InicioPOLÍTICAA Xunta de Goberno dá luz verde ao cambio de uso dunha...

A Xunta de Goberno dá luz verde ao cambio de uso dunha parcela para construír 36 vivendas públicas en Santiago

O Concello inicia ademais os expedientes para aplicar a recarga do IBI a outras 16 vivendas baleiras de entidades bancarias e licita actuacións viarias no Cruceiro da Coruña e nas Fontiñas

Publicado o

Xornal de Compostela

A Xunta de Goberno Local de Santiago aprobou este luns a ordenación dunha parcela situada na rúa de Ildefonso Sánchez Mera, na contorna da Volta do Castro, para permitir a construción de 36 vivendas de promoción pública. O acordo municipal modifica o uso previsto para estes terreos, propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), que estaban destinados inicialmente a oficinas.

A concelleira Míriam Louzao explicou en rolda de prensa que o predio conta cunha superficie de 1.214 metros cadrados e está situado ao carón da residencia de persoas maiores. O IGVS cedérao en 2006 a Portos de Galicia coa finalidade de levantar un edificio para os seus servizos administrativos, unha actuación que finalmente non chegou a executarse. En 2025, o Instituto volveu adquirir a parcela por 836.850 euros.

O planeamento atribúe aos terreos unha edificabilidade máxima de 4.000 metros cadrados, cunha previsión inicial dun único bloque de planta cadrada de 20 por 20 metros e unha altura máxima de 36 metros, distribuída en baixo e nove plantas. A proposta aprobada polo Goberno local conserva este volume, pero despraza a edificación cara ao extremo sur da parcela, co obxectivo de incrementar a separación respecto dos inmobles próximos e ampliar os espazos libres.

O principal cambio afecta ao uso da parcela, que pasa de terciario a residencial para acoller vivenda protexida. Segundo explicou Louzao, a modificación ampárase na normativa autonómica que permite destinar determinados solos públicos de uso dotacional ou terciario a vivendas protexidas ou aloxamentos compartidos promovidos polo sector público autonómico sen tramitar unha modificación do planeamento. O Concello debía, non obstante, ratificar o cambio de uso.

As futuras vivendas protexidas poderán destinarse tanto a alugueiro como a venda, mentres que os aloxamentos compartidos, no caso de optarse por esta fórmula, só poderían ofrecerse en alugueiro. Louzao indicou que, malia o incremento da capacidade residencial, o ámbito continuará por riba dos estándares mínimos de espazos libres, zonas verdes e equipamentos establecidos pola normativa.

En concreto, coa nova ordenación haberá 32 metros cadrados de espazos libres e zonas verdes por cada 100 metros cadrados construídos de vivenda, fronte aos 15 metros cadrados mínimos esixidos, segundo os datos trasladados polo Concello. No caso dos equipamentos, a proporción será de 15 metros cadrados fronte ao mínimo de cinco.

EXPEDIENTES PARA RECARGAR O IBI DE 16 VIVENDAS BALEIRAS

A Xunta de Goberno tamén deu conta do inicio de novos expedientes para declarar como vivendas baleiras con carácter permanente 16 inmobles pertencentes a entidades bancarias. O procedemento permitirá, unha vez completada a tramitación e determinada a situación de cada propiedade, aplicar a correspondente recarga na cota do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI).

Louzao explicou que todas estas propiedades figuran no censo de vivendas baleiras da Xunta de Galicia. O Concello xa iniciara anteriormente procedementos similares sobre outros tres inmobles, polo que son 19 as vivendas de entidades bancarias afectadas ata o momento por este tipo de actuacións municipais.

A contía concreta da recarga non queda determinada co inicio do expediente. “Dependendo das condicións das vivendas aplicaráselles o que lles corresponda”, sinalou a concelleira, que vinculou esta medida coas actuacións que está a desenvolver o Concello dentro das súas competencias en materia de vivenda.

MÁIS DE 200.000 EUROS PARA DÚAS ACTUACIÓNS VIARIAS

No apartado de contratación, o Goberno local autorizou o expediente para licitar as obras de mellora da drenaxe na avenida do Cruceiro da Coruña, no tramo comprendido entre os números 185 e 191. A actuación conta cun orzamento base de 66.257,26 euros, IVE incluído, e terá un prazo de execución de dous meses desde a súa adxudicación.

Os traballos pretenden mellorar a evacuación superficial da auga mediante a reparación dos elementos existentes da rede e a incorporación doutros novos para reforzar a recollida das escorrentías. O proxecto tamén inclúe a reparación do desgaste superficial da beiravía, a adecuación dos encontros coas parcelas próximas, a formalización dunha parada de autobús e dun paso de peóns e melloras na sinalización.

A segunda actuación será a construción dunha glorieta na intersección das rúas de Londres e Lisboa, nas Fontiñas, cun orzamento base de licitación de 140.000 euros e un prazo de execución previsto de tres meses. O Concello busca con esta intervención reorganizar a circulación e facilitar especialmente as manobras dos autobuses.

