A Concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou este martes os resultados da primeira convocatoria municipal de bolsas para sufragar gastos terapéuticos destinados a nenos e nenas de até oito anos con necesidades específicas de apoio ao desenvolvemento. A edil deu conta dunha iniciativa cualificada como “pioneira” no ámbito local e que, segundo explicou, naceu para reducir o impacto económico que as intervencións especializadas teñen nas economías familiares cando non están garantidas polos servizos públicos.
A convocatoria, aprobada na última Xunta de Goberno, dispoñía dun orzamento de 70.000 euros, que quedou completamente esgotado. Segundo detallou Rozas, 59 crianzas de 52 familias accedéron ás axudas, aínda que se presentaron 111 solicitudes, das cales unha parte non puido ser admitida por non cumprir os requisitos ou por terse alcanzado o límite orzamentario. As prestacións permiten cubrir até o 90% do gasto, cun máximo de 1.200 euros por menor —ou 2.400 no caso de familias con máis dunha crianza afectada—.
A concelleira subliñou que os casos máis frecuentes foron os trastornos da aprendizaxe e da linguaxe, ámbitos nos que a demanda de terapias especializadas resulta máis elevada. As axudas inclúen servizos como atención psicolóxica, logopedia, estimulación temperá ou terapia ocupacional, e incorporan tamén unha liña específica para a compra de produtos sen glute destinados a menores con celiaquía.
Rozas insistiu en que a posta en marcha desta medida responde a unha realidade trasladada tanto polos profesionais como pola propia veciñanza: moitas familias deben recorrer á atención privada porque os servizos públicos “non a prestan ou fano de forma insuficiente”. Nesta liña, afirmou que a situación actual dificulta a “igualdade de oportunidades” entre menores e que o acceso a intervencións temperás “marca diferenzas determinantes no futuro dunha crianza”.
A Xefa de Sección de Servizos Sociais, Eva González, reforzou esta idea apuntando que as prestacións municipais complementan axudas estatais existentes, ás veces “claramente insuficientes”, e permiten cubrir meses do tratamento que non quedan cubertos polo Ministerio. “É unha axuda que vén completar o que outras administracións non chegan a atender”, explicou.
A convocatoria financiouse integramente con fondos municipais, sen achegas doutras administracións. Preguntada por esta cuestión, Rozas sinalou que, aínda que as competencias sanitarias non corresponden ao Concello, este decidiu actuar por “incumbencia”: “témonos que facer cargo das dificultades das familias para chegar a fin de mes mentres tentan garantir os servizos que os seus fillos precisan e que o sistema público non proporciona”.
A responsable municipal avanzou que a intención do Goberno local é reforzar a liña de axudas en futuras edicións, explorar cambios nas datas de convocatoria para facilitar a planificación das familias e manter aberto o diálogo con outras administracións que queiran contribuír ao financiamento. “O resultado deixa claro que existe unha necesidade real e que as administracións debemos remar na mesma dirección”, concluíu.

