A deputada do PSdeG no Parlamento galego, Patricia Iglesias, asegurou que “non é o momento” de abordar nomes concretos para a candidatura socialista en Santiago de Compostela e insistiu na necesidade de priorizar o “proxecto colectivo” por riba das persoas.
Preguntada sