A evolución do vertido de xurros procedente de Tordoia permite ao Concello de Santiago afrontar con maior optimismo o seu avance cara ao punto de captación de auga do Tambre. A alcaldesa, Goretti Sanmartín, explicou este venres que a contaminación se atopa aproximadamente a entre sete e oito quilómetros da captación e presenta xa un grao de dilución que dificulta identificar unha fronte compacta. Cos datos dispoñibles, o Goberno local considera agora probable que non sexa necesario interromper a entrada de auga aos depósitos municipais.
Sanmartín insistiu, con todo, en diferenciar esta previsión da vixilancia que continuará aplicándose nas próximas semanas. Os depósitos permanecen ao 100% da súa capacidade e a auga que chega actualmente á rede é apta para o consumo, segundo trasladou a rexedora, que asegurou que o Concello manterá un criterio preventivo antes de permitir que a contaminación poida afectar ao sistema. “A auga que chega ás casas é apta e con calidade en todo momento. E vai seguir sendo así”, afirmou.
O episodio comezou o pasado 14 de setembro coa rotura dunha balsa de xurros nunha explotación gandeira de Tordoia. O material alcanzou inicialmente o río Bustelo e posteriormente avanzou polos cursos fluviais ata chegar ao Tambre. Augas de Galicia informou esta semana dunha redución progresiva dos valores de amonio e dos efectos das barreiras instaladas nos ríos afectados.
OS 0,25 MG/L FUNCIONAN COMO UNHA PREALERTA
Un dos puntos nos que incidiu a alcaldesa foi o límite de 0,25 miligramos por litro de amonio establecido polo Concello e por Veolia para activar as medidas preventivas na captación. Segundo explicou, esa cifra non representa o máximo que tecnicamente podería tratar a planta, senón un nivel de prealerta adoptado tendo en conta a orixe concreta da contaminación.
O informe técnico elaborado pola empresa responsable do servizo municipal distingue entre o amonio procedente da escorrentía de terreos agrícolas e o que acompaña un vertido directo de purín recente. Neste último caso, sinala Veolia, o amonio funciona como indicador inicial dunha masa que pode incorporar tamén contaminación microbiolóxica e materia orgánica aínda sen degradar. Por ese motivo, a empresa considera que valorar exclusivamente a concentración de amonio non permite determinar por si soa o risco nin a capacidade de tratamento da auga.
“Un determinado nivel de amonio nun vertido directo de xurro recente non se pode interpretar igual que o mesmo nivel procedente da escorrentía do terreo agrícola”, resumiu Sanmartín. A alcaldesa explicou que a magnitude da contaminación microbiolóxica asociada ao vertido continúa sen coñecerse con precisión, circunstancia que levou a adoptar os 0,25 mg/l como referencia preventiva.
O protocolo deseñado por Veolia establece que, se a auga bruta alcanza esa concentración na captación, reducirase o caudal de tratamento e deixarase temporalmente de introducir auga nos depósitos mentres se comproba a resposta da ETAP. Entre 0,25 e 1 mg/l, a matriz operativa prevé traballar inicialmente cun caudal de 300 litros por segundo e analizar a auga tratada antes de retomar o bombeo. Se a concentración supera 1 mg/l, o documento contempla a parada inmediata da planta.
Antes de volver enviar auga aos depósitos comprobaríanse, entre outros indicadores, o amonio, a materia orgánica, a turbidez e o cloro residual. Unha vez acreditado que a auga cumpre os criterios previstos, incrementaríase progresivamente o caudal e continuarían as análises, incluídas as microbiolóxicas. Veolia tamén considera necesario dispoñer de maneira continuada dos resultados de Augas de Galicia sobre parámetros como E. coli e enterococos para avaliar a evolución global do río.
OS DEPÓSITOS PERMITIRÍAN ENTRE 24 E 36 HORAS DE AUTONOMÍA
A alcaldesa confirmou que os depósitos municipais se atopan actualmente ao 100%, unha situación que o Concello vén mantendo desde o inicio do episodio. De ser necesario interromper a entrada de nova auga, a estimación trasladada polos técnicos sitúa a autonomía das reservas entre 24 e 36 horas, dependendo do consumo.
Só se esas reservas comezasen a reducirse sen unha perspectiva próxima de poder retomar o bombeo sería necesario, segundo explicou Sanmartín, valorar unha redución ou interrupción do abastecemento. “Agardamos que non chegue a ocorrer”, sinalou a alcaldesa, que asegurou que a situación é agora máis favorable que nos días anteriores polos niveis de dilución observados.
O Concello advertiu, en todo caso, de que o seguimento non finalizará cando pase a actual fronte do vertido. As previsións de chuvia poden provocar novos arrastres de restos depositados nas marxes ou no terreo, polo que a monitorización e os labores de limpeza deberán continuar durante semanas.
Sanmartín defendeu tamén a coordinación entre administracións nun episodio no que Augas de Galicia ten as competencias sobre a conca e o Concello sobre o abastecemento. Segundo explicou, Raxoi solicitou información ao organismo autonómico, compartiu os datos obtidos pola empresa municipal e pediu reunións para preparar os distintos escenarios. A alcaldesa recoñeceu ademais o traballo desenvolvido baixo a coordinación de Augas de Galicia e a participación das persoas e entidades implicadas nas tarefas de contención.
A Xunta sostivo nos últimos días que as análises mostraban unha diminución progresiva da afección e atribuíu parte desa evolución ás barreiras colocadas nos cursos fluviais. O Concello, pola súa parte, mantén que seguirá aplicando o protocolo preventivo ata que poida darse por finalizado o episodio, tanto para protexer o abastecemento de Santiago e O Milladoiro como para reducir o impacto ambiental no Tambre.

