InicioPOLÍTICAVerea tira de ironía ante o choque no bipartito pola polémica de...

Verea tira de ironía ante o choque no bipartito pola polémica de Fly2Galicia: “Que pasa, bro?”

Compostela Aberta (CA), que goberna en Santiago en bipartito xunto ao BNG, expresou publicamente o seu rexeitamento á implantación de Fly2Galicia en Santiago tras as informacións coñecidas sobre a súa vinculación a capital israelí e "a calquera apoio institucional a entidades sospeitosas desa colaboración co xenocidio en Gaza".

Publicado o

Xornal de Compostela

Compostela Aberta (CA), socio do BNG no Goberno municipal de Santiago, expresou este venres o seu rexeitamento á implantación de Fly2Galicia na capital galega despois das informacións coñecidas nos últimos días arredor das empresas que participan na súa operativa aérea e da súa vinculación con capital israelí. O posicionamento chega nun momento no que o Concello trata de delimitar o alcance da colaboración que mantivo durante os últimos meses coa turoperadora.

A formación encabezada pola tenente de alcaldesa, María Rozas, trasladou a súa postura mediante unha mensaxe publicada na rede social X, na que se pronunciou tamén contra un eventual respaldo público a compañías relacionadas con actuacións de Israel en Gaza.

“Perante as últimas informacións sobre Fly2Galicia, CA reitera o seu rexeitamento a que no noso país operen empresas implicadas nas políticas xenocidas do Estado de Israel e a calquera apoio institucional a entidades sospeitosas desa colaboración co xenocidio en Gaza”, sinalou a organización.

Trátase do primeiro posicionamento público de Compostela Aberta como formación sobre a controversia, despois de que ao longo desta semana se coñecesen novos datos sobre a estrutura empresarial que sostén os voos anunciados desde o aeroporto de Santiago.

A mensaxe provocou tamén a reacción do líder do PP compostelán, Borja Verea, que ata o momento non fixera unha valoración pública sobre o fondo desta cuestión. Verea respondeu á publicación de CA cunha breve mensaxe de carácter irónico dirixida á relación entre os dous socios do Executivo local: “Que pasa, bro?”.

O pronunciamento de Compostela Aberta prodúcese despois de que o Concello modificase e precisase nos últimos días as explicacións sobre a relación mantida con Fly2Galicia. A comezos desta semana, o Goberno municipal asegurara que levaba “meses axudando” para que o proxecto puidese saír adiante.

Posteriormente, e tras transcender as informacións relativas ás compañías vinculadas coa operación, Raxoi difundiu un comunicado no que indicou que o seu coñecemento sobre as posibles conexións con Israel “se limita” ao publicado polos medios de comunicación. O Executivo compostelán reiterou nesa comunicación o seu compromiso “coa paz, co respecto aos dereitos humanos e co fin do sufrimento do pobo palestino”.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, deu este venres un novo paso para delimitar a posición municipal e asegurou que “nin houbo nin haberá” apoio económico á turoperadora, ao tempo que descartou que o Concello vaia prestar outro tipo de colaboración á empresa.

ROSÓN PIDE O EXPEDIENTE COMPLETO

A controversia chegou tamén ás concelleiras non adscritas. Mercedes Rosón reclamou este xoves ao Goberno de Goretti Sanmartín “explicacións inmediatas e sen rodeos” sobre a participación municipal no proxecto e anunciou que solicitarán formalmente por rexistro o acceso íntegro ao expediente administrativo relacionado coa chegada de Fly2Galicia a Lavacolla.

Rosón considera que os datos coñecidos ata agora abren interrogantes sobre diferentes aspectos da operación e sostén que é necesario determinar tanto o papel do Concello como o desenvolvido por Turismo de Santiago.

“Non estamos ante unha simple anécdota comercial. Estamos ante un proxecto avalado institucionalmente polo Concello que presenta demasiadas sombras e sobre o que a veciñanza ten dereito a coñecer toda a información”, afirmou.

Unha das principais cuestións que as concelleiras non adscritas queren esclarecer é se existiu algún tipo de compromiso económico ou administrativo por parte do Concello ou de Turismo de Santiago. Rosón remítese ás primeiras declaracións municipais, nas que o Executivo recoñeceu que colaborara durante meses para facilitar a posta en marcha da operativa.

