Plan AS MARÍAS (Acción en Saúde de Mellora Ambiental, Relacións Interxeracionais e Auto-coidados en Sabugueira).

A iniciativa foi presentada este martes no Pazo de Raxoi pola concelleira de Medio Rural, Pilar Lueiro, acompañada por María Torres e Noa Rodríguez, representantes da Rede Sabugueira Saudable e do proxecto AS MARÍAS. Durante a presentación, Lueiro convidou á cidadanía compostelá a participar nun encontro que incluirá exposicións, xogos, música, artesanía, degustacións e espazos de intercambio interxeracional.

A edil destacou que esta feira representa a culminación dun proceso de traballo colectivo desenvolvido ao longo dos últimos meses e definiu a experiencia como “un dos proxectos máis bonitos” impulsados no municipio, ao tempo que agradeceu a implicación da técnica municipal María Pose. Segundo explicou, a iniciativa xurdiu no marco do Laboratorio de Innovación Cidadá en Galicia e da proposta ActivandODS, promovida pola ONG Farmamundi, que permitiu reactivar a Rede Sabugueira Saudable e impulsar novas dinámicas de colaboración na parroquia.

UNHA REDE QUE CONECTA VECIÑANZA, ADMINISTRACIÓNS E ENTIDADES

O proxecto articúlase arredor da Rede Sabugueira Saudable, creada en 2023 para favorecer o traballo conxunto entre a veciñanza e diferentes axentes do territorio. Nela participan asociacións locais, centros educativos, profesionais sanitarios, entidades de promoción da saúde, a Universidade de Santiago de Compostela, negocios de proximidade e o propio Concello.

Noa Rodríguez destacou durante a presentación o esforzo colectivo que sostén esta iniciativa, que definiu como un proceso construído grazas á participación de numerosas persoas e organizacións. Pola súa banda, María Torres, veciña implicada no proxecto, subliñou o impacto que tivo na convivencia e nas relacións comunitarias da parroquia. Segundo explicou, a experiencia contribuíu a reforzar os vínculos entre os residentes e a fomentar unha visión máis colectiva das necesidades e oportunidades da contorna.

MÁIS DE 230 PERSOAS IMPLICADAS EN ACCIÓNS DE SAÚDE E BENESTAR

O Plan AS MARÍAS conseguiu mobilizar activamente a máis de 237 persoas arredor de cuestións como o envellecemento activo, os coidados, a saúde comunitaria ou a mellora ambiental. O traballo estruturouse en catro grandes liñas de actuación.

No ámbito da saúde e os coidados organizáronse obradoiros sobre hábitos saudables, autocoidados e apoio mutuo coa colaboración de profesionais sanitarios. En paralelo, desenvolvéronse iniciativas orientadas a fortalecer os vínculos entre xeracións e a preservar a memoria local.

Entre elas destaca o podcast comunitario Sabugueira Viva e o proxecto Raíces de Sabugueira, un mapa colaborativo sobre patrimonio inmaterial elaborado co alumnado do CEIPP Mestre Rodríguez Xixirei. Esta proposta foi distinguida co Primeiro Premio Educa Compostela.

Outra das áreas de traballo centrouse na análise e mellora da contorna mediante procesos participativos de cartografía e identificación de necesidades ambientais. Como resultado destas accións, a rede contribuíu a impulsar un acordo entre a Rede Galega de Promoción da Saúde e o Concello de Santiago para desenvolver o programa Camiña e Conecta, orientado á promoción da saúde a través da actividade comunitaria.

A difusión da experiencia completouse coa organización da propia Feira Sabugueira Saudable e coa presentación do modelo en congresos sanitarios e educativos de ámbito estatal.

EXPANSIÓN DO MODELO A SAN XOÁN DE FECHA

Durante a presentación da feira, Pilar Lueiro anunciou que a experiencia desenvolvida en Sabugueira terá continuidade noutra parroquia do rural compostelán. O programa Camiña e Conecta comezará a implantarse en San Xoán de Fecha, coa creación dun grupo de participación veciñal destinado a fortalecer as redes de apoio e promover novas actividades comunitarias.

As reunións desenvolveranse todos os martes ás 10:00 na antiga escola de Albudiño, que funcionará como punto de encontro para esta nova etapa do proxecto.

A iniciativa conta co financiamento do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 e coa colaboración do Concello de Santiago, a Consellería de Sanidade, a Universidade de Santiago e outras entidades participantes.

ÚLTIMAS

Centos de persoas maniféstanse en Santiago contra as cargas policiais da Coruña

Centos de persoas saíron este venres ás rúas de Santiago de Compostela para protestar...

Santiago selecciona a empresa que xestionará a plataforma loxística da Cidade Histórica, que comezará a funcionar a principios de 2027

A alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, anunciou este venres que a empresa Kibus Distribución...

Centos de persoas protestan en Santiago contra a participación de médicos israelís nun congreso internacional

Máis de 200 persoas concentráronse este xoves en Santiago de Compostela para rexeitar a...

Fiestra Aberta reunirá en Santiago a Ataque Escampe, Grande Amore, unha homenaxe a Narf e Miguel Araújo

O ciclo musical 'Fiestra Aberta' regresará a Santiago de Compostela con tres propostas que...

Un ensaio clínico desenvolvido en Santiago logra un premio internacional por investigar un tratamento para a enfermidade de Crohn

Unha investigación realizada integramente en Santiago de Compostela conseguiu un recoñecemento internacional polos seus...

A Alameda de Santiago incorpora un banco para combater a soidade non desexada e fomentar a convivencia

A Alameda de Santiago de Compostela conta desde este martes, 20 de outubro, cun...

A rúa das Rodas recuperará o dobre sentido de circulación este mércores polos atrasos nos autobuses urbanos

O Concello de Santiago de Compostela restablecerá este mércores 21 de outubro o dobre...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here