O persoal de limpeza do Complexo Hospitalario Universitario De Santiago de Compostela (CHUS) concentrouse este martes ás portas do hospital para denunciar os “constantes incumprimentos” de convenio e para expor tamén as “condicións infrahumanas” dos vestiarios.
Neste sentido, as traballadoras da limpeza do CHUS, servizo externalizado a través da empresa concesionaria Ilunión, alertaron tamén de “a negativa da empresa” a convocar as prazas baleiras, “unha redución de persoal que supón a sobrecarga constante das traballadoras activas”.
Respecto das condicións dos vestiarios, aseguraron que estes levan 25 anos sen remodelarse, “a pesar de duplicarse hai anos o número de persoas que fan uso deles”. Cabe sinalar que Ilunión convocou á representación do persoal a unha reunión, pero non lograron chegar a un acordo.
Con todo, as traballadoras advertiron de que “non van cesar” as mobilizacións “se non se solucionan estes problemas que só empeoran co paso do tempo”. Nunha nota de prensa lembraron que este xoves terá lugar outra concentración ás portas do Clínico ás 19.00 horas.