InicioPOLÍTICAMaría Rozas: "Creo que se foi moi inxusto con Compostela Aberta e...

María Rozas: “Creo que se foi moi inxusto con Compostela Aberta e o tempo dá e quita razóns”

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas
Xa hai case un ano dende que es Tenente de Alcaldesa, e ademais formando parte dun grupo municipal que resultou clave para a formación do goberno local actual. Como cambiou a María Rozas dende entón até agora?

Pois cambiou en que teño moito menos tempo libre, como me botan en cara as miñas fillas. Teño dúas fillas pequenas que mo din case a diario, pero despois a dinámica é case a mesma. Con menos tempo libre, pero coas mesmas forzas e a mesma ilusión que hai un ano.

Facendo balance de ano, dende Compostela Aberta marcámonos este mandato como mandato do social. Como se sabe, un dos departamentos que eu teño é o de Dereitos Sociais. Dende aí fomos dando pasos dende os que particularmente eu me sinto moi orgullosa.

Por poñer algún exemplo, duplicamos o orzamento do Servizo de Axuda no Fogar, entrou en vigor o novo contrato esta pasada fin de semana. Pasamos de 3,6 millóns de euros a 6,3 millóns. Tamén sacamos a convocatoria máis grande de bolsas de comedor escolar do Concello de Santiago. Incrementamos un 40% en comparación co ano anterior. Temos 1,1 millóns de euros de bolsas de comedor escolar. Somos a cidade galega que máis investimento fai para unha iniciativa como esta. Estamos en 11 euros por habitante fronte aos 8,4 da Coruña ou os 4,6 de Vigo. Ademais, creo que en cuestión como estas é onde se marcan as prioridades e onde se demostra que non dá igual quen goberne. E digo isto porque no 2015 cando Compostela Aberta chegou ao goberno por primeira vez o que se destinaba a bolsas de comedor escolar co Partido Popular eran 85.000 euros. Nese mandato de Compostela Aberta acabamos o mandato con 600.000, e agora acabámolo de subir a 1,1 millóns de euros. Non dá igual quen goberne.
Este mandato é un mandato do social. E despois para nós tamén é un mandato no que hai que afrontar un dos principais retos que ten Santiago, que é a mobilidade, que tamén depende de Compostela Aberta, do meu compañeiro Xan Duro.
Aí tamén se foron dando pasos neste primeiro ano de mandato como poden ser os autobuses, esa grande demanda dos veciños e veciñas de Santiago, e con razón. Temos un sistema de transporte público que non é digno de estar no 2024 e aí hai unha proposta cun estudo económico e un orzamento tamén moi importante, onde se melloran as frecuencias, hai bus directo ao aeroporto, hai bus nocturno…
Ti que xa fuches alcaldesa de Santiago durante un mes, durante a baixa por paternidade de Martiño Noriega. Cres que é doado gobernar unha cidade? Agora mesmo existen moitas críticas ao goberno local porque se di que non se está a facer nada…
Gobernar non é sinxelo. Eu creo que isto é algo do que temos que ser todos conscientes porque ás veces se cae no superficial. Gobernar é difícil. Gobernar require valentía e eu creo que Compostela Aberta demostrou que lle sobra diso, tanto na etapa anterior na de Martiño como alcalde como agora.
Sobre a cuestión de que non se están a facer cousas. Ás veces é difícil para un veciño ou unha veciña entender a dinámica administrativa e burocrática que teñen os concellos e que provoca unha lentitude bestial.
Entón parece que non se están facendo cousas porque a idea que hai desde fóra é chegar ao goberno, dar a orde e ao día seguinte temos autobuses novos en Santiago. É a realidade é que non. É un proceso moi longo.

