InicioSANTIAGOA precariedade na investigación e o papel público da Universidade marcan o...

A precariedade na investigación e o papel público da Universidade marcan o primeiro debate das candidatas á reitoría da USC

Gobernanza, precariedade investigadora, financiamento, lingua, benestar e compromiso social centraron un encontro organizado pola Asemblea de Investigadoras de Compostela

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

Este pasado xoves celebrouse na Facultade de Ciencias Políticas da Universidade de Santiago de Compostela un debate público entre as catro candidatas á reitoría da institución: Alba Nogueira, María José López Couso, Rosa Crujeiras e Maite Flores. O encontro estivo organizado e conducido pola Asemblea de Investigadoras de Compostela, que concibiu o acto como un espazo para a exposición de propostas e a confrontación de modelos de universidade, nun contexto previo ao inicio formal da campaña electoral.

Na apertura do acto, as representantes da Asemblea explicaron que o obxectivo do debate era ofrecer á comunidade universitaria un foro no que as candidatas puidesen presentar as súas liñas programáticas e responder ás preguntas formuladas previamente por persoal investigador, docente, técnico e estudantado. Tamén xustificaron a inclusión de Alba Nogueira no debate, pese a non figurar inicialmente como candidata admitida na listaxe provisional, ao considerar que o proceso aínda non era definitivo.

PRESENTACIÓNS INICIAIS: CATRO VISIÓNS DA USC

Na quenda inicial de intervencións, María José López Couso, catedrática de Filoloxía Inglesa e actual vicerreitora, puxo o acento na súa traxectoria de máis de dezaoito anos en cargos de xestión universitaria. Defendeu un modelo baseado nunha universidade gobernable, cunha toma de decisións máis clara, menos burocrática e cun enfoque de xustiza interna, subliñando que non se pode falar de excelencia mentres persistan desigualdades e carreiras académicas sen horizonte definido. Afirmou que o seu proxecto combina continuidade co cambio necesario para mellorar aquilo que non funcionou.

Alba Nogueira, catedrática de Dereito Administrativo, iniciou a súa intervención cunha referencia á súa exclusión provisional do proceso, que cualificou como un exemplo das disfuncións administrativas da universidade. Defendeu a necesidade de respectar os dereitos recoñecidos na lexislación, como o de non presentar documentación xa en poder da administración, e vinculou este episodio á situación cotiá de moitas persoas da comunidade universitaria. Segundo indicou, este feito simboliza a urxencia de acometer reformas profundas na USC.

Pola súa banda, Rosa Crujeiras, catedrática de Estatística e Investigación Operativa, formulou a pregunta de que universidade quere a comunidade universitaria e presentou un proxecto que aposta por unha USC feminista, inclusiva, sustentable e comprometida co país. Defendeu unha institución que coide das persoas, da lingua e do patrimonio, que rinda contas con transparencia e que avance cun novo modelo organizativo baseado na innovación, a participación e o coidado.

Maite Flores, catedrática de Óptica, definiu a USC como unha universidade xa referente en ensino, investigación e cultura, pero sinalou a necesidade de dar un paso máis. Propuxo unha universidade máis moderna, eficiente, internacional e humana, centrada no estudantado, na excelencia investigadora e na transferencia de coñecemento, cunha aposta clara polo talento e pola sustentabilidade.

GOBERNANZA E POLÍTICA ECONÓMICA

O primeiro bloque temático centrouse na gobernanza e a política económica. Alba Nogueira criticou o actual modelo de relacións institucionais e defendeu cambios tanto internos como externos, cuestionando o funcionamento do sistema universitario galego e da CRUE. Apostou por unha estrutura de goberno verdadeiramente bicampus, con representación efectiva de Santiago e Lugo en todas as vicerreitorías, e sinalou carencias en áreas clave como investigación, doutoramento, TIC ou xestión de datos.

Rosa Crujeiras defendeu unha gobernanza baseada en plans estratéxicos a medio e longo prazo, con transparencia, participación e recuperación do papel do claustro. Subliñou a importancia da negociación dun novo plan de financiamento universitario, lembrando que o actual achega unha parte esencial do orzamento da USC, e insistiu na necesidade dunha planificación plurianual de infraestruturas.

Maite Flores incidiu na autonomía universitaria e nun goberno con liderado claro pero colaborativo, apostando pola simplificación administrativa, a modernización dos procesos e a elaboración dun plan estratéxico plurianual no primeiro ano de mandato. Tamén anunciou a creación de órganos asesores externos e a coordinación entre vicerreitoría económica e xerencia.

María José López Couso defendeu un cambio na arquitectura institucional, cunha estrutura de vicerreitorías máis ampla e adaptada á diversidade real da universidade, diferenciando claramente entre decisión política e execución técnica, e apostando por unha reorganización profunda dos servizos.

INVESTIGACIÓN, PDI E PRECARIEDADE

O bloque dedicado a PDI, investigación e política científica puxo no centro a precariedade laboral e o relevo xeracional. Rosa Crujeiras advertiu da ausencia dunha estratexia clara de investigación nos últimos anos e comprometeuse a definila no primeiro ano de mandato. Destacou o papel dos grupos e centros de investigación no crecemento recente da captación de fondos, pero alertou da infradotación estrutural dos servizos de apoio.

Maite Flores insistiu na necesidade de reducir a carga burocrática, mellorar a estabilidade e recoñecer o esforzo do persoal investigador, poñendo tamén o foco na saúde mental. Apostou por un plan propio de investigación da USC que atenda tanto aos centros de excelencia como aos grupos máis pequenos.

María José López Couso puxo en valor as políticas de incorporación e promoción de PDI desenvolvidas nos últimos anos, mais recoñeceu a necesidade de avanzar cara a unha planificación a longo prazo e de reforzar ámbitos como a ciencia aberta, a interdisciplinariedade e a transferencia en humanidades e ciencias sociais.

Alba Nogueira foi especialmente crítica coa xestión da investigación, denunciando o desmantelamento da área de apoio, a desconfianza xerada co PTXAS e o risco de externalizar funcións centrais da universidade. Defendeu un modelo de universidade pública con docencia e investigación integradas e rexeitou decisións estratéxicas adoptadas sen debate colectivo.

Durante este bloque, abordouse tamén a cuestión dos salarios do persoal investigador en formación, cualificados como insuficientes por todas as candidatas, así como a elevada porcentaxe de teses realizadas sen contrato. As catro coincidieron na necesidade de mellorar as condicións laborais e de reforzar as políticas de captación e retención do talento.

PTXAS, INFRAESTRUTURAS E VIVENDA

No apartado dedicado ao PTXAS, infraestruturas e servizos, as candidatas coincidiron en recoñecer o papel esencial deste colectivo e a necesidade de ofrecer carreiras profesionais claras, procesos de promoción transparentes e unha planificación do relevo xeracional. Maite Flores propuxo un Plan de Optimización de Procesos Administrativos para reducir a carga burocrática, mentres que Alba Nogueira insistiu na recuperación da confianza e no aproveitamento do talento interno.

A situación das infraestruturas e das condicións térmicas nos edificios docentes foi amplamente debatida, así como a necesidade de plans plurianuais de mantemento e modernización. A problemática da vivenda universitaria ocupou boa parte das intervencións, con referencias á perda de prazas nas residencias nos últimos anos e á necesidade de colaborar con outras administracións para ampliar a oferta.

LINGUA, CULTURA E COMPROMISO SOCIAL

No último bloque, centrado en lingua, cultura e extensión universitaria, María José López Couso defendeu que a lingua galega debe ser unha lingua viva e útil en todos os ámbitos da universidade, con políticas valentes de normalización. Alba Nogueira apostou por medidas de acompañamento ao profesorado para incrementar a docencia en galego e por reforzar a divulgación científica nesta lingua.

Rosa Crujeiras situou a cultura como un dereito e unha ferramenta de transformación social, propoñendo a creación dunha unidade de divulgación científica e o reforzo dos museos universitarios. Maite Flores puxo o acento no patrimonio histórico e científico da USC, na creación artística e na integración da cultura galega nos programas de acollida ao estudantado.

As candidatas tamén se pronunciaron sobre igualdade, dereitos das persoas trans e a situación en Palestina, coincidindo en cualificar de xenocidio a situación vivida pola poboación palestina e en reclamar un posicionamento claro da universidade, así como medidas de acollida ao estudantado afectado polos conflitos.

UN DEBATE DE FONDO SOBRE O FUTURO DA USC

O encontro prolongouse durante máis de dúas horas e incluíu unha ampla quenda de preguntas do público, especialmente de persoas en etapas predoutorais e residentes nas residencias universitarias. Nas conclusións finais, as catro candidatas apelaron á participación da comunidade universitaria e á necesidade de afrontar colectivamente os retos da USC, dende modelos de gobernanza e financiamento ata a precariedade, a identidade pública da universidade e o seu compromiso social.

ÚLTIMAS

Aberta ao público a sala coa restitución das esculturas mateanas no Museo do Pobo Galego

A sala da Ala Sur do Museo do Pobo Galego abriu este xoves as...

Cincuenta anos de Filoloxía: a aposta de Elias Feijó por unha facultade que proxecta cultura e identidade

No acto de peche das conmemoracións polo 50 aniversario da Facultade de Filoloxía da...

Borja Verea na cea de Nadal do PP: “Teño ganas de ser alcalde de Santiago”

O líder do PP de Santiago, Borja Verea, fixo un chamamento á unidade interna...

A USC exclúe provisionalmente a Alba Nogueira da carreira pola reitoría

A Comisión Electoral Central da USC publicou este xoves a proclamación provisional de Rosa...

A USC exclúe provisionalmente a Alba Nogueira da carreira pola reitoría

A Comisión Electoral Central da USC publicou este xoves a proclamación provisional de Rosa...

A alcaldesa pide consenso para evitar a fragmentación da Facultade de Medicina

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, participou esta mañá nos actos polo 50 aniversario...

A Asociación Cultural Rocha Forte convoca unha charla sobre alternativas aos antibióticos na crianza de polos

A Asociación Cultural Rocha Forte celebra mañá venres 12 de decembro, ás 19:00, unha sesión...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here