O Concello de Santiago de Compostela aprobou en sesión extraordinaria da Xunta de Goberno o expediente de contratación dun novo servizo para a xestión do Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes, coñecido como a Ludoteca das Fontiñas, co obxectivo de reforzar a atención á infancia e ampliar os recursos destinados á actividade do centro.
O contrato, cun orzamento base de 442.327,13 euros para dous anos, permitirá incrementar de maneira significativa as horas de traballo do persoal de monitorado, que pasarán das 5.315 actuais a 7.813 anuais, o que supón un aumento de 2.498 horas, un 47% máis.
A través desta nova licitación, a área de Educación, dirixida por Míriam Louzao, incorpora melloras no cadro de persoal, incluíndo a presenza dun monitor ou monitora especializado en atención a nenas e nenos con necesidades educativas especiais durante todo o ano. Ademais, sumarase un segundo profesional deste perfil nos períodos de desenvolvemento do programa de conciliación ‘Vacaludos’.
Estas medidas buscan adaptar o servizo á diversidade das crianzas usuarias e reforzar a capacidade de resposta do centro ante diferentes necesidades educativas.
O novo contrato tamén contempla un aumento da dotación económica destinada á programación de actividades extraordinarias. A partida pasa de 3.000 a 7.000 euros, máis do dobre, co fin de financiar propostas como festivais, exposicións, concertos ou saídas.
Segundo o goberno local, estas melloras responden ao compromiso coa comunidade educativa compostelá e coa calidade dos servizos públicos destinados á infancia.
UN ESPAZO PARA O LECER E A CONCILIACIÓN
O Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes, situado no barrio das Fontiñas, é unha instalación municipal centrada no xogo e no desenvolvemento integral das crianzas. As súas actividades están orientadas a fomentar capacidades psicomotoras, cognitivas e creativas, ao tempo que facilitan a conciliación das familias.
Entre os seus servizos destaca o programa ‘Vacaludos’, dirixido a nenas e nenos de entre 3 e 12 anos durante os períodos non lectivos. Todas as actividades son gratuítas.
A ludoteca está ubicada na rúa Fontes do Sar e conta cunha superficie construída de 1.080,50 metros cadrados, distribuída en dúas plantas cunha superficie útil de 730,63 metros cadrados.

