InicioPOLÍTICASanmartín defende a nova solicitude de zona tensionada e responde ás críticas...

Sanmartín defende a nova solicitude de zona tensionada e responde ás críticas da oposición

A alcaldesa afirma que a petición enviada á Xunta incorpora medidas correctoras e sostén que os primeiros datos noutros concellos apuntan a efectos positivos

Publicado o

Xornal de Compostela

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, saíu ao paso das críticas formuladas por PP e PSOE arredor da nova solicitude municipal para declarar a cidade como zona de mercado residencial tensionado e defendeu tanto o procedemento seguido como a utilidade da medida para actuar sobre o prezo do alugueiro.

Na súa comparecencia, a rexedora subliñou que a remitida agora á Xunta de Galicia é a segunda solicitude formulada polo Concello, e non a terceira, como asegurou que se ten indicado desde o Partido Popular. Segundo lembrou, a primeira petición foi rexeitada pola administración autonómica malia que, en palabras do goberno local, cumpría cos requisitos esixidos.

Sanmartín respondeu tamén ás críticas do concelleiro popular José Antonio Constenla sobre a suposta falta de acceso ao expediente. A alcaldesa asegurou que o diagnóstico que acompaña a solicitude estivo en exposición pública dende o 19 de xaneiro, polo que, ao seu xuízo, houbo tempo suficiente para consultalo e analizalo.

Outro dos reproches da oposición apunta á falta de medidas complementarias. Sobre esa cuestión, a rexedora afirmou que a declaración vai acompañada de medidas correctoras, algo que definiu como unha obriga legal. Engadiu que esas actuacións foron tratadas co sector en foros públicos e forman parte do expediente remitido á Xunta.

En relación coa eficacia da declaración, Sanmartín contrapuxo a posición do goberno local coa expresada polo PP, ao que atribuíu a idea de que a medida “non vai servir para nada”. Fronte a iso, a alcaldesa lembrou que hai 307 municipios declarados como zona tensionada e sostivo que os primeiros resultados coñecidos son positivos, aínda que admitiu que será necesario agardar máis tempo para avaliar os efectos a medio prazo.

Para apoiar esa tese, mencionou experiencias doutros lugares con mecanismos de control do alugueiro, entre elas o caso de 200 cidades estadounidenses, sobre as que dixo que existen estudos que atribúen a estas políticas unha contribución á estabilización das rendas e á protección das persoas inquilinas e das comunidades residentes.

No ámbito galego, puxo como exemplo o caso da Coruña, cidade que conta coa declaración, e asegurou que o prezo medio do alugueiro baixou un 7% entre xuño e decembro de 2025. Tamén indicou que en decembro de 2025 se asinaron 336 contratos, fronte aos 220 formalizados no mesmo mes de 2024.

A alcaldesa vinculou esta medida coa política municipal de vivenda e respondeu tamén ás acusacións da oposición sobre un suposto fracaso nese ámbito. Nese punto, citou como exemplo o avance na ordenación da parcela de Peleteiro, onde se prevé a creación de vivenda protexida no centro da cidade, e reivindicou o impulso do rexistro de soares e da poxa como instrumentos para favorecer a rehabilitación de inmobles.

Sanmartín engadiu que o Concello tamén solicitou á Xunta un programa de colaboración para a rehabilitación de vivendas, petición que, segundo afirmou, non obtivo resposta positiva, mentres que noutras cidades si se desenvolveron iniciativas semellantes.

Por último, a rexedora confirmou que a solicitude xa foi trasladada directamente á Xunta e expresou a expectativa de que a administración autonómica responda “o máis rápido posible”. O goberno local sostén que a declaración pode ser unha ferramenta útil para facilitar o acceso á vivenda en alugueiro a prezos máis asumibles en Santiago.

ÚLTIMAS

O Compostela encadea a terceira vitoria consecutiva tras impoñerse ao Llanera por 1-3

A SD Compostela sumou este domingo a súa terceira vitoria consecutiva na Liga despois...

Felipe Arias Vilas é elixido presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego

O Museo do Pobo Galego, con sede en Santiago de Compostela, inicia unha nova...

A Xunta recibe 12 ofertas para construír 79 novas vivendas públicas en Ames

A Xunta de Galicia recibiu 12 ofertas de empresas interesadas en executar a construción...

Centos de persoas maniféstanse en Santiago contra as cargas policiais da Coruña

Centos de persoas saíron este venres ás rúas de Santiago de Compostela para protestar...

Santiago selecciona a empresa que xestionará a plataforma loxística da Cidade Histórica, que comezará a funcionar a principios de 2027

A alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, anunciou este venres que a empresa Kibus Distribución...

O PP de Santiago esixe a Sanmartín que condene os disturbios da Coruña e evite un posible boicot á Carreira Pedestre

O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Antonio Constenla, reclamou á alcaldesa de...

Pedro Blanco propón reforzar a atención temperá e ampliar o lecer accesible en Santiago

O candidato do PSOE á Alcaldía de Santiago de Compostela, Pedro Blanco, anunciou que...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here