InicioSOCIEDADECales son as rúas con máis radon de Compostela?

Cales son as rúas con máis radon de Compostela?

Sorpresas no Franco e no Obradoiro

Publicado o

Por Ángela Precedo

O radon é un gas presente en practicamente todo o territorio galego, debido á gran riqueza en granito do noso solo. Con todo, e grazas ás medicións levadas a cabo polo Laboratorio de Radon de Galicia, foi posible determinar cales son aquelas zonas nas que se atopan maiores concentracións deste elemento, creando así unha radiografía moi completa do noso territorio no que a este gas respecta. Dado que o nivel de detalle chega ata a división por seccións censais, o Galicia Confidencial realizou unha análise de cales son as zonas da cidade de Santiago de Compostela nas que hai maiores concentracións de radon, cos datos vixentes. Hai que ter en conta que pode haber lugares nos que non se levaron a cabo as suficientes medicións como para sacar conclusións precisas, polo que a clasificación actual pode cambiar no futuro, pero imos falar da realidade cos datos actuais na man.

Así, segundo as diferentes medicións, o Laboratorio de Radon de Galicia estableceu tres divisións: espazos nos que máis do 10 % das vivendas superan os 300 bequerelios por metro cúbico; espazos nos que o fan entre o 5 e o 10 % das edificacións; e espazos nos que o fan menos do 5 %. E por que 300 bequerelios? O último informe da Organización Mundial da Saúde (OMS) expón que a partir de 100 bequerelios por metro cúbico, unha exposición prolongada ao radon xa pode ter un efecto nocivo para a saúde, polo que recomenda usar ese nivel como referencia de base. Sen embargo, en España, o nivel de referencia que se adopta para falar de elevadas concentracións de radón nos diferentes puntos do territorio está nos 300 bequerelios deste gas por metro cúbico. Este é o nivel indicado tamén na Directiva Europea 59/2013, cuxa transposición se levou a cabo en España no 2022, e que agora aparece tamén recollida no novo Código Técnico da Edificación (CTE).

Así, as zonas da capital galega onde hai máis do 10 % que superan os 300 bequerelios de radon por metro cúbico son moi diversas: dende o barrio de Conxo (practicamente na súa totalidade), ata A Pontepedriña (tamén practicamente na súa totalidade, incluíndo nos seus límites o Túnel do Hórreo e os comezos da Avenida de Lugo, que por unha banda estaría nun espazo con alta concentración de radon e, pola outra, nun con baixa concentración). Igualmente, no caso do barrio das Fontiñas, practicamente todas as súas divisións internas se atopan por enriba dese 10 % de vivendas con concentracións de gas radon de máis de 300 bequerelios, aínda que hai unhas cantas construcións que se salvan (ou que non contan con moitas medicións como para determinar concentracións tan elevadas), fundamentalmente as ubicadas nas rúas de Madrid, de París, de Roma e de Bruxelas, ou na zona do Miradoiro das Fontiñas e do Parque de Carlomagno.

No caso de Amio, a totalidade da zona se atopa con máis do 10 % das súas vivendas e espazos con concentracións de radon superiores aos 300 bequerelios por metro cúbico, agás a que se atopa máis próxima ao mercado de Amio, na súa chegada xa ao Polígono Industrial de Costa Vella. Do mesmo xeito, na zona das Cancelas e parte de Salgueiriños se dá tamén esta situación. Iso si, chegando a San Caetano esas altas porcentaxes de edificacións con elevadas concentracións de radon baixan notablemente, quedando xa por baixo dun 5 % de vivendas ou espazos de traballo con máis de 300 bequerelios por metro cúbico, algo que tamén acontece en case todo o barrio de Vite (agás en Vite de abaixo, onde volven dispararse os niveis ata o grao máximo que contempla esta división).