O proxecto obrigará a remodelar as beirarrúas e adaptar os servizos e o mobiliario urbano. A intersección conta actualmente con catro pasos de peóns e a actuación manterá a continuidade dos percorridos peonís e dos carrís bici da rúa de Londres. Tamén se incorporarán pavimentos podotáctiles, eliminaranse barreiras arquitectónicas e instalarase unha nova columna de iluminación no interior da glorieta.

Nos dous contratos, a adxudicación realizarase exclusivamente mediante criterios avaliables con fórmulas matemáticas. O prezo representará o 80% da puntuación, mentres que o 20% restante poderá obterse mediante a ampliación do prazo de garantía.

CONVENIOS POR MÁIS DE 440.000 EUROS

A sesión serviu tamén para aprobar unha serie de convenios de colaboración con entidades deportivas, sociais, culturais e empresariais. Entre eles figura unha achega de 120.000 euros ao Obradoiro Club de Amigos do Baloncesto SAD, 50.000 euros á Sociedade Deportiva Compostela e 150.000 euros á Asociación Área Empresarial do Tambre.

No ámbito deportivo tamén se aprobaron 6.000 euros para a Federación Galega de Judo e Disciplinas Asociadas, 5.000 para a Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas, 20.000 para Triatlón Santiago e 12.000 para Arteal Tenis de Mesa.

En materia social, o Concello acordou destinar 15.000 euros á Asociación Itínera de Voluntarios en Saúde Mental e 60.000 euros á Asociación de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental. A Xunta de Confrarías da Semana Santa recibirá, pola súa banda, unha achega de 3.000 euros. En conxunto, os convenios anunciados suman 441.000 euros.

A Xunta de Goberno deu igualmente o visto e prace á proposta de xurado para a XVII edición dos premios Educa Compostela e concedeu varias licenzas de obra maior. Entre elas figuran a rehabilitación dunha vivenda na rúa de Vistalegre, actuacións nas fachadas e patios dun edificio da Costa Nova de Abaixo, a substitución de galerías exteriores e o retellado dun inmoble da rúa da Angustia e unha reforma de fachada para instalar illamento na rúa do Rosario. Tamén se autorizou a rehabilitación dun inmoble para dous apartamentos turísticos no número 19 da rúa de San Lázaro.

RAXOI MANTÉN ABERTOS POLA NOITE OS BAÑOS PÚBLICOS DO OBRADOIRO

Fóra dos asuntos estritamente tratados na Xunta de Goberno, Louzao respondeu ás preguntas sobre a acampada polo dereito á vivenda instalada na praza do Obradoiro. A concelleira confirmou que o Concello decidiu manter abertos durante a noite os baños públicos da zona para que poidan ser utilizados polas persoas participantes na protesta.

“Entendemos que hai unhas persoas aí concentradas e evidentemente hai uns baños públicos e decidiuse manter abertos para que as persoas poidan ir aos baños”, explicou. Louzao precisou que a medida non implica que o Pazo de Raxoi permaneza aberto durante a noite, senón unicamente os aseos públicos situados na contorna.

A edil xustificou a decisión por razóns de salubridade e reiterou que o Goberno municipal respectará o dereito das persoas acampadas a manter a protesta. Segundo indicou, membros do Executivo local mantiveron contactos cos participantes para abordar cuestións relacionadas coa mobilidade e a organización do espazo, ao tempo que representantes do Goberno compostelán participaron na concentración polo dereito á vivenda celebrada esta fin de semana.

ÚLTIMAS

A mocidade no Obradoiro seguirá a acampada: “A dereita traerá máis miseria”

Os mozos acampados pola vivenda na praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela, aseguraron...

A mocidade socialista de Compostela convoca unha protesta de urxencia polo adianto electoral

A Coordinadora da Mocidade Socialista (CMS) convocou para este luns unha mobilización de urxencia...

BNG, Compostela Aberta e PSOE sitúan a vivenda no centro do adianto electoral en Santiago

O BNG, Compostela Aberta e o PSdeG de Santiago reaccionaron este luns ao anuncio...

Santiago abre o ciclo ‘Malestares’ para abordar os medos e incertezas da mocidade

A Concellería de Xuventude de Santiago e a Asociación Mulleres Andaina impulsan durante este...

BNG, Compostela Aberta e PSOE sitúan a vivenda no centro do adianto electoral en Santiago

O BNG, Compostela Aberta e o PSdeG de Santiago reaccionaron este luns ao anuncio...

O PP cifra en máis de 250 os asistentes á súa III Romaría e Verea chama a intensificar o traballo para as municipais

O PP de Santiago celebrou este sábado a súa III Romaría Popular, unha cita...

Sanmartín defende as medidas municipais de vivenda e reclama á Xunta que inspeccione os alugueiros en Santiago

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, amosou este venres o seu apoio ás mobilizacións...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here