InicioCULTURACurtocircuíto presenta tres seccións para amosar a diversidade e o talento do...

Curtocircuíto presenta tres seccións para amosar a diversidade e o talento do cinema galego contemporáneo

O festival compostelán avanza parte da programación da súa 23ª edición coa presentación de 'Planeta GZ', 'Supernova' e 'Terra', tres espazos dedicados á creación audiovisual galega, que incluirán unha sesión especial arredor da figura de Tono Mejuto

Publicado o

Xornal de Compostela

A vixésimo terceira edición do festival internacional de cinema Curtocircuíto reforzará a súa aposta pola creación audiovisual galega coa incorporación de tres seccións específicas que permitirán percorrer diferentes xeracións, linguaxes e formas de entender o cinema feito no país. Trátase de Planeta GZ, Supernova e Terra, tres espazos que reunirán tanto autores consolidados como novas voces emerxentes da produción galega.

A sección Planeta GZ volverá converterse nun escaparate da diversidade do audiovisual galego actual. O programa reúne once obras que abranguen desde a ficción ata o documental, pasando pola animación e propostas de carácter híbrido ou experimental. Os traballos seleccionados abordan cuestións relacionadas coa memoria, a paisaxe, os vínculos familiares, a identidade ou os cambios sociais, ao tempo que exploran novas posibilidades expresivas da linguaxe cinematográfica.

Entre os títulos programados figuran O corpo de Cristo, de Bea Lema; A pena, de Iria Silvosa; Cara de cona, de Guillermo de Oliveira; e A voz de todas as cousas, de Dani Pérez. A selección complétase con filmes como Historia dunha bicicleta (sen aire nas rodas e chea de po), de Xoán Fernández Diz; As maos da pulpeira, de Silvia Cachafeiro; As apalpadelas, de Cristina Souto Pita; Broom Broom Follar, de SOHU; La historia todavía no conoce mi nombre, de Diana Toucedo; Rachar en dous, de Area Erina López Pino; e Escala un cincuenta mil, do xornalista Ángel Suanzes.

Pola súa banda, ‘Supernova’ continuará funcionando como un espazo de descubrimento para as novas xeracións de cineastas galegos. A sección reúne dezaseis obras caracterizadas pola experimentación formal e pola mestura de linguaxes que difuminan as fronteiras entre documental, ficción, ensaio audiovisual ou cinema abstracto.

As propostas seleccionadas afondan en temas como a identidade, o xénero, a memoria, a paisaxe ou a relación entre as persoas e o territorio. Entre elas atópanse Afeminadas, de Catuxa Prieto e Carlos Barba; Sardiñas, de André Parra; Saír do Limbo, de Antón Rodríguez; El silencio de Allen Robert Angelo, de Marzo Lozano; Saúco, de Júlia Pérez e Alejandro Granero; Maleza, de Lucía Lago Cascón e Antón Carral López; ou Voaduras, de Manuela Pereira.

A programación inclúe tamén títulos como Casarocos, de Alicia López Méndez; Despois de ti, máis amor, de Gabi Cerqueiro; Disolución dun ollar, de Javi Darriba; Fase agónica, de Claudia Casal Ramos; Fun abalar a pedra que está no medio do mar, de Breogán Xague; Oda á extinción, de Isabella Moreno; Persistencia do baleiro, de José García Estévez e Isabella Moreno; Supercerdos, de Josep Cabo González, e Una y otra vez, de Alba Amoedo.

A terceira das seccións anunciadas é ‘Terra’, dedicada nesta edición ao arquitecto, fotógrafo e cineasta Tono Mejuto. O festival proporá un encontro co creador para repasar unha traxectoria marcada polo diálogo entre arquitectura, paisaxe, territorio e cinema.

Mejuto regresará así a Curtocircuíto tras a súa participación en 2017 coa obra Qviasma. A sesión permitirá revisar diferentes etapas do seu traballo artístico e achegarse aos procesos creativos que desenvolveu ao longo dos anos, tanto a través do cinema en 16 milímetros como da fotografía química.

O percorrido incluirá ademais a primeira proxección completa de Reliefs, unha peza tridimensional realizada durante unha residencia artística en Toronto e presentada posteriormente na Mostra (S8) da Coruña. O festival tamén destacará o papel de Mejuto noutras iniciativas culturais ligadas ao territorio e á creación contemporánea, como a cooperativa Ergosfera, a editora Estraperlo ou o Festival de Fotografía da Coruña FFoco.

A programación galega completarase con dúas actividades xa habituais dentro de Curtocircuíto. Por unha banda, regresará Noite Malandra, organizada xunto ao colectivo Escola Unitaria. Nesta ocasión, a sesión presentará unha nova proposta audiovisual impulsada por Marcos PTT e Unitaria arredor da exposición da intimidade na era dixital, a autoficción e as contradicións das redes sociais.

Por outra banda, o festival renovará a súa colaboración co Cineclube de Compostela, reforzando así os vínculos de Curtocircuíto co tecido cultural compostelán e coas entidades que impulsan a difusión do cinema na cidade ao longo de todo o ano.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Intelixencia artificial, robótica e impresión 3D entran na programación dos centros socioculturais de Santiago

A rede municipal de centros socioculturais de Santiago de Compostela porá en marcha no...

O Festival Agustín Magán celebra 25 anos cunha edición récord de dez compañías en Santiago

O Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán chega este ano á súa 25ª edición...

O Museo do Pobo Galego programa en setembro encontros sobre Rafael Baltar, poesía, patrimonio téxtil e memoria do exilio

O Museo do Pobo Galego inicia setembro cunha programación que combina arquitectura, investigación, literatura,...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here