Como conselleira de Servizos Sociais impulsaches a inciativa ‘Compostela Decide’, que permite que a cidadanía poida decidir parte dos orzamentos municipais. Cres que outros gobernos ou outras administracións públicas deberían ter máis en conta a cidadanía como se ten neste proxecto?
A cidadanía non debería ter só unha relación coas administracións cada catro anos para meter un sobre na urna. Eu creo que a cidadanía quere máis e que as administracións públicas temos que poñer as ferramentas. Para a decisión non existen máis mecanismos.
Hai mecanismo de participación, suxerindo cousas que quedan no compromiso do responsable político. E, porén, os orzamentos participativos son suxerir algo, votar, decidir entre as propostas que se suxeriron e executalas.
Para Compostela Aberta esa é a nosa cultura política.
Foron 100.000 euros que se repatiron en 10 iniciativas, a máis votada foi cine ao aire libre, que se celebrará na Alameda a última semana de xullo. Houbo tamén moitas propostas vinculadas á música, de festivais de música de diferentes estilos. Había tamén propostas vinculadas á saúde mental, de cursos de primeiros auxilios e tamén vinculadas a campañas de adopción de animais. Diversas e moi interesantes todas.
Concordas coa alcaldesa en que non se está facendo unha oposición construtiva?
Eu creo que é evidente. Vese en todos os plenos. Faltan propostas e o que hai é crítica destrutiva e ás veces mesmo que roza a educación e o mínimo que se debería ter en calquera tipo de ámbito político ou en calquera traballo.
Entón eu creo que iso é evidente. Fronte a iso, o que nos toca como goberno é demostrar que hai propostas, ir executándoas e ir cambiando Santiago para que no 2027 teñamos un Santiago mellor do que tiñamos no 2023.
Unha pregunta moi concisa e moi directa: Que opinas da división que existe agora mesmo dentro da esquerda?
Eu creo que ás veces os diferentes partidos políticos e a xente que se dedica á política non está á altura do que se espera. En vez de centrarse na capacidade de chegar a acordos, céntranse máis ou se amplifican máis as divisións e as discrepancias.
Estamos agora mesmo nun momento moi polarizado. Entón eu creo que as discrepancias e as diferenzas de opinión son boas e enriquecedoras, pero que tamén como se xestionan é importante.
Cal pensas que será o futuro de Compostela Aberta? En Santiago pareceu unha montaña rusa. Maioría de votos en 2015 que fixo gobernar a Martiño Noriega e agora unha minoría, aínda que moi decisiva. Como cres que funcionará o futuro de Compostela Aberta?
Compostela Aberta é unha forza que está consolidada en Santiago. Máis alá do 2015, que si que había tamén diferentes Mareas ou organizacións políticas en todo o Estado español, no que era momento de que estas iniciativas aglutinaban un nivel de votos importante, moitas desas organizacións políticas locais foron desaparecendo. E porén Compostela Aberta non. E isto é, eu sempre o digo, por varios motivos.
O primeiro, Compostela Aberta demostrou que as iniciativas que defendeu no mandato liderado por Martiño Noriega, do 2015 ao 2019, eran iniciativas que cambiaron Santiago.
Por poñer algún exemplo: nós dimos o primeiro debate da taxa turística. Criticáronnos… “Turismofóbico” foi o máis bonito que nos chamaron, e agora creo que hai certo consenso niso.
Tamén falabamos das vivendas de uso turístico, cuestións como a depuradora de Santiago, a intermodal… No seu momento eran moi criticadas e que nunca veríamos esas infraestruturas e témolas aí.
Eu creo que se foi moi inxusto con Compostela Aberta no seu momento e que o tempo dá e quita razóns. E agora está dándonos moitas razóns.
Compostela Aberta é unha organización consolidade, que ten ademais no seu currículo todas estas iniciativas como moitas máis, e que ten tamén un gran capital político.

ÚLTIMAS

O Monbus Obradoiro supera ao Inveready Gipuzkoa nun axustado encontro en Donosti

O Monbus Obradoiro acadou unha nova vitoria na sexta xornada da liga de Primeira...

Os Bonos Corazón 2024 de Santiago abren a inscrición para comerciantes e a descarga para usuarios

O programa de Bonos Corazón do Concello de Santiago volve en 2024 con novidades...

O Concello organiza unha recollida de produtos para os afectados pola DANA

O Concello de Santiago anunciou a posta en marcha dunha campaña de recollida de...

Ames organiza un partido solidario para apoiar os campamentos saharauís afectados polas inundacións

O Concello de Ames acollerá o domingo, 10 de novembro, un partido solidario no...

A conselleira Fabiola García visita as instalacións de Atención Temperá en Teo e Ames

A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou este venres as instalacións do punto...

O PP afea a “subida” de prezo do plan de conciliación de Nadal: “De 0 a 12 euros por día”

O concelleiro do PP de Santiago, Borja Rubio, afeou a "subida do prezo" do programa...

José Antonio Constenla critica a substitución de luminarias no Campus Sur por parte do BNG

O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Antonio Constenla, denunciou hoxe en rolda...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here