Hoxe remata a campaña electoral das eleccións á Reitoría da USC, unha carreira na que concorren catro candidaturas e que se pecha cun último chamamento á participación dirixido á comunidade universitaria. As aspirantes fixeron chegar nas últimas horas as súas mensaxes finais a través de correos electrónicos á comunidade universitaria, ademais de realizar os últimos encontros nas facultades e centros, nos que apelan ao voto e lembran as liñas xerais das súas propostas e equipos.
A candidata Rosa Crujeiras centrou o seu peche de campaña na idea de implicar á universidade nas preocupacións da súa comunidade e fomentar a participación. No seu comunicado convidou a “pensar unha USC que se implique nas vosas preocupacións” e pediu confianza nun proxecto que definiu como “sólido, claro e coidado”, sustentado nun equipo “plural, comprometido e participativo”.
Pola súa banda, Maite Flores apelou á necesidade dun cambio na institución e destacou que a súa candidatura conta cunha folla de ruta con máis de 400 compromisos. No seu peche de campaña solicitou non só o voto, senón tamén a implicación activa para convencer a outras persoas indecisas.
A mensaxe final de María José López Couso fixo fincapé no traballo en equipo e na construción dunha universidade “máis xusta”, baseada na igualdade e na suma de todas as persoas. Ademais, lembrou os seus últimos encontros presenciais para pechar a campaña, con sesións en Lugo, na Facultade de Veterinaria, e en Santiago, no Pavillón Estudantil.
No seu comunicado, Alba Nogueira presentou estas eleccións como “cruciais para o futuro da USC” e defendeu unha proposta de renovación sustentada en ideas e medidas concretas. A candidata salientou o carácter colectivo da súa candidatura e o desenvolvemento dunha campaña baseada no diálogo, con máis de cen encontros abertos. No seu peche, apelou á responsabilidade da comunidade universitaria á hora de escoller entre diferentes modelos de futuro para a institución.
Tras o remate da campaña este martes 10 de febreiro, mañá, 11 de febreiro, celebrarase a xornada de reflexión. As votacións terán lugar o xoves 14 de febreiro e desenvolveranse, como na convocatoria anterior, de maneira telemática e secreta, entre as 9:00 e as 18:00.

