A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, fixo esta mañá balance da situación do servizo de recollida de residuos na cidade e avanzou novas medidas orientadas a mellorar o seu funcionamento, facendo fincapé na necesidade de reforzar a colaboración cidadá. Durante unha rolda de prensa en Raxoi, destacou que Compostela presenta indicadores de reciclaxe superiores á media galega, aínda que advertiu de que “facémolo ben, pero queremos facelo mellor”.
Segundo explicou, en Santiago prodúcense arredor de 470 quilogramos de residuos por habitante ao ano, unha cifra superior á media galega, situada nos 349. A alcaldesa atribuíu esta diferenza á presenza de poboación flotante, vinculada ao turismo, ao estudantado e a outras actividades que incrementan a xeración de lixo na cidade.
En termos de reciclaxe, Sanmartín sinalou que o 28,7% dos residuos recollidos corresponden a fraccións separadas, fronte ao 16% do conxunto de Galicia. Destacou especialmente o comportamento na recollida de materia orgánica, onde Compostela presenta cifras moi superiores: “separamos 32 veces máis que a media do país”, indicou.
Tamén subliñou incrementos noutras fraccións como envases, vidro, papel ou residuos especiais, o que, ao seu xuízo, evidencia un compromiso crecente coa sustentabilidade ambiental por parte da veciñanza.
AUMENTO DOS RESIDUOS VOLUMINOSOS SEN PREVIO AVISO
A alcaldesa centrou boa parte da súa intervención nos chamados residuos voluminosos, como mobles ou electrodomésticos, que non poden depositarse nos colectores habituais. Neste ámbito, advertiu dun incremento significativo dos depósitos na vía pública, moitos deles sen previo aviso ao servizo municipal.
En 2025 rexistráronse máis de 25.000 avisos relacionados con este tipo de residuos, o que supón un aumento respecto a anos anteriores. Porén, indicou que unha parte importante dos depósitos realízanse sen seguir o procedemento establecido: “o 62% dos residuos voluminosos deixados na rúa fanse sen avisar ao servizo”.
Sanmartín insistiu en que é necesario contactar previamente co Concello a través do teléfono 981565469 para concertar a recollida, co obxectivo de reducir o tempo que estes residuos permanecen na vía pública e evitar o impacto na imaxe urbana.
NOVA CAMPAÑA DE INFORMACIÓN E CONTROL
Co fin de mellorar a xestión dos residuos, o Concello pon en marcha desde hoxe unha nova campaña de información e sensibilización, que se desenvolverá durante tres meses e contará con persoal técnico a pé de rúa.
Esta iniciativa incluirá accións informativas dirixidas tanto á cidadanía como a establecementos comerciais e de hostalaría, así como a detección de malas prácticas. Segundo explicou a alcaldesa, o procedemento contempla ata tres avisos previos antes de trasladar posibles incumprimentos á Policía Local.
Nunha campaña anterior, realizáronse arredor de 300 actuacións informativas, das que derivaron 23 expedientes, principalmente a empresas.
Ademais, o Concello solicitou á empresa concesionaria a aplicación de medidas xa previstas no contrato, como a sinalización dos residuos depositados incorrectamente, co obxectivo de facilitar o seguimento e fomentar a concienciación cidadá.
Sanmartín concluíu facendo un chamamento á implicación colectiva: “o primeiro é a prevención, a sensibilización e a concienciación”, sinalou, ao tempo que incidiu en que a maior parte da poboación “colabora correctamente”, pero existe aínda unha marxe de mellora para acadar niveis máis altos de cumprimento.
A alcaldesa lembrou que, como capital galega, Santiago debe “dar exemplo” na xestión dos residuos e avanzar cara a estándares máis esixentes en materia ambiental.
SANMARTÍN INSISTE EN QUE O ASUNTO DAS GÁRGOLAS CORRESPONDE A PATRIMONIO
Nunha quenda de preguntas, a alcaldesa tamén foi interpelada pola polémica arredor da intervención nas gárgolas do Hostal dos Reis Católicos. Sanmartín evitou valorar a actuación desde un punto de vista estético e remitiu a responsabilidade ás administracións competentes.
A rexedora explicou que se trata dunha actuación que conta coa autorización da administración autonómica e que responde a criterios técnicos: “é unha cuestión que corresponde á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural”, sinalou. Neste sentido, indicou que as decisións adoptadas forman parte dun proceso regulado no que interveñen informes especializados.
Sanmartín recoñeceu que pode existir “incomodidade” ou desacordo por parte da cidadanía, pero insistiu en que “hai que diferenciar entre as opinións e as decisións técnicas”, que, segundo apuntou, son as que prevalecen neste tipo de intervencións sobre o patrimonio histórico.

