InicioPOLÍTICAO Goberno local adxudica o asesoramento para redefinir a xestión das instalacións...

O Goberno local adxudica o asesoramento para redefinir a xestión das instalacións deportivas e amplía o prazo do novo contrato de transporte urbano

A Xunta de Goberno aproba licenzas urbanísticas, certifica obras na Rúa dos Loureiros e autoriza actuacións no polígono da vía Edison mentres analiza o impacto da caída de conexións aéreas nos datos turísticos

Publicado o

Xornal de Compostela

A portavoz do Goberno municipal e concelleira de Turismo, Míriam Louzao, deu conta este luns 2 de marzo dos acordos adoptados na Xunta de Goberno Local, nunha comparecencia na que detallou decisións en materia urbanística, contratación, mobilidade, infraestruturas e turismo.

No ámbito das licenzas de obra maior, autorizouse a ampliación de cuartos no Colexio Maior Xelmírez, actuación que implica modificacións no estado actual da capela; a construción dunha vivenda unifamiliar na Rúa do Vencello; e a instalación dun ascensor e reforma do portal no número 1 da Rúa da República do Salvador para mellorar a accesibilidade do inmoble.

En materia de contratación, o Executivo local acordou a adxudicación do Servizo de Asesoramento e Apoio para a Preparación do Sistema de Xestión das Instalacións Deportivas Municipais á empresa Eptisa Servicios de Ingeniería SL por un importe de 51.780,33 euros, IVE incluído. O contrato terá unha duración estimada de cinco meses desde a súa formalización.

Segundo explicou Louzao, a empresa deberá elaborar estudos de demanda e viabilidade económica e financeira, así como os documentos necesarios para definir o futuro modelo de xestión dos complexos deportivos de Santa Isabel, o Multiusos de Sar e Santa Marta. O traballo incluirá o deseño do modelo de negocio conforme á Lei de Contratos do Sector Público, a avaliación das fórmulas de colaboración público-privada ou concesión a entidade privada, e a proposta de investimentos e sistema de financiamento. A portavoz subliñou que o estudo deberá contemplar a construción dunha nova infraestrutura deportiva en Santa Marta.

O calendario fixa un prazo de 45 días para a entrega do estudo de mercado, tres meses para completar a análise de viabilidade e dous meses adicionais de asesoramento durante o proceso de licitación. Prevese tamén unha terceira fase, de oito meses, que só se activaría no caso de optar pola creación dunha sociedade de economía mixta.

AMPLICACIÓN DO PRAZO DE PRESENTACIÓN DE OFERTAS PARA O TRANSPORTE URBANO

A Xunta de Goberno acordou tamén levantar a suspensión do prazo de presentación de ofertas no procedemento de licitación do contrato mixto de servizos e obras para o transporte colectivo urbano e amplialo ata as 23:59 do 18 de marzo. No momento da suspensión, quedaban oito días para a finalización do prazo.

A paralización produciuse tras a admisión a trámite por parte do Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia (TACGAL) de cinco recursos contra a licitación, o que supuxo a suspensión automática da adxudicación. Segundo indicou Louzao, o órgano de contratación decidiu ampliar o prazo “co fin de favorecer no máximo posible a concorrencia”.

Entre outros asuntos, aprobouse a certificación final das obras do paso peonil da Rúa dos Loureiros, executadas pola empresa 2000 Joscon Construcciones SL no marco do plan de accesibilidade, unha actuación que, segundo destacou a portavoz, transformou a zona da cidade histórica.

Tamén se autorizou o anteproxecto de rexeneración do pavimento na vía Edison, co obxectivo de optar á convocatoria de axudas da Xunta para a mellora de parques empresariais. O proxecto conta cun orzamento de 48.056 euros, IVE incluído, e o Concello aspira a executalo este verán. A convocatoria autonómica está dotada con preto de 3,5 millóns de euros e establece un máximo de 120.000 euros por proxecto, cun límite do 80% do importe subvencionable.

No apartado de subvencións municipais, aprobouse a xustificación das axudas concedidas a entidades veciñais para programas e actividades de interese xeral desenvolvidos en 2025. Das 33 entidades que presentaron documentación, o importe total xustificado ascende a 75.127,85 euros, fronte aos 96.723,20 euros inicialmente concedidos.

IMPACTO DAS CONEXIÓNS AÉREAS NOS DATOS TURÍSTICOS

Preguntada pola evolución do turismo nos primeiros meses do ano, Louzao recoñeceu unha baixada no turismo doméstico, mentres que os datos de turismo internacional se manteñen en cifras semellantes ás do exercicio anterior.

“É obvia a relación que hai coa situación de Ryanair”, afirmou, ao explicar que en xaneiro do ano pasado operaban sete conexións estatais que este ano non están dispoñibles. Segundo indicou, o número de pasaxeiros da compañía pasou de arredor de 98.000 en xaneiro de 2025 a 20.000 no mesmo mes de 2026. “É obvio que iso ía ter unha incidencia nos datos turísticos”, sinalou.

A concelleira apuntou que desde o departamento de Turismo se manteñen conversas con compañías aéreas para incrementar as conexións a partir de maio e reiterou que a xestión do tráfico aéreo “transcende ao turismo e ten que ver coa mobilidade dos galegos e das galegas”. Tamén reclamou colaboración institucional: “Se realmente hai preocupación polos datos turísticos de Compostela, o lóxico sería que se poñan a traballar con nós para mellorar esa situación”.

En relación co mercado de congresos, lembrou que o peche temporal do Palacio de Congresos por obras dificultou a captación de eventos nos últimos meses, aínda que avanzou que xa se están pechando citas de relevancia. Entre elas, confirmou a celebración en outubro do Congreso Médicos Emerxentes de Atención Primaria, que cualificou como un dos encontros médicos máis importantes do Estado.

Louzao reiterou que a política municipal aposta por un “turismo sustentable” que conviva coa vida cotiá da veciñanza e defendeu que Santiago “segue sendo o destino turístico máis importante de Galiza”, ao tempo que evitou establecer comparacións con outras cidades galegas.

ÚLTIMAS

Ames estrea o documental ‘8M A Voces’ no acto central do Día Internacional da Muller

O Concello de Ames celebrou este sábado o acto central de conmemoración do 8...

O PSOE alerta dunha caída do turismo en Santiago e reclama medidas para reforzar o atractivo da cidade

O Grupo Municipal Socialista de Santiago expresou a súa preocupación polos datos rexistrados no...

Alfonso Rueda reivindica a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, como exemplo das mulleres do PP no 8M

O presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, reivindicou este sábado á alcaldesa...

Rosa Crujeiras e Maite Flores cruzan reproches sobre continuidade e equipo nun cara a cara da segunda volta

O debate electoral organizado este venres polo Consello de Estudantado, a Asemblea de Investigadoras...

O PSOE alerta dunha caída do turismo en Santiago e reclama medidas para reforzar o atractivo da cidade

O Grupo Municipal Socialista de Santiago expresou a súa preocupación polos datos rexistrados no...

Mila Castro pide retomar o contrato da auga e acusa BNG, PP e PSOE de antepoñer cálculos electorais aos problemas de Santiago

A concelleira non adscrita Mila Castro reclamou que o contrato da auga volva ao pleno...

O PSOE reclama habilitar un paso de peóns na rúa Concepción Arenal para mellorar a seguridade viaria xunto ao colexio da Inmaculada

A concelleira do Grupo Municipal Socialista de Santiago, Marta Abal, reclamou ao goberno local...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here