InicioPOLÍTICAA cuestión de confianza da alcaldesa sae adiante e desbloquea a tramitación...

A cuestión de confianza da alcaldesa sae adiante e desbloquea a tramitación dos orzamentos de Santiago

O pleno extraordinario urxente valida a confianza de Goretti Sanmartín tras o rexeitamento das contas municipais o día anterior

Publicado o

Xornal de Compostela

O pleno extraordinario e urxente celebrado na mañá deste xoves aprobou a cuestión de confianza presentada pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, despois de que os orzamentos municipais de 2026 fosen rexeitados no pleno do día anterior. A votación contou co apoio do BNG, Compostela Aberta e das concelleiras non adscritas, a abstención dos dous concelleiros do PSOE e o voto en contra do Partido Popular.

A sesión comezou coa ratificación da urxencia da convocatoria, que saíu adiante sen votos en contra. A continuación, abordouse o punto central da orde do día: a cuestión de confianza vinculada á aprobación inicial das contas municipais.

Na súa intervención inicial, a alcaldesa defendeu a necesidade de desbloquear a situación tras o pleno anterior e apelou á responsabilidade dos grupos municipais. “O Concello de Santiago precisa ter uns orzamentos, precisa poder continuar traballando por mellorar a vida da veciñanza”, afirmou. Sanmartín advertiu de que non aprobar a confianza implicaría atrasar a entrada en vigor das contas e, con iso, a execución de investimentos e servizos.

A rexedora lembrou que o mecanismo da cuestión de confianza, recollido na normativa electoral, abre un prazo no que os orzamentos poderían quedar aprobados automaticamente se non prospera unha alternativa de goberno. Neste contexto, insistiu en que a decisión tiña consecuencias directas para a cidadanía: “As únicas persoas prexudicadas son as que habitan en Santiago de Compostela”.

O apoio das concelleiras non adscritas resultou determinante. O seu portavoz, Gonzalo Muíños, explicou que, malia manter críticas ao contido das contas, optaban por facilitar a súa tramitación: “A decisión responsable agora mesmo é esta. Que o reloxo comece a correr para que os orzamentos entren en vigor”. Muíños subliñou que a súa posición non supón un aval político ao documento, senón unha decisión para evitar máis atrasos.

Desde o goberno municipal, a portavoz de Compostela Aberta, María Rozas, incidiu na necesidade de aprobar canto antes os orzamentos e advertiu das consecuencias de prorrogalos: “Sabemos ben que si que pasa. Atrasar a aprobación das contas é atrasar melloras necesarias para a veciñanza”. Rozas situou o debate tamén no plano político, ao sinalar a posibilidade dun cambio de goberno no caso de non prosperar a confianza.

Pola súa banda, o PSOE mantivo a súa posición crítica coas contas e optou pola abstención. A concelleira Marta Abal reiterou que o grupo non comparte o enfoque do orzamento nin a súa capacidade para responder aos problemas da cidade: “Non estamos ante unhas contas equilibradas nin orientadas a activar Santiago”. Na mesma liña, o voceiro socialista, Gumersindo Guinarte, sinalou que o debate segue vinculado ao contido do orzamento e responsabilizou ao PP do atraso na súa entrada en vigor.

O Partido Popular votou en contra da cuestión de confianza e insistiu na posibilidade de promover un cambio de goberno. O seu portavoz, Borja Verea, afirmou durante o pleno: “Ábrese a oportunidade de 30 días para que Santiago cambie de alcalde”, facendo un chamamento ao resto da corporación para facilitar unha alternativa.

Tras o debate, procedeuse á votación nominal, que confirmou a aprobación da cuestión de confianza, permitindo así continuar coa tramitación dos orzamentos municipais de 2026. Este resultado abre agora o escenario previsto legalmente, no que as contas poderán quedar aprobadas se non se presenta unha candidatura alternativa á alcaldía no prazo establecido.

ÚLTIMAS

Santiago entrega a Alba de Compostela nun acto dedicado a “todas” as vítimas do franquismo

O Concello de Santiago entregou este 25 de xullo, por cuarto ano consecutivo, as...

A USC reconstrúe dixitalmente a ‘Raíña Orante’ do mestre Mateo

Un proxecto da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e do Centro de Investigación...

Santiago vive un multitudinario Día de Galicia entre tradición, política e festa

Como cada 25 de xullo, Santiago de Compostela celebrou o Día Nacional de Galicia...

O arcebispo de Santiago chama a recoñecer a dignidade de toda persoa na Ofrenda ao Apóstolo

O arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto, fixo un chamamento este 25 de xullo...

O PSdeG esixe incorporar a VOLABAN ao Padroado do Refuxio de Bando tras máis dun ano de demora

O Grupo Municipal Socialista de Santiago levará ao Pleno deste mes unha proposta para...

Os non adscritos retiran a demanda contra o PSOE pola súa expulsión

Os catro concelleiros non adscritos de Santiago de Compostela --Mercedes Rosón, Gonzalo Muíños, Milagros...

Escarlata Pampín, candidata do BNG en Ames para “recuperar o impulso e o avance”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou este mércores na presentación de Escarlata...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here