InicioPOLÍTICARozas defende que Santiago xestione directamente os fondos estatais de vivenda

Rozas defende que Santiago xestione directamente os fondos estatais de vivenda

A tenenta de alcaldesa recoñece que a competencia corresponde á Xunta, pero sostén que os concellos deben poder administrar os recursos para actuar sobre o problema habitacional

Publicado o

Xornal de Compostela

A tenenta de alcaldesa de Santiago, María Rozas, defendeu que o Concello poida xestionar directamente os fondos estatais destinados ás zonas declaradas de mercado residencial tensionado, aínda que recoñeceu que a competencia en materia de vivenda corresponde á Xunta de Galicia.

Rozas pronunciouse así despois do debate aberto arredor do destino dos 5,1 millóns de euros anunciados polo Goberno central para Santiago e A Coruña, as dúas cidades galegas que contan actualmente coa declaración de zona tensionada. O borrador que regula estas subvencións prevé que os recursos sexan transferidos ás comunidades autónomas, que posteriormente deberán canalizalos cara ás áreas beneficiarias.

A representante de Compostela Aberta partiu do marco competencial existente. O artigo 27.3 do ‘Estatuto de Autonomía de Galicia’ atribúe á comunidade autónoma a competencia exclusiva en materia de ordenación do territorio, urbanismo e vivenda.

“Vivenda é unha competencia autonómica da Xunta de Galicia”, afirmou Rozas, que incidiu en que esta responsabilidade “non é do Estado, non é dos concellos, é da Xunta de Galicia”. Con todo, considerou que a distribución formal das competencias non debe impedir buscar fórmulas que permitan aos municipios actuar ante as dificultades de acceso á vivenda.

“Máis alá das competencias hai problemas que nos teñen que preocupar e nos teñen que ocupar”, sinalou. Rozas lembrou o carácter municipalista de Compostela Aberta e situou como prioridade do Goberno local que os recursos destinados a Santiago acaben materializándose en actuacións na cidade.

Segundo explicou, a súa petición parte tamén da experiencia con outras liñas de financiamento que pasan previamente polas administracións autonómicas. “Moitas ocasións hai fondos que chegan ás comunidades autónomas dos que as diferentes localidades ou diferentes municipios non acaban de ver o resultado”, asegurou.

Por este motivo, considera “lóxico” que, ante a situación da vivenda en Compostela, os concellos teñan capacidade para executar estes recursos. Rozas cuestionou ademais a posición do PP ante esta proposta, ao considerar que os populares reclaman habitualmente ao Concello intervencións en ámbitos que exceden as competencias municipais.

“Agora, cando chegan fondos, hai a posibilidade de executalos e atender o problema habitacional que temos nas cidades, pois non son partidarios”, afirmou. A tenenta de alcaldesa insistiu en que a reivindicación non supón negar o reparto competencial existente, senón reclamar unha maior participación municipal na utilización do financiamento.

“Entendo que as competencias son as que son”, indicou, antes de engadir que, desde unha perspectiva municipalista e atendendo ás necesidades de Santiago, comparte a demanda de que eses fondos sexan xestionados polo Concello.

ROZAS PON XOÁN XXIII COMO EXEMPLO DOS PRAZOS DA VIVENDA PÚBLICA

A dirixente de Compostela Aberta tamén vinculou esta petición coa evolución das políticas de vivenda pública na capital galega durante os últimos anos. Rozas sostivo que as dificultades de acceso á vivenda en Santiago veñen de atrás e cuestionou os tempos de execución de proxectos anunciados pola Administración autonómica.

Como exemplo mencionou os plans para Xoán XXIII, onde a Xunta ten actualmente en marcha un proxecto de 60 aloxamentos para menores de 36 anos. “A xente que tiña esperanza en ter vivenda en Xoán XXIII agora xa non son mozos ou mozas, xa serán os seus fillos ou fillas e, se nos descuidamos, os seus netos ou netas os que vaian utilizar esa vivenda, se algún día a vemos”, declarou.

Rozas estendeu esa crítica a outras propostas anunciadas para Compostela e pechou a súa intervención cunha pregunta sobre o balance da promoción pública na cidade durante os últimos anos. “Efectivamente, a competencia tena a Xunta de Galicia. E a pregunta é: cantas vivendas públicas se construíron en Santiago de Compostela na última década?”, afirmou. “Por esa mesma resposta queremos xestionar nós os fondos de vivenda”.

A Xunta, pola súa banda, sinala que actualmente ten varias promocións en diferentes fases en Santiago. Segundo os últimos datos divulgados polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, están en marcha 60 vivendas públicas no Castiñeiriño e Lamas de Abade, 36 en Volta do Castro e 60 aloxamentos xuvenís en Xoán XXIII. Tamén se tramitan 34 vivendas na avenida Syra Alonso e un proxecto para outras 244 en Salgueiriños, ademais do desenvolvemento de solo residencial en Mallou.

ÚLTIMAS

“A morte de Maricarmen é un asasinato da violencia rentista”, din os acampados en Compostela

As persoas mozas acampadas na Praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela, atribúen á...

Goretti Sanmartín proporá conceder a Medalla de Ouro de Santiago a Xosé Manuel Beiras a título póstumo

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, anunciou este xoves que promoverá a...

Anne Carson gaña o Nobel de Literatura 2026, unha autora que levou o Camiño de Santiago á súa obra

A escritora canadense Anne Carson foi distinguida co Premio Nobel de Literatura 2026, segundo...

Licitadas por case 870.000 euros as obras para mellorar a climatización do centros de saúde de Concepción Arenal e do Milladoiro

A Xunta de Galicia licitou por un importe conxunto de 869.966,67 euros os contratos...

Goretti Sanmartín proporá conceder a Medalla de Ouro de Santiago a Xosé Manuel Beiras a título póstumo

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, anunciou este xoves que promoverá a...

Borja Verea propón modificar o PXOM de Santiago para desbloquear a construción de miles de vivendas

O presidente do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, presentou unha proposta para revisar...

O PSdeG reclamará no Parlamento que a Xunta axilice a ampliación do polígono da Sionlla

A deputada socialista Patricia Iglesias anunciou que o PSdeG levará ao Parlamento de Galicia...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here