InicioSANTIAGOA RAGC premia en Santiago dúas innovacións científicas con impacto sanitario e...

A RAGC premia en Santiago dúas innovacións científicas con impacto sanitario e industrial en Galicia

Publicado o

Xornal de Compostela

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) fixo público o fallo dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2026, que recoñecen avances en investigación aplicada e casos de éxito na conexión entre coñecemento científico e tecido produtivo. Os dous proxectos galardoados recibirán unha dotación de 5.000 euros cada un nun acto que terá lugar o 15 de abril no Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela, tras un proceso no que participaron un total de 90 propostas.

No ámbito da investigación aplicada, o premio ‘Francisco Guitián Ojea’ recaeu nun proxecto centrado na mellora do tratamento do ictus isquémico, desenvolvido polo Grupo Ictus Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), baixo a dirección de Francisco Campos e en colaboración co Instituto de Investigación VHIR Vall d’Hebron de Barcelona.

O equipo traballa nunha nova estratexia terapéutica destinada a limitar os danos cerebrais tras unha isquemia, unha patoloxía que constitúe unha das principais causas de morte neurolóxica e discapacidade. Segundo explican, os tratamentos actuais, como a trombólise ou a trombectomía, non son aplicables a todos os pacientes e non impiden completamente o deterioro do tecido cerebral.

Neste contexto, os investigadores desenvolveron un fármaco baseado nunha enzima presente no sangue, denominada GOT. “O noso grupo leva anos traballando no desenvolvemento dun novo fármaco orientado a protexer o tecido cerebral danado tras un ictus isquémico”, sinala Francisco Campos. A investigación permitiu avanzar cara a unha nova versión da enzima, chamada GOT1-Fc, cunha maior estabilidade e unha vida media máis prolongada, o que posibilita manter o efecto terapéutico cunha única administración.

O equipo destaca que esta tecnoloxía, xa protexida mediante patente, é compatible cos tratamentos actuais e podería ampliar o número de pacientes que se beneficien dunha intervención eficaz. Ademais, subliñan que o seu desenvolvemento podería contribuír a reducir a carga asistencial e económica asociada ao ictus e mellorar a calidade de vida das persoas afectadas.

Pola súa banda, o premio ‘Fernando Calvet Prats’, destinado a recoñecer un caso de transferencia efectiva de tecnoloxía a unha empresa, foi para o Grupo de Control non Liñal da Universidade de Vigo, coordinado por Miguel Ramón Díaz-Cacho. O proxecto premiado deu lugar á tecnoloxía ROTARflow, xa implementada na empresa galega Actega Artística, con sede no Porriño e vinculada ao sector conserveiro.

Esta innovación permite dixitalizar o proceso de aplicación de compostos selantes nas tapas de envases metálicos, substituíndo os métodos analóxicos tradicionais por un sistema que ofrece control en tempo real. “A posibilidade de coñecer en milisegundos a cantidade de selante depositada na tapa permite controlar e corrixir en tempo real as posibles desviacións”, explican desde o equipo investigador.

O sistema tamén facilita a integración de datos en ferramentas de análise estatística, o que posibilita un seguimento detallado dos parámetros de produción e unha mellora nos controis de calidade. Segundo indican, a tecnoloxía permite reducir o consumo de material, minimizar desperdicios e optimizar o mantemento das máquinas mediante intervencións automatizadas.

A solución xa está implantada ou en fase de proba en distintos países de Europa, América e Asia, o que evidencia o seu alcance internacional e a súa capacidade de transferencia ao sector industrial.

Coa concesión destes premios, a RAGC e a Axencia Galega de Innovación poñen en valor o papel da ciencia aplicada como motor de desenvolvemento e subliñan a importancia de fortalecer as conexións entre investigación e empresa no contexto galego.

ÚLTIMAS

“A luz de Santiago non ilumina, suxire”: Borja Dicha pon en valor o potencial fotográfico da cidade

A comunidade Fotowalk Galicia reuniu o pasado domingo 22 de marzo en Santiago de...

A Confederación Española de Policía denuncia a situación dos policías nacionais de Santiago tras o incendio da comisaría e reclama unha nova sede

A Confederación Española de Policía denunciou a situación na que, segundo sinala, está a desenvolver...

A campaña ’12 Comercios, 12 Sensibilidades’ impulsa en abril actividades na Libraría Couceiro para visibilizar o dano cerebral

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou...

Unha paciente oncolóxica denuncia trabas burocráticas no CHUS que retrasan unha proba clave para a súa reconstrución mamaria

Unha paciente oncolóxica do Hospital Clínico Universitario de Santiago denunciou un percorrido administrativo que cualifica...

Arranca a comisión para descentralizar Medicina na USC coa nova reitora xa no centro do proceso

A comisión de seguimento para a descentralización do grao de Medicina da Universidade de...

O xuíz concede o primeiro permiso penitenciario ao pai de Asunta, Alfonso Basterra

O xuíz de vixilancia penitenciaria de Salamanca acordou conceder o primeiro permiso ordinario de...

O Concello de Santiago propón sinalización intelixente para ordenar as colas de acceso á Catedral

O Concello de Santiago de Compostela está a traballar en medidas para mellorar a...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here