A Asociación Galego-bolivariana Hugo Chávez (Agabo) e as entidades integradas no Capítulo Galego da Internacional Antifascista convocaron para este sábado, 10 de xaneiro, unha manifestación en Santiago de Compostela. Baixo as consignas de “alto á agresión ianqui contra Venezuela” e pola “paz e soberanía dos pobos”, a mobilización partirá ás 12:00 horas da Alameda e finalizará na Praza de Praterías, onde intervirá o cónsul xeral de Venezuela en Galicia, Martín Pacheco Trasfogueiro.
Durante o percorrido, as organizacións condenarán a “agresión militar” perpetrada por Estados Unidos o pasado sábado e rexeitarán o que cualifican como o “secuestro” do presidente Nicolás Maduro e da primeira dama, Cilia Flores. Agabo sostén nun comunicado que estes feitos constitúen unha “violación grave” do Dereito Internacional e da Carta das Nacións Unidas, ao vulnerar o principio de prohibición do uso da forza. Así mesmo, subliñan que a acción carece de autorización do Consello de Seguridade da ONU, cualificándoa de ilegal e de precedente “perigoso” para a seguridade global.
A convocatoria conta co apoio de diversas organizacións galegas. A CIG, xunto con outros sindicatos, secundou a marcha afirmando que “Galicia é un país solidario e internacionalista” e posicionándose contra a inxerencia e a guerra. Pola súa banda, o BNG tamén confirmou a súa asistencia a través da coordinadora de Relacións Internacionais, Ana Miranda. Agabo fixo un chamamento ao movemento social e asociativo para que se mobilice “masivamente” en solidariedade co pobo venezolano e na defensa da súa soberanía nacional.
SEGUNDA MOBILIZACIÓN TRAS O ATAQUE
Esta cita supón a segunda manifestación organizada por Agabo en pouco tempo. O pasado sábado, 3 de xaneiro, arredor de 400 persoas xa se concentraron fronte ao Consulado de Venezuela en Vigo poucas horas despois do ataque inicial. Aquela primeira protesta contou co respaldo de formacións como Podemos Galicia, CUT, PCG ou UPG, entre outras, co obxectivo de elevar unha voz de protesta contra o que definiron como un “ataque brutal” das forzas militares estadounidenses.

