InicioPOLÍTICAO PSdeG critica a falta de investimentos da Xunta en Santiago e...

O PSdeG critica a falta de investimentos da Xunta en Santiago e denuncia incumprimentos en vivenda, sanidade e industria

Os socialistas sinalan que os orzamentos autonómicos non responden ás necesidades da capital galega e reclaman máis vivenda pública, persoal educativo e solo industrial

Publicado o

Xornal de Compostela

O PSdeG criticou este venres a falta de investimentos da Xunta de Galicia en Santiago de Compostela e asegurou que os orzamentos autonómicos non dan resposta ás principais necesidades da cidade. Así o afirmaron o secretario provincial do PSdeG da Coruña, Bernardo Fernández, o deputado no Parlamento de Galicia e secretario xeral do PSdeG-Santiago, Aitor Bouza, e a deputada autonómica Patricia Iglesias, nunha rolda de prensa celebrada na sede socialista compostelá.

Durante a comparecencia, os representantes socialistas realizaron un balance das políticas do Goberno galego na capital nos últimos anos e apuntaron que as contas autonómicas “quedan en promesas que non se materializan”, ao tempo que criticaron a falta de investimentos tanto en infraestruturas como en políticas sociais.

Un dos principais puntos da intervención foi a situación da vivenda pública, que os socialistas identifican como unha das principais preocupacións da cidadanía. Bernardo Fernández lembrou que a Xunta anunciou a construción de 8.000 vivendas públicas en Galicia, das que, segundo indicou, ata o momento só se executaron 155.

Segundo sinalou, esta situación evidencia a falta de compromiso do Goberno autonómico nun ámbito que é da súa competencia directa. “Hai arredor de 30.000 persoas demandantes de vivenda en Galicia, nun contexto de forte presión tamén en Santiago”, indicou.

Os socialistas tamén reclamaron máis persoal de apoio nos centros educativos para atender ao alumnado con necesidades específicas. Fernández citou como exemplo centros composteláns como Monte dos Postes ou López Ferreiro, onde, segundo explicou, as comunidades educativas e as asociacións de nais e pais levan tempo solicitando reforzos.

Neste sentido, criticou que o Partido Popular rexeitase recentemente unha iniciativa na Deputación da Coruña que instaba á Xunta a incrementar os recursos para avanzar na educación inclusiva.

FALTA DE SOLO INDUSTRIAL EN SANTIAGO

Pola súa banda, a deputada autonómica Patricia Iglesias centrou a súa intervención na situación económica e industrial da cidade, advertindo de que Santiago depende en gran medida do sector servizos e da actividade turística vinculada ao Camiño de Santiago.

Iglesias asegurou que a capital galega carece actualmente de parcelas dispoñibles en solo industrial público, o que dificulta a implantación de novas empresas. Como exemplo citou a ampliación do polígono da Sionlla, anunciada pola Xunta en anos anteriores pero que, segundo afirmou, “segue sen executarse”.

A deputada advertiu de que esta situación limita o desenvolvemento económico e industrial da cidade e insistiu na necesidade de impulsar políticas de innovación e actividade produtiva.

CRÍTICAS Á SITUACIÓN DA SANIDADE E Á MOBILIDADE

O deputado autonómico Aitor Bouza referiuse tamén á situación da sanidade pública na área compostelá. Segundo afirmou, existe un “colapso nas consultas”, con tempos de espera que poden chegar ás dúas ou tres semanas para conseguir cita co médico de cabeceira.

Bouza tamén mencionou problemas de mobilidade e estacionamento en zonas como Santa Marta, e reclamou á Xunta unha solución definitiva para as infraestruturas pendentes na cidade.

Na súa valoración global, o secretario xeral do PSdeG en Santiago asegurou que as políticas do Goberno autonómico non están respondendo ás necesidades da capital galega e sostivo que a cidade “perde coa falta de compromiso da Xunta”.

PREPARACIÓN DAS ELECCIÓNS MUNICIPAIS

Durante a rolda de preguntas, o secretario provincial do PSdeG, Bernardo Fernández, foi preguntado polo proceso de designación das candidaturas para as próximas eleccións municipais.

Fernández indicou que o calendario dependerá dos prazos fixados pola dirección federal do partido, aínda que avanzou que a intención é presentar a candidatura en Santiago con antelación suficiente. Tamén sinalou que existen diferentes perfís dentro da agrupación que poderían encabezar o proxecto socialista na cidade.

ÚLTIMAS

A protesta do téxtil trasládase a Santiago e acampan fronte á Confederación de Empresarios

A acampada de representantes de traballadoras e traballadores do sector téxtil contra o convenio...

Santiago probará un sistema dixital para axilizar as bolsas de comedor escolar

O Concello de Santiago e o grupo de investigación Armela da USC colaborarán no...

Goretti Sanmartín e Pedro Blanco apelan á colaboración co empresariado galego na asemblea da CEG

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro...

Borja Verea propón crear unha ‘Casa das Familias’ municipal para ofrecer apoio emocional e orientación en Santiago

O líder do PP de Santiago, Borja Verea, anunciou este martes a proposta da...

Borja Verea propón crear unha ‘Casa das Familias’ municipal para ofrecer apoio emocional e orientación en Santiago

O líder do PP de Santiago, Borja Verea, anunciou este martes a proposta da...

O PSOE acusa ao Goberno de Santiago de modificar a RPT “sen planificación” e cun informe negativo de Intervención

O Grupo Municipal Socialista denunciou este martes que a última modificación da relación de...

Pedro Blanco afirma que calquera nome que manexe o PSdeG para Santiago debe sentirse “orgulloso”

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, referiuse este martes ao proceso interno...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here