A portavoz do goberno local de Santiago de Compostela, Miriam Louzao, defendeu este luns a aplicación da taxa turística na cidade, que cualificou de “xustiza” e “xustificada”. O obxectivo do executivo municipal é que entre en vigor o 1 de outubro, salvo que unha medida xudicial obrigue a atrasala, tras o recurso presentado pola Unión Hoteleira de Compostela (UHC).
En rolda de prensa, Louzao subliñou a necesidade deste imposto para que os visitantes contribúan aos gastos que xera a súa estancia en Santiago. Chamou á “colaboración e á sensatez” e instou a traballar “de forma conxunta”, aínda que reprochou a “actitude belixerante” dunha parte do sector, en referencia aos promotores do recurso contra a taxa.
A edil criticou que se empreguen os datos “ao interese de cada quen” e lembrou que só existe un imposto aplicable ás estancias, non ás visitas dun día. “Isto é máis que xustificado”, afirmou, incidindo en que a finalidade é “mellorar a vida dos cidadáns e tamén do propio sector turístico”. Louzao asegurou que o Concello sempre ofreceu “diálogo” e lamentou a falta de disposición dalgunhas partes.
Finalmente, cualificou a postura da UHC de “case política” e pediulle claridade sobre a súa posición respecto da taxa turística na Coruña, cuestionando se tamén a recorrerán. Ao seu xuízo, a organización está a situarse “en contra do que demanda a maioría da poboación compostelá” e instouna a “alienarse cos intereses veciñais”.