O caso máis curioso, sen lugar a dúbidas e dada a antigüidade das súas construcións, dáse precisamente no Casco Vello da cidade, especialmente na rúa do Franco e arredores, onde as medicións de radon en vivendas determinaron que hai menos dun 5 % das mesmas con concentracións deste gas superiores aos 300 bequerelios (ou, alo menos, non hai medicións suficientes para determinar o contrario). Igualmente acontece na zona da Praza de Galicia tamén estaría por baixo do 5 %. Iso si, hai que dicir que si que hai outras zonas da cidade vella que se atopan por enriba dese 10 % de construcións con máis de 300 bequerelios, como é o caso dunha parte das vivendas da rúa Virxe da Cerca, as do Preguntoiro, as de San Paio de Antealtares, as da Calzada de San Pedro ou as de Belvís, entre outras. E, no caso do Obradoiro, cómpre sinalar que a praza como tal, así como o propio edificio do reitorado da universidade (USC) e o do Concello, se atopan en zona de baixa concentración de radon, mentres que a Catedral xa está no límite no que comezan os niveis máis elevados.

Tamén é canto menos chamativo o caso da Rúa Hórreo, con dúas partes ben diferenciadas: unha con máis do 10 % de edificacións que superan os 300 bequerelios por metro cúbico de radon e outra con entre o 5 e o 10 %, é dicir, con menores niveis. Niveis intermedios que tamén se trasladan ás rúas paralelas, a Doutor Teixeiro e Gómez Ulla, así como a Santiago de Guayaquil, República Arxentina e Xeneral Pardiñas. Para atopar outros espazos que non estean en concentracións nin moi altas nin moi baixas, xa sería preciso desprazarse ata o barrio de San Lázaro, case na súa totalidade, incluíndo o estadio, onde habería entre un 5 e un 10 % de construcións por enriba dos 300 bequerelios.

Por outra banda, se nos imos ata os polígonos industriais da cidade, atopámonos con que ningún dos dous máis importantes, nin o Polígono do Tambre nin o Polígono de Costa Vella se atopan en zonas de altas concentracións de radon, de tal maneira que neles, menos do 5 % das edificacións (na súa maioría empresas) se atopan por enriba dos 300 bequerelios deste gas por metro cúbico. Tampouco hai especial incidencia do radon en infraestruturas construídas nos barrios periféricos de Santa Marta ou A Choupana, lugar no que se atopan as instalacións do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS). Nin tampouco en zonas máis céntricas próximas á Alameda e ao Campus Sur da USC, como a Praza Roxa ou o barrio de Vista Alegre.

ÚLTIMAS

Podería acontecer en Santiago o que acontece en Madrid se continúa a proliferación de pisos turísticos?

En España, en tan só unhas décadas, pasouse de facer grandes campañas de marketing...

Podería acontecer en Santiago o que acontece en Barcelona se continúa a proliferación masiva de pisos turísticos?

En España, en tan só unhas décadas, pasouse de facer grandes campañas de marketing...

(Vídeo) Un camión encáixase contra unha casa tras unha saída de vía na Sionlla

Un camión encaixouse este domingo contra unha edificación na Sionlla, en Santiago, mentres circulaba...

Atopan un proxectil tras sufocar un incendio no piso superior dunha vivenda na rúa Agra da Garrida

Os Bombeiros de Santiago interviñeron durante a madrugada deste domingo nun incendio que calcinou o piso...

Podería acontecer en Santiago o que acontece en Madrid se continúa a proliferación de pisos turísticos?

En España, en tan só unhas décadas, pasouse de facer grandes campañas de marketing...

Podería acontecer en Santiago o que acontece en Barcelona se continúa a proliferación masiva de pisos turísticos?

En España, en tan só unhas décadas, pasouse de facer grandes campañas de marketing...

(Vídeo) Un camión encáixase contra unha casa tras unha saída de vía na Sionlla

Un camión encaixouse este domingo contra unha edificación na Sionlla, en Santiago, mentres circulaba...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here