InicioPOLÍTICASantiago licita por 1,3 millóns a xestión e a vixilancia do centro...

Santiago licita por 1,3 millóns a xestión e a vixilancia do centro para persoas sen fogar de Belvís

O equipamento municipal iniciará a súa actividade con 14 prazas e funcionará as 24 horas dos 365 días do ano cun modelo de atención integral e estadías de media e longa duración

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago vén de aprobar o inicio da licitación de dous contratos que permitirán poñer en funcionamento o Centro de Atención Integral a Persoas sen Fogar de Belvís, un recurso municipal que contará inicialmente con 14 prazas e que está concibido como un espazo de media e longa estancia. Así o explicou este mércores a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, nunha rolda de prensa na que estivo acompañada pola xefa de Servizo do Servizo de Área de Acción Social, Teresa Furelos, e pola xefa de Servizos Sociais, Eva González.

Rozas detallou que os contratos foron aprobados nunha Xunta de Goberno extraordinaria celebrada esta semana e que suman arredor de 1,3 millóns de euros para dous anos. O primeiro deles corresponde á xestión do centro, cun orzamento base de licitación de 923.830 euros e a posibilidade dun ano máis de prórroga. O segundo é o contrato de vixilancia, cun importe de 475.000 euros, tamén para dous anos e con opción de prórroga por outro exercicio.

A concelleira destacou que Belvís será un recurso destinado a persoas que actualmente viven na rúa, mais insistiu en que o seu obxectivo non será unicamente ofrecer un aloxamento. “Belvís será a casa de xente que agora mesmo está vivindo na rúa, mais o obxectivo non é que sexa só un teito, non é que sexa só un aloxamento, senón que sexa un servizo integral de acompañamento, de formación, de intervención social e de apoio”, sinalou Rozas.

O centro funcionará 24 horas ao día e os 365 días do ano, polo que o Concello defende un modelo de xestión mixta entre o equipo municipal de intervención en senfogarismo e unha entidade externa. Segundo explicou a edil, as características do equipamento e o tipo de atención que se quere prestar fan necesaria esta fórmula, coa finalidade de garantir unha presenza continuada e unha intervención especializada.

O contrato de xestión fixa os recursos humanos mínimos que deberá ter o centro. Entre eles inclúese unha persoa coordinadora, con titulación universitaria no ámbito social, como traballo social, educación social, psicoloxía ou disciplinas similares, ademais de formación específica e unha experiencia mínima de tres anos no traballo con persoas sen fogar. Tamén se prevé un equipo técnico de intervención social formado, como mínimo, por catro profesionais, que estarán dispoñibles entre as 08:00 e as 22:00.

Estas persoas encargaranse de deseñar os proxectos de intervención individualizados, promover actividades formativas e de lecer e apoiar as persoas usuarias nas súas actividades básicas da vida diaria. O contrato incorpora tamén persoal de limpeza e todos os recursos materiais necesarios para o funcionamento cotián do equipamento.

Rozas explicou que o contrato inclúe desde roupa, calzado, alimentos, pequenos electrodomésticos e produtos de hixiene ata os materiais precisos para desenvolver obradoiros e actividades. “Todo o que se necesita nunha vivenda, porque será a súa vivenda”, afirmou a concelleira, que remarcou que o centro se concibe como un espazo estable e non como un albergue de paso.

O prazo para presentar ofertas será de 35 días naturais no caso do contrato de xestión e de 15 días naturais para o servizo de vixilancia. A concelleira indicou que o Concello tratará de axilizar a valoración das propostas para que o equipamento poida entrar en funcionamento “canto antes”, aínda que lembrou que o procedemento dependerá tamén da tramitación administrativa posterior.

Paralelamente, o Departamento de Servizos Sociais xa traballa na avaliación das persoas que poderían incorporarse ao centro. As derivacións, segundo indicou Rozas, realizaranse desde os propios servizos sociais municipais. A previsión inicial é que as persoas usuarias permanezan no recurso durante un período estimado de entre seis meses e dous anos, aínda que sen aplicar este prazo de forma estrita.

Eva González explicou que neste momento se está realizando unha análise pormenorizada da situación das persoas que viven na rúa, especialmente daquelas que levan máis tempo nesta situación e para as que o centro poida resultar máis axeitado. Con todo, precisou que non haberá unha incorporación automática, xa que será necesario contar coa vontade das persoas seleccionadas.

“Unha vez que teñamos esas persoas un pouco preseleccionadas, despois temos que contar coa súa vontade. Presentarlles o centro, explicarlles como funciona, cal é o obxectivo, cal é o plan de traballo, e se aceptan o recurso incorporaríanse”, indicou González. A técnica municipal subliñou que non se imporá a entrada nun equipamento destas características a quen non queira participar nel.

O centro de Belvís abrirá inicialmente con 14 prazas, aínda que Rozas explicou que a autorización de construción concedida pola Xunta de Galicia permitiría ampliar a capacidade mediante habitacións compartidas. Non obstante, o Concello optou polo modelo de habitacións maioritariamente individuais. “Nós insistimos en que é unha casa, non é un albergue”, sinalou a concelleira.

A edil lembrou que este proxecto forma parte da estratexia municipal contra o senfogarismo, que inclúe a ordenanza reguladora do Centro de Atención a Persoas sen Fogar e o Plan de Senfogarismo, aprobado a comezos de ano. Neses documentos establécense as bases do funcionamento do equipamento, cun enfoque centrado na recuperación persoal e social, a autonomía, a autodeterminación e a dignidade das persoas usuarias.

Rozas enmarcou Belvís dentro dun conxunto máis amplo de programas municipais, como a atención na rúa a través dos equipos especializados, as vivendas de transición, as derivacións a pensións e outros recursos recollidos no plan municipal. A concelleira afirmou que o novo centro pretende completar esa rede de atención para persoas en situación de maior vulnerabilidade.

Durante a súa intervención, Teresa Furelos salientou que Santiago contará cun equipamento que, ao seu xuízo, pode converterse nunha referencia en Galicia. Furelos lembrou que o Concello visitou experiencias de cidades como San Sebastián e Bilbao, onde existen modelos de intervención con máis percorrido, e afirmou que o reto será acompañar persoas que en moitos casos presentan problemas de saúde, consumos ou situacións persoais complexas.

A xefa de Servizo de Servizos Sociais puxo tamén o foco no aumento de mulleres en situación de rúa e nas especiais dificultades que afrontan. Segundo explicou, trátase de casos nos que poden confluír distintas formas de violencia, incluída a económica, sexual ou social. Tamén se referiu á atención de familias con menores, unha realidade que, segundo indicou, require unha intervención específica para evitar que os nenos e nenas permanezan na rúa.

Furelos vinculou o novo centro co traballo desenvolvido nos últimos anos a través de vivendas municipais e programas como Housing First, que, segundo apuntou, teñen acadado resultados recoñecidos. O equipamento de Belvís, engadiu, viría completar unha necesidade existente na cidade.

Pola súa parte, Eva González cualificou o proxecto como un reto profesional e como un paso relevante para os servizos sociais municipais. “Non é un albergue, non é dar un aloxamento meramente, senón recuperar vidas e recuperar persoas”, afirmou. González sinalou que, ademais de garantir unha estabilidade residencial, o centro buscará ofrecer intervención integral en distintos ámbitos, desde a recuperación persoal ata a adquisición de habilidades e capacidades.

A rolda de prensa tivo tamén un carácter de despedida para Teresa Furelos, que se xubila despois de case 40 anos de traballo nos servizos sociais municipais. Rozas agradeceulle publicamente a súa implicación e destacou o seu papel no desenvolvemento deste proxecto e da área. “Deixas o listón moi alto e deixas un legado en Servizos Sociais do que sentirte moi orgullosa”, sinalou a concelleira.

Furelos, pola súa banda, asegurou que pasa á “reserva activa” e que seguirá dispoñible para o departamento se é preciso. Na súa intervención lembrou que hai catro décadas os servizos sociais traballaban con poucos medios e en condicións moi diferentes ás actuais. Tamén agradeceu o recoñecemento recibido e destacou o labor colectivo do persoal municipal.

Rozas lembrou que a idea inicial dun centro destas características comezou no mandato de Compostela Aberta, coa entón concelleira Concha Fernández, a quen agradeceu o traballo realizado. Segundo afirmou, aquel proxecto foi evolucionando ata chegar ao modelo que agora sae a licitación.

ÚLTIMAS

O PSOE leva ao pleno o estado da Alameda e reclama un mantemento “activo, continuado e rigoroso”

O Grupo Municipal Socialista levará ao pleno ordinario de xuño a situación da Alameda...

As traballadoras do téxtil avalían novas mobilizacións tras levantar a acampada trasladada a Santiago

As representantes dos traballadores do sector téxtil estudan cos persoais a definición dunha nova...

O Concello destina 3 millóns á compra de edificios baleiros na cidade histórica para crear vivenda pública en alugueiro

O Concello de Santiago destinará 3 millóns de euros á adquisición de edificios baleiros...

O PP de Santiago e a Fundación Andrea impulsan o primeiro Torneo Solidario Jesús Pampín

O PP de Santiago e a Fundación Andrea presentaron este mércores o I Torneo...

Borja Verea propón crear unha ‘Casa das Familias’ municipal para ofrecer apoio emocional e orientación en Santiago

O líder do PP de Santiago, Borja Verea, anunciou este martes a proposta da...

O PSOE acusa ao Goberno de Santiago de modificar a RPT “sen planificación” e cun informe negativo de Intervención

O Grupo Municipal Socialista denunciou este martes que a última modificación da relación de...

Pedro Blanco afirma que calquera nome que manexe o PSdeG para Santiago debe sentirse “orgulloso”

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, referiuse este martes ao proceso interno...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here