O Grupo Municipal Socialista de Santiago, a través da concelleira Marta Abal, defendeu no último pleno unha proposición orientada a mellorar a información á veciñanza e apoiar ao tecido comercial durante as obras do proxecto ‘Barrio Verde’ en Pontepedriña, unha iniciativa que foi aprobada pola corporación.
Segundo explicou a edil, trátase dunha actuación de relevancia para o barrio, aínda que advertiu de que o proceso inicial non incorporou de maneira suficiente as demandas da cidadanía e dos negocios afectados. “Falamos dunha actuación importante para o barrio, pero tamén dun proxecto no que se perdeu unha oportunidade valiosa para incorporar desde o inicio as demandas das veciñas, veciños e negocios afectados”, sinalou.
Abal puxo o foco non só nas intervencións urbanísticas, senón tamén na súa xestión, indicando que existe preocupación entre o comercio local pola falta de información e as incógnitas que continúan abertas. Neste sentido, apuntou que moitos establecementos descoñecen cuestións clave como a continuidade das terrazas, as condicións de carga e descarga ou o acceso da clientela.
A concelleira socialista subliñou que, aínda que algunhas decisións xa non teñan marcha atrás, “iso non pode ser unha excusa para seguir actuando igual”, e reclamou ao goberno municipal un cambio na maneira de abordar o proxecto, baseado na escoita activa, a claridade informativa e a coordinación co tecido afectado.
Ademais, o PSdeG solicita a posta en marcha de medidas específicas de apoio ao comercio, así como dun plan de dinamización que permita non só manter a actividade durante o desenvolvemento das obras, senón tamén reactivar e reforzar o barrio unha vez finalicen os traballos.
Dende o grupo socialista agardan que a aprobación da proposición no pleno se traduza en actuacións concretas e nunha mellor xestión do impacto das obras en Pontepedriña, tanto para a veciñanza como para o conxunto da actividade económica da zona.

