InicioSANTIAGOO Concello de Santiago debaterá en maio crear unha comisión sobre a...

O Concello de Santiago debaterá en maio crear unha comisión sobre a xestión “máis eficiente” do ciclo da auga

O obxectivo, sostén o goberno local, é "dar os pasos necesarios para regularizar os servizos básicos de abastecemento de auga e saneamento que se prestan dunha maneira precaria" no concello de Santiago de Compostela desde que venceu a prórroga do contrato

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago informou de que o pleno da Corporación de maio debaterá unha proposta da Alcaldía para crear unha comisión especial para analizar a forma “máis sustentable e eficiente” da xestión do ciclo da auga, que estará integrada por unha representación de todos os grupos e por persoal técnico municipal.

Esta comisión elaborará un informe coas conclusións de acordo co estudo realizado en xullo de 2020, “sen prexuízo de impulsar outros traballos que xulgue necesarios” para o cumprimento do seu fin.

O obxectivo, sostén o goberno local, é “dar os pasos necesarios para regularizar os servizos básicos de abastecemento de auga e saneamento que se prestan dunha maneira precaria” no concello de Santiago de Compostela desde que venceu a prórroga do contrato.

A forma de xestión do servizo do ciclo integral da auga é, agregou o goberno local, “unha decisión que debe dar lugar a un modelo que perdurará por un longo período de tempo. “Iso, unido á importancia que ten este servizo esencial, fai recomendable conseguir o maior consenso posible na forma de xestión”, esgrime.

A proposta para pór en marcha esta comisión inclúe que estará integrada pola alcaldesa ou membro da Corporación en quen delegue, que actuará como presidente da comisión, e dous membros representantes do seu respectivo grupo municipal dos que forman a Corporación.

Ademais, estarán as persoas titulares de órganos e postos técnicos, que terán voz pero non voto, da Secretaría do pleno, da Dirección da Asesoría Xurídica, da Intervención municipal, da Dirección da área de Urbanismo e Infraestruturas, da Coordinación Xeral, da Xefatura de Sección de Saneamento e da Dirección da área de Sustentabilidade e Servizos Básicos, que actuará como secretaria desta comisión.

Cando se constitúa a comisión, poderá requirir o asesoramento que considere, tanto de persoal técnico municipal como externo, e cando o así o decida, dará conta ao pleno dos seus avances ou das decisións adoptadas.

“EMPEZA A CONTA ATRÁS”

Con respecto á comisión, a edil socialista Mila Castro deu por feito que “empeza a conta atrás” para que Sanmartín “Teña que arrepentirse de novo do que votou no pasado. Celebrou que se dean pasos para iniciar un proceso no que, augurou, “os informes dirán o mesmo que dixeron fai case catro anos: que a forma de xestión da auga en Santiago debe ser a través dunha concesión”.

Así mesmo, cuestionou que o BNG defenda agora que a súa postura será “respectar o que digan os informes” cando “hai ano e medio votou en contra do que dicían eses informes”.

Fontes do PP local trasladaron que estarán onde sexan chamados para “traballar polos composteláns”. En todo caso, engaden que non dispoñen de información e lamentan que “o que debía ser unha prioridade para a cidade non o sexa” e quen deben dirixir o Consistorio estean “máis ocupados perdendo o tempo con pelexas internas”.

“Despois dun ano vai sendo hora de que se poñan a traballar en algo, é importante destacar que, neste asunto, o programa electoral de Compostela Aberta é antagónico ao do BNG, aínda que supomos que, como en todo, CA cederá por manterse nos cargos”, resolven os populares.

ÚLTIMAS

Os Franco, condenados a restituír ao Concello de Santiago dúas esculturas do Mestre Mateo

O Tribunal Supremo vén de poñer fin ao longo litixio entre o Concello de...

Goberno e Concello acordan construír vivendas integramente accesibles na parcela do antigo Peleteiro

O Concello de Santiago e o Ministerio de Vivenda avanzaron este xoves nun acordo...

O antigo Peleteiro terá “100% vivendas alcanzables” e será parte da empresa pública estatal

A ministra de Vivenda e Axenda Urbana, Isabel Rodríguez, avanzou que a nova empresa...

O Concello presenta o vehículo ‘Neno’ como eixo dun proxecto piloto de micromobilidade para reducir o uso do coche privado en Santiago

O Concello de Santiago presentou este mércores un proxecto piloto de micromobilidade sostible que...

O Concello prohibe a apertura de novos negocios automáticos no casco histórico da cidade

O Concello de Santiago vén de aprobar inicialmente unha modificación puntual do Plan Especial...

O PP volve cargar contra as festas de Santiago, acusando ao BNG de “arruinalas”

O Partido Popular de Santiago censura a xestión do BNG nas festas locais e...

O BNG celebra na Praza de Cervantes dous anos á fronte do Goberno de Santiago

O Bloque Nacionalista Galego reuniu este martes á súa militancia, simpatizantes e representantes do...