O aeroporto de Santiago de Compostela ampliará a súa oferta de conexións directas durante a próxima tempada de verán coa incorporación de Marrakech, Eivissa e Xerez como novos destinos, segundo recolle a programación anunciada por Vueling, aeroliña encargada de operar estas rutas.
No caso da conexión internacional con Marrakech, os voos directos comezarán o 30 de maio, cunha frecuencia de dous servizos semanais, os mércores e sábados. A propia compañía xa ten á venda os billetes para esta ruta, que permitirá enlazar directamente Compostela coa cidade marroquí durante os meses centrais do verán.
As novas conexións de ámbito estatal activaranse no mes de xuño. A ligazón directa con Xerez iniciarase o 3 de xuño, con voos os mércores e sábados, mentres que a ruta con Eivissa comezará o 18 de xuño, con operacións os xoves e domingos. Todas elas contarán tamén con dúas frecuencias semanais.
MÁIS CONEXIÓNS ANUNCIADAS
Estas novas rutas súmanse a outros anuncios recentes que reforzan a programación de Lavacolla. Entre eles figura o incremento da conexión con Dublín, que contará cun voo adicional na tempada de verán de 2026, elevando a oferta ata cinco frecuencias semanais. Segundo confirmaron fontes da aeroliña, esta ligazón operará os sábados, entre o 30 de maio e o 12 de setembro de 2026, coincidindo coa reapertura do aeroporto tras un mes de peche por obras.
Neste caso, o voo con saída desde Santiago partirá ás 16:50 e chegará a Dublín ás 18:00, mentres que o traxecto inverso sairá da capital irlandesa ás 12:50 e aterrará en Lavacolla ás 16:10.
Nos últimos meses tamén se deron a coñecer outras incorporacións á rede de destinos do aeroporto compostelán, como a nova conexión directa con Cork, anunciada por Aer Lingus, con dúas frecuencias semanais, ou a ruta transatlántica con Newark, preto de Nova York, presentada por United Airlines, que contará con tres voos semanais. A estas sumouse recentemente a nova ligazón con Ámsterdam, anunciada pola aerolínea neerlandesa KLM, cidade á que xa se pode voar dende Santiago con Vueling en tempada de verán.
Todos estes movementos prodúcense nun contexto marcado polos cambios na operativa de Lavacolla tras o anuncio, no pasado mes de setembro, do peche da base de Ryanair en Santiago, unha decisión que xerou reaccións tanto entre o persoal afectado como no ámbito institucional.