“Queremos saber exactamente que apoio se prestou, en que consistiu esa mediación e se existiron compromisos económicos, patrocinios, contratos menores ou convenios con cargo ao orzamento municipal ou aos fondos destinados á promoción turística”, explicou.

Por este motivo, reclamarán que no expediente figuren os posibles contratos, convenios ou acordos relacionados coa operación, así como calquera documento relativo á utilización de recursos públicos.

“O diñeiro dos composteláns non pode poñerse ao servizo de operacións empresariais sen coñecer previamente en que consisten, que garantías ofrecen e cal é o papel que está desempeñando o Concello”, manifestou Rosón.

AS GARANTÍAS DA OPERATIVA AÉREA

As concelleiras non adscritas tamén poñen o foco na estrutura utilizada para operar os voos anunciados desde o aeroporto Rosalía de Castro, ao actuar Fly2Galicia como comercializadora mentres a actividade aérea depende doutras compañías.

Rosón reclama coñecer que información tiña o Concello sobre este modelo antes de colaborar coa posta en marcha do proxecto e se desde Raxoi se realizaron comprobacións relativas á capacidade técnica ou financeira das empresas implicadas.

“Estamos falando dunha comercializadora que non dispón de licenza propia nin frota e que depende de terceiros operadores. Ante esta realidade, queremos saber quen responde ante os viaxeiros se se producen cancelacións ou problemas coa operativa e que garantías lle pediu o Concello á empresa”, indicou.

A edil sostén que unha administración municipal non debe exercer como respaldo dun proxecto empresarial sen coñecer previamente a súa solvencia e as condicións nas que vai funcionar. “O mínimo esixible é transparencia e rigor cando está en xogo a conectividade do aeroporto e a confianza dos viaxeiros”, engadiu.

AS RELACIÓNS EMPRESARIAIS CON ISRAEL ENTRAN NO DEBATE MUNICIPAL

A posible vinculación da estrutura empresarial da operación con capital ou compañías relacionadas con Israel converteuse, ademais, nun dos principais elementos do debate político arredor de Fly2Galicia.

Rosón considera que o Goberno local debe explicar que coñecemento tiña destas relacións cando comezou a colaborar co proxecto e cuestionou a compatibilidade desta actuación coa posición política mantida polo BNG sobre Gaza.

“Resulta rechamante ver a un Goberno do BNG que fai bandeira pública e constante de determinados posicionamentos internacionais avalar, ás agachadas e sen transparencia desde os despachos de Raxoi e Incolsa, unha operación sustentada en aeronaves e capital vencellado a Israel”, declarou.

Segundo a concelleira non adscrita, o Concello debe aclarar non só que empresa será a encargada de efectuar materialmente os voos, senón tamén a composición da estrutura societaria e financeira vinculada ao proxecto e a información da que dispoñía Turismo de Santiago cando decidiu colaborar coa iniciativa.

“Hai unha contradición evidente entre o discurso político do BNG e o que está facendo desde o Goberno municipal. Se o Concello está apoiando unha operativa que depende dunha compañía con actividade e vínculos directos con Israel, debe explicalo publicamente e con toda a transparencia”, afirmou.

RECLAMAN UNHA ESTRATEXIA PARA LAVACOLLA

A petición de documentación das concelleiras non adscritas abrangue tamén os informes técnicos e xurídicos que puidesen terse elaborado, as garantías solicitadas á empresa e a estrutura financeira que sostén os voos.

Rosón enmarcou a polémica nun debate máis amplo sobre a política municipal para o aeroporto compostelán e pediu unha planificación estable da conectividade de Lavacolla, baseada en acordos públicos e operadores con capacidade para manter as rutas no tempo.

“Lavacolla precisa unha estratexia aeroportuaria seria, profesional, con convenios transparentes e operadores solventes que aseguren a conectividade de Santiago e de Galicia a longo prazo. O noso aeroporto non se defende con parches, intermediarios pantasma nin improvisacións para salvar titulares de verán”, afirmou.

As concelleiras non adscritas anuncian así que reclamarán formalmente toda a documentación sobre a colaboración de Turismo de Santiago con Fly2Galicia, os eventuais recursos públicos comprometidos e as condicións nas que se produciu o contacto coa compañía.

“Queremos os contratos, os informes e toda a documentación enriba da mesa. A alcaldesa e a concellería de Turismo teñen que dar a cara e explicar canto custou esta operación, que avalaron exactamente e por que decidiron apoiala. Santiago merece saber que hai detrás de Fly2Galicia”, concluíu Rosón.

