InicioSANTIAGOSantiago concede as primeiras bolsas terapéuticas e atende 59 crianzas nunha convocatoria...

Santiago concede as primeiras bolsas terapéuticas e atende 59 crianzas nunha convocatoria que esgota o orzamento

A área de Servizos Sociais resolve a primeira edición dun programa municipal pioneiro dirixido a menores de até 8 anos con necesidades de apoio ao desenvolvemento

Publicado o

Xornal de Compostela

A Concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou este martes os resultados da primeira convocatoria municipal de bolsas para sufragar gastos terapéuticos destinados a nenos e nenas de até oito anos con necesidades específicas de apoio ao desenvolvemento. A edil deu conta dunha iniciativa cualificada como “pioneira” no ámbito local e que, segundo explicou, naceu para reducir o impacto económico que as intervencións especializadas teñen nas economías familiares cando non están garantidas polos servizos públicos.

A convocatoria, aprobada na última Xunta de Goberno, dispoñía dun orzamento de 70.000 euros, que quedou completamente esgotado. Segundo detallou Rozas, 59 crianzas de 52 familias accedéron ás axudas, aínda que se presentaron 111 solicitudes, das cales unha parte non puido ser admitida por non cumprir os requisitos ou por terse alcanzado o límite orzamentario. As prestacións permiten cubrir até o 90% do gasto, cun máximo de 1.200 euros por menor —ou 2.400 no caso de familias con máis dunha crianza afectada—.

A concelleira subliñou que os casos máis frecuentes foron os trastornos da aprendizaxe e da linguaxe, ámbitos nos que a demanda de terapias especializadas resulta máis elevada. As axudas inclúen servizos como atención psicolóxica, logopedia, estimulación temperá ou terapia ocupacional, e incorporan tamén unha liña específica para a compra de produtos sen glute destinados a menores con celiaquía.

Rozas insistiu en que a posta en marcha desta medida responde a unha realidade trasladada tanto polos profesionais como pola propia veciñanza: moitas familias deben recorrer á atención privada porque os servizos públicos “non a prestan ou fano de forma insuficiente”. Nesta liña, afirmou que a situación actual dificulta a “igualdade de oportunidades” entre menores e que o acceso a intervencións temperás “marca diferenzas determinantes no futuro dunha crianza”.

A Xefa de Sección de Servizos Sociais, Eva González, reforzou esta idea apuntando que as prestacións municipais complementan axudas estatais existentes, ás veces “claramente insuficientes”, e permiten cubrir meses do tratamento que non quedan cubertos polo Ministerio. “É unha axuda que vén completar o que outras administracións non chegan a atender”, explicou.

A convocatoria financiouse integramente con fondos municipais, sen achegas doutras administracións. Preguntada por esta cuestión, Rozas sinalou que, aínda que as competencias sanitarias non corresponden ao Concello, este decidiu actuar por “incumbencia”: “témonos que facer cargo das dificultades das familias para chegar a fin de mes mentres tentan garantir os servizos que os seus fillos precisan e que o sistema público non proporciona”.

A responsable municipal avanzou que a intención do Goberno local é reforzar a liña de axudas en futuras edicións, explorar cambios nas datas de convocatoria para facilitar a planificación das familias e manter aberto o diálogo con outras administracións que queiran contribuír ao financiamento. “O resultado deixa claro que existe unha necesidade real e que as administracións debemos remar na mesma dirección”, concluíu.

ÚLTIMAS

A mocidade no Obradoiro seguirá a acampada: “A dereita traerá máis miseria”

Os mozos acampados pola vivenda na praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela, aseguraron...

A mocidade socialista de Compostela convoca unha protesta de urxencia polo adianto electoral

A Coordinadora da Mocidade Socialista (CMS) convocou para este luns unha mobilización de urxencia...

BNG, Compostela Aberta e PSOE sitúan a vivenda no centro do adianto electoral en Santiago

O BNG, Compostela Aberta e o PSdeG de Santiago reaccionaron este luns ao anuncio...

A Xunta de Goberno dá luz verde ao cambio de uso dunha parcela para construír 36 vivendas públicas en Santiago

A Xunta de Goberno Local de Santiago aprobou este luns a ordenación dunha parcela...

A mocidade no Obradoiro seguirá a acampada: “A dereita traerá máis miseria”

Os mozos acampados pola vivenda na praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela, aseguraron...

Santiago entrega a Compostela número 500.000 de 2026 a unha peregrina mexicana

A Oficina de Acollida ao Peregrino alcanzou este domingo unha nova cifra no rexistro...

O Ateneo de Santiago abre o curso cunha conferencia de Álvaro García Ortiz sobre a transformación da xustiza

O Ateneo de Santiago inicia o vindeiro luns, 5 de outubro, a súa programación...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here