O Grupo Municipal Socialista levará ao pleno ordinario deste xoves unha pregunta sobre a situación actual do parque empresarial da Sionlla e os atrasos na constitución da súa Entidade de Conservación. A iniciativa parte da concelleira socialista Marta Abal, quen trasladou a preocupación do seu grupo polo estado que presenta esta área industrial de Santiago.
Segundo explicou Abal, o polígono acumula diversas deficiencias que, ao seu xuízo, resultan visibles para calquera persoa que o visite. A edil describiu a existencia de “farois danados, viais sen pintar nin sinalizar, alumeado que non funciona e deixa o polígono na escuridade cando cae a noite, maleza sen rozar…”, unha situación que cualificou de “insostible”.
A concelleira sostén que esta imaxe non se corresponde co papel que debería desempeñar un espazo que considera estratéxico para o tecido produtivo compostelán. Na súa valoración, o deterioro afecta tanto á funcionalidade das instalacións como á percepción exterior da área empresarial.
ENTIDADE DE CONVERSACIÓN PENDENTE
Desde o PSdeG apuntan que a constitución da Entidade de Conservación da Sionlla sería o instrumento encargado de garantir o mantemento das infraestruturas, dotacións públicas e servizos do parque. Con todo, segundo indicou Abal, este proceso continúa sen completarse.
A edil afirmou que “a súa constitución segue pendente de trámites municipais” e engadiu que “o procedemento leva parado desde o 1 de agosto de 2025, á espera de informes do Concello de Santiago”. Na súa intervención, atribuíu esta situación á “parálise do goberno de Goretti Sanmartín”.
Neste contexto, o Grupo Municipal Socialista solicitará explicacións ao executivo local sobre os prazos previstos para culminar a constitución definitiva da entidade. “No pleno deste xoves preguntarémoslle ao goberno local cando ten previsto completar a constitución definitiva da Entidade de Conservación”, sinalou Abal.
IMPACTO ECONÓMICO E IMAXA DA CIDADE
A representante socialista advertiu de que o bloqueo administrativo pode ter consecuencias na capacidade de Santiago para atraer novos investimentos. Segundo manifestou, esta situación “está a prexudicar a imaxe de Santiago e a súa capacidade para atraer investimento”, ao proxectar unha sensación de abandono nun espazo vinculado á actividade empresarial.
Para o PSdeG, a posta en marcha da Entidade de Conservación debe considerarse unha prioridade. “O parque empresarial da Sionlla non pode seguir deteriorándose así: é unha prioridade económica e tamén unha cuestión de seguridade”, declarou a concelleira.
Desde o grupo municipal reclaman que o goberno local desbloquee os trámites pendentes e impulse a activación deste organismo de xestión, co obxectivo de garantir o mantemento da área e adecuar o seu estado ás necesidades das empresas instaladas no polígono.