O BNG LEVARÁ O CASO AO CONGRESO E PIDE REVISAR OS ‘SLOTS’ DE FLY2GALICIA

A polémica arredor de ‘Fly2Galicia’ trasladouse tamén ao Congreso dos Deputados. O BNG rexistrou este venres unha iniciativa para reclamar ao Goberno central e a Aena que revisen a petición de ‘slots’ presentada para operar desde o aeroporto Rosalía de Castro e que a rexeiten no caso de confirmarse as informacións sobre a participación de ‘FLYYO’ en voos vinculados coa saída de poboación palestina de Gaza.

A compañía romanesa será a encargada de realizar materialmente os voos comercializados por ‘Fly2Galicia’, unha turoperadora que non conta cun Certificado de Operador Aéreo propio. O proxecto prevé iniciar a súa actividade en Santiago a partir de decembro, cunha programación anunciada de 17 frecuencias semanais repartidas entre oito destinos.

O Bloque fundamenta a súa iniciativa en investigacións publicadas por medios internacionais como ‘Al Jazeera’ e ‘Associated Press’. “Diversas informacións xornalísticas vinculan a FLYYO con Israel e, particularmente, con voos de deportación ilegal de poboación palestina da Franxa de Gaza a terceiros estados”, sinalou a formación nacionalista.

Estas informacións levaban meses publicadas, aínda que a cuestión adquiriu repercusión política en Galicia esta semana coincidindo coa presentación da nova operativa prevista para Lavacolla. Movemento Sumar Galicia anunciou tamén este venres que trasladará o asunto ao Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, considera que, de verificarse os feitos recollidos nesas investigacións, estaríase ante “unha actuación moi grave de vulneración dos dereitos humanos e do dereito internacional”.

“Estamos a falar de colaborar nos intentos de limpeza étnica que está a realizar a entidade sionista no marco do xenocidio que veu perpetrando en Gaza nos últimos anos”, afirmou Rego.

O representante nacionalista sostén que o Estado e as entidades públicas non deben manter relacións con empresas implicadas en actuacións contrarias ao dereito internacional. Por este motivo, reclama que Aena comprobe os antecedentes da compañía que operará os voos antes de resolver sobre a petición de franxas horarias no aeroporto compostelán.

Para Rego, a eventual confirmación destas informacións sería motivo suficiente para denegar a solicitude. “O Estado ou calquera dos entes públicos que o integran non poden involucrarse de ningunha maneira” con compañías relacionadas con actuacións que vulneren os dereitos humanos, defendeu.

A iniciativa do BNG no Congreso prodúcese o mesmo día no que a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, tamén do Bloque, asegurou que o Concello non manterá colaboración ningunha con ‘Fly2Galicia’. A rexedora garantiu que “non houbo nin haberá” acordos económicos e vinculou o cambio de posición ás informacións coñecidas nos últimos días sobre a estrutura empresarial da operativa e as súas conexións con Israel, unhas circunstancias que asegurou descoñecer “ata hai uns días”.

ÚLTIMAS

Lucía Suárez, directora da Galería Dupla: “A arte é algo moi universal e nós somos unha ponte entre os artistas e o público”

A directora da galería Dupla, Lucía Suárez, asumiu este ano a presidencia de Contemporánea,...

O persoal de limpeza e conserxaría de Santiago suspende a folga tras lograr avances con Lacera

A CIG informa de que o persoal de limpeza e conserxaría dos colexios e...

Santiago activa medidas de aforro de auga ante o risco dunha vertedura de xurro no Tambre

O Concello de Santiago mantén baixo seguimento a posible chegada ao río Tambre dunha...

O Festival Maré reunirá en Santiago artistas de máis de 16 países na súa sétima edición

O Festival Maré celebrará do 23 ao 27 de setembro a súa sétima edición...

Pedro Blanco inicia unha rolda polos barrios de Santiago para elaborar propostas coa veciñanza

O candidato socialista á Alcaldía de Santiago, Pedro Blanco, iniciou este martes '#ConversasDeBarrio', unha...

Verea comprométese a reducir a 30 días o pagamento aos provedores no primeiro ano de mandato

O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, volveu situar os prazos de...

O Concello contratará un préstamo de 2,97 millóns e abre 90.000 euros en axudas para asociacións veciñais

A Xunta de Goberno Local de Santiago aprobou este luns o expediente para contratar...