InicioPOLÍTICAO Pleno de Santiago rexeita informar favorablemente o cambio de nome do...

O Pleno de Santiago rexeita informar favorablemente o cambio de nome do CEIP Apóstolo Santiago por CEIP da Almáciga

O Goberno local defendeu a proposta avalada por unanimidade polo Consello Escolar, mentres o PP votou en contra ao considerar que o nome actual forma parte do “patrimonio común” da cidade

Publicado o

Xornal de Compostela

O Pleno ordinario do Concello de Santiago de Compostela debateu este xoves a proposta para informar favorablemente o cambio de denominación do CEIP Apóstolo Santiago polo de CEIP da Almáciga, unha iniciativa promovida pola propia comunidade educativa do centro. A proposta foi finalmente rexeitada tras contar cos votos en contra do grupo municipal do Partido Popular.

A concelleira de Turismo e representante municipal no Consello Escolar do centro, Míriam Louzao, explicou que a solicitude partiu da dirección do colexio e foi aprobada por unanimidade no Consello Escolar, logo dun proceso participativo impulsado pola ANPA. Segundo detallou, a petición cumpre cos requisitos establecidos na normativa autonómica e inclúe a certificación do acordo adoptado, así como un informe motivado no que se argumenta que o topónimo Almáciga é único en Galicia e identifica de maneira directa o barrio no que se sitúa o centro.

Louzao subliñou que o procedemento é “regrado” e que o papel do Pleno municipal é emitir un informe previo para que a proposta poida continuar a súa tramitación ante a Consellería de Educación, órgano competente para adoptar a decisión definitiva.

DEBATE SOBRE O ALCANCE SIMBÓLICO DO NOME

O concelleiro non adscrito Gonzalo Muíños expresou o respecto polo traballo desenvolvido pola ANPA e pola dirección do centro, aínda que cuestionou algúns dos argumentos empregados para xustificar o cambio. Na súa intervención apuntou que ambos nomes levan convivindo socialmente e que a identificación do centro coa Almáciga non require necesariamente unha modificación formal da súa denominación.

Muíños defendeu a posibilidade de buscar fórmulas de consenso que permitisen manter referencias a ambos nomes, ao tempo que advertiu de que o debate xerado nos últimos días evidencia a existencia de posturas diversas na cidade.

Pola súa banda, a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, incidiu en que a proposta nace da comunidade educativa e recordou que nos últimos anos se produciron cambios de denominación noutros centros educativos galegos sen que se xerase polémica. Segundo indicou, o trámite que se sometía a votación limitábase a informar a proposta para que a Xunta decidise.

O concelleiro socialista Gumersindo Guinarte afirmou que a iniciativa non partía do Goberno municipal senón do Consello Escolar do centro e considerou que non corresponde ao Pleno substituír a decisión adoptada pola comunidade educativa cando esta se axusta á normativa vixente.

O PP VOTA EN CONTRA

O portavoz do Partido Popular, Borja Verea, defendeu que o nome dun centro público “pertence a toda a cidade” e non unicamente á comunidade educativa nun momento determinado. Na súa intervención sostivo que a supresión da referencia a “Apóstolo Santiago” ten unha “carga simbólica” que xustifica o debate plenario e asegurou que o seu grupo votaría a favor de manter a denominación actual.

Verea insistiu en que o Pleno non realiza unha mera “dación de conta”, senón que debe posicionarse politicamente sobre unha cuestión que, ao seu xuízo, afecta á identidade compartida da cidade.

Tras as quendas de réplica, a proposta foi sometida a votación. Os grupos do BNG, Compostela Aberta e PSdeG votaron a favor de informar favorablemente o cambio de nome, mentres que o Partido Popular votou en contra e os concelleiros e non adscritos optaron pola abstención. Ao non acadarse a maioría necesaria, a proposta quedou rexeitada, polo que non se emitirá informe favorable para continuar a tramitación ante a Consellería de Educación.

A alcaldesa, Goretti Sanmartín, pechou o debate sinalando que o procedemento seguido foi o establecido pola normativa e lamentou o ton da controversia xerada arredor da iniciativa.

ÚLTIMAS

Rexeitada a proposta de concesión para a xestión da auga tras un debate cruzado entre goberno e oposición

O Pleno ordinario do Concello abordou esta mañá a proposta da Comisión Especial encargada...

Falece un home tras sufrir un atropelo en Santiago de Compostela

Un home faleceu na tarde deste xoves tras sufrir un atropelo en Santiago de...

Operativo de busca no río Ulla para localizar un veciño de Teo desaparecido desde o mércores

Distintos efectivos participan nun operativo de busca dun veciño de Teo, de 56 anos,...

Rueda pon en valor a nova sala de espera de Oncoloxía do Clínico de Santiago como símbolo dunha sanidade máis humanizada

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou este xoves os avances de Galicia no...

Rexeitada a proposta de concesión para a xestión da auga tras un debate cruzado entre goberno e oposición

O Pleno ordinario do Concello abordou esta mañá a proposta da Comisión Especial encargada...

Aprobado en pleno un suplemento de crédito para renovar a cuberta da escola infantil de Tras Parlamento

O Concello de Santiago de Compostela aprobou no pleno ordinario correspondente ao mes de...

O PSdeG denuncia que o Goberno municipal resolveu só o 40% das queixas presentadas en 2025 en Santiago

O concelleiro do Grupo Municipal Socialista en Santiago, Sindo Guinarte, fixo balance este luns...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here