InicioPOLÍTICAPedro Blanco propón que o desenvolvemento de Mallou combine vivenda, servizos e...

Pedro Blanco propón que o desenvolvemento de Mallou combine vivenda, servizos e diálogo coa veciñanza

O candidato socialista á Alcaldía de Santiago reclama á Xunta e ao Concello unha canle estable de información coas persoas afectadas polo PIA e valoracións individualizadas das parcelas

Publicado o

Xornal de Compostela

O candidato socialista á Alcaldía de Santiago, Pedro Blanco, defendeu que o futuro desenvolvemento urbanístico de Mallou debe servir para incrementar a oferta de vivenda e, ao mesmo tempo, incorporar novos servizos e melloras para o barrio. O socialista reclamou ademais que o proceso se leve a cabo coa participación da veciñanza e das persoas propietarias afectadas polo Proxecto de Interese Autonómico (PIA) previsto pola Xunta de Galicia.

Blanco abordou a situación nun encontro con integrantes da Asociación Veciñal de Casa Agraria, no que estivo acompañado polos concelleiros do PSdeG Marta Abal e Gumersindo Guinarte. A reunión enmárcase nas ‘Conversas de Barrio’, unha iniciativa coa que o candidato está a manter encontros con entidades, colectivos e residentes dos diferentes barrios e parroquias compostelás antes de concretar as propostas do seu proxecto para a cidade.

Durante a xuntanza, os participantes abordaron as preocupacións existentes arredor do desenvolvemento previsto para Mallou e das consecuencias que terá para as persoas que actualmente residen ou dispoñen de propiedades neste ámbito. Blanco sostivo que a creación de nova vivenda debe compatibilizarse cos dereitos da poboación que xa está asentada na zona e coa mellora das condicións do propio barrio.

Neste sentido, o candidato socialista pediu tanto á Xunta como ao Concello de Santiago que establezan un mecanismo permanente de diálogo, información e acompañamento para a veciñanza e as persoas propietarias. Entre outras cuestións, reclamou que estas poidan consultar a documentación técnica relacionada co proxecto e que as alegacións presentadas reciban unha resposta efectiva durante a tramitación.

“O Concello e a Xunta teñen que sentarse, dialogar e buscar as mellores solucións para a cidadanía. Non vale mirar cara outro lado”, afirmou Blanco, que considera necesario que ambas as administracións se impliquen no proceso e manteñan informadas as persoas directamente afectadas polos cambios urbanísticos previstos.

Outro dos asuntos tratados foi o proceso de expropiación e a valoración dos terreos afectados. O candidato defendeu a posición que xa trasladara o Grupo Municipal Socialista e pediu que cada parcela conte cunha valoración individualizada, motivada e transparente. Así mesmo, reclamou que, dentro do marco establecido pola normativa, se empreguen os criterios máis favorables posibles para as persoas propietarias.

Blanco situou esta cuestión dentro dunha proposta máis ampla na que a vivenda, a renovación urbana e o benestar social figuran entre os ámbitos que pretende priorizar. Ao seu xuízo, a administración municipal debe desempeñar un papel activo ante os novos desenvolvementos previstos na cidade e aproveitar estes procesos para responder á demanda residencial e introducir melloras nos barrios.

Neste contexto, o candidato sostivo que o crecemento de Mallou non debería limitarse á construción de novas vivendas, senón que debe acompañarse de servizos, espazos públicos e mellores conexións que repercutan tamén nas persoas que xa viven na zona.

“O futuro de Mallou ten que construírse escoitando á súa veciñanza. Queremos vivenda, pero tamén queremos que este desenvolvemento sirva para mellorar o barrio, os seus servizos e as súas conexións. Non podemos permitir deixar a ninguén atrás”, manifestou.

ÚLTIMAS

A acampada de Santiago pola vivenda mantense pese ao mal tempo “ata que haxa cambios reais”: “Como bos galegos, non nos para a choiva”

A acampada pola vivenda instalada na Praza do Obradoiro de Santiago continuará de xeito...

Os Roteiros Saudables da AECC regresan a Santiago con andainas quincenais para combater o sedentarismo

O programa Roteiros Saudables da Asociación Española contra o Cancro (AECC) regresará a Santiago...

O PSOE urxe o Goberno de Santiago a completar o censo de vivendas baleiras e mobilizalas

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclamou ao Goberno local que complete o censo...

A mocidade no Obradoiro seguirá a acampada: “A dereita traerá máis miseria”

Os mozos acampados pola vivenda na praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela, aseguraron...

Subirats reivindica en Santiago máis capacidade para os concellos ante a interconexión das crises

O profesor de Ciencia Política da Universidade Autónoma de Barcelona e exministro de Universidades...

BNG, Compostela Aberta e PSOE sitúan a vivenda no centro do adianto electoral en Santiago

O BNG, Compostela Aberta e o PSdeG de Santiago reaccionaron este luns ao anuncio...

A Xunta de Goberno dá luz verde ao cambio de uso dunha parcela para construír 36 vivendas públicas en Santiago

A Xunta de Goberno Local de Santiago aprobou este luns a ordenación dunha parcela...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here