A USC vén de trasladar ao seu alumnado que se atopa en Turquía a recomendación de rexistrarse na embaixada española no país, co obxectivo de garantir que as autoridades poidan telos debidamente localizados en caso de que se produza algunha incidencia.
Segundo informou a institución académica, a medida responde a unha comunicación remitida polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE), organismo encargado de xestionar programas de mobilidade internacional como Erasmus. A entidade pediu ás universidades que urxan ao seu estudantado desprazado en Turquía a realizar este rexistro, como medida preventiva.
A recomendación prodúcese nun contexto marcado polo aumento da tensión militar na rexión. O Ministerio de Defensa de Turquía informou este luns de que baterías antiaéreas da OTAN interceptaron un mísil lanzado dende Irán que atravesaba o espazo aéreo turco. Trátase do segundo incidente deste tipo rexistrado en menos dunha semana.
Segundo as autoridades turcas, estes episodios prodúcense no marco das represalias de Irán pola ofensiva a gran escala levada a cabo por Estados Unidos e Israel. Ante esta situación, o Goberno de Ankara advertiu nun comunicado que “se tomarán todas as medidas necesarias de forma decidida e sen vacilacións contra calquera ameaza dirixida ao territorio e ao espazo aéreo” do país.
A comunicación remitida ás universidades españolas busca reforzar a capacidade de contacto e asistencia consular cos estudantes que se atopen en Turquía, garantindo que poidan ser localizados rapidamente se a situación o require. De momento, segundo a información trasladada pola USC, trátase dunha medida de carácter preventivo dirixida ao alumnado que participa en programas de mobilidade internacional.

