InicioSOCIEDADEAlarma no aeroporto de Santiago por un accidente aéreo simulado con 19...

Alarma no aeroporto de Santiago por un accidente aéreo simulado con 19 vítimas mortais

Un amplo operativo de emerxencias participou nun exercicio que recreou un avión saíndo da pista e incendiándose durante a aterraxe, coa activación do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga)

Publicado o

Xornal de Compostela

Un amplo operativo de emerxencias mobilizouse este venres en Santiago de Compostela por mor dun simulacro de accidente aéreo organizado no aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro, no que se recreou o sinistro dunha aeronave durante a manobra de aterraxe con saída de pista á altura do municipio do Pino. O exercicio, segundo explicou AENA, baseouse nun escenario no que un avión modelo CRJ200 que cubría a ruta Madrid-Santiago, con 36 pasaxeiros e catro tripulantes, sofre un incidente descoñecido durante a aterraxe e acaba saíndo da pista.

Ao impactar co terreo, a aeronave sufre danos estruturais que provocan un incendio, cun balance simulado de 19 falecidos, 13 feridos graves ou moi graves e oito feridos leves ou ilesos. Debido á magnitude do accidente recreado, activouse o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga) e mobilizáronse numerosos efectivos de emerxencias de distintas administracións, desde o Goberno central ata a Xunta e o Concello de Santiago. No propio aeroporto habilitáronse tamén salas para persoas ilesas e feridos leves, así como espazos de atención a familiares das vítimas.

AENA advertiu previamente á cidadanía a través da rede social X de que non se alarmase ante a presenza de equipos de emerxencia, fume ou lume, xa que se trataba dun exercicio programado para comprobar o funcionamento dos protocolos de actuación. Segundo explicou o organismo aeroportuario, este tipo de simulacros realízanse periodicamente para garantir a seguridade nas instalacións aeroportuarias e avaliar a coordinación entre os diferentes servizos de emerxencia.

COORDINACIÓN DE MÚLTIPLES SERVIZOS DE EMERXENCIAS

No exercicio participou o director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta, Santiago Villanueva, xunto con efectivos da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), da Fundación Pública Urxencias de Galicia-061 e do servizo provincial de emerxencias da Coruña. Tamén interviñeron medios internos do aeroporto, así como efectivos da Delegación do Goberno en Galicia, Protección Civil, bombeiros de Santiago, bombeiros do Consorcio Provincial da Coruña, ademais da Policía Local e da Garda Civil. Para a atención ás vítimas colaboraron igualmente o Grupo de Intervención Psicolóxica en Emerxencias e Catástrofes (Gipce), o Grupo de Intervención de Emerxencias Sociais (GIES), Cruz Vermella e a figura da persoa de contacto para asistencia a vítimas (PECO).

Durante o simulacro desprazouse tamén o vehículo do Posto de Mando Avanzado da Axega, desde o que se coordinou a intervención dos diferentes equipos unha vez activado o Platerga. A partir dese momento constituíuse un Centro de Coordinación Operativa, no que se integrou o posto de mando do aeroporto co posto de mando avanzado, activándose tamén os puntos de recepción de medios, guía e encontro, así como as salas de atención a persoas ilesas e familiares. Tanto AENA como a Xunta subliñaron a importancia deste tipo de exercicios para comprobar o funcionamento dos protocolos e mellorar a coordinación entre os distintos servizos de emerxencia ante un posible sinistro real.

ÚLTIMAS

O Compostela encadea a terceira vitoria consecutiva tras impoñerse ao Llanera por 1-3

A SD Compostela sumou este domingo a súa terceira vitoria consecutiva na Liga despois...

Felipe Arias Vilas é elixido presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego

O Museo do Pobo Galego, con sede en Santiago de Compostela, inicia unha nova...

A Xunta recibe 12 ofertas para construír 79 novas vivendas públicas en Ames

A Xunta de Galicia recibiu 12 ofertas de empresas interesadas en executar a construción...

Centos de persoas maniféstanse en Santiago contra as cargas policiais da Coruña

Centos de persoas saíron este venres ás rúas de Santiago de Compostela para protestar...

Un ensaio clínico desenvolvido en Santiago logra un premio internacional por investigar un tratamento para a enfermidade de Crohn

Unha investigación realizada integramente en Santiago de Compostela conseguiu un recoñecemento internacional polos seus...

A Alameda de Santiago incorpora un banco para combater a soidade non desexada e fomentar a convivencia

A Alameda de Santiago de Compostela conta desde este martes, 20 de outubro, cun...

A rúa das Rodas recuperará o dobre sentido de circulación este mércores polos atrasos nos autobuses urbanos

O Concello de Santiago de Compostela restablecerá este mércores 21 de outubro o dobre...