Este luns comezará unha nova edición de ‘Estrelas non Camiño de Santiago’, un evento gastronómico solidario que alcanza xa a súa undécima edición e na que se darán cita un grupo de chefs con máis de 70 Estrelas Michelin.
Unha vez máis, este encontro visibilizará o potencial gastronómico da comunidade xunto coa calidade dos produtos galegos, “un evento que contribúe a situar Galicia como terra de experiencias únicas e auténticas”, explicou o Goberno galego nunha nota de prensa.
Así, o grupo de chefs participará este luns nunha experiencia na contorna da ría de Muros e Noia, promovida por Turismo de Galicia, na que vivirán “unha inmersión no patrimonio natural, cultural e gastronómico do litoral galego, facendo homenaxe ao traballo do marisqueo tradicional”.
Os responsables da Confraría de Pescadores San Bartolomé de Noia conducirán esta actividade que inclúe unha visita ás instalacións do criadeiro do Freixo, a semente a pé de ría de máis de 65.000 crías de ameixas e unha degustación de produtos de Galicia Calidade. O grupo de cociñeiros estará acompañado polo director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles e a directora de Galicia Calidade, Ana Méndez, entre outras autoridades.
Xa pola tarde, o grupo desprazarase ata Gonte (Negreira), onde terá lugar o acto central do evento, do que todo o diñeiro recadado destinarase á Asociación Saúde Mental A Creba e á Fundación de persoas con discapacidade intelectual da comarca da Barcala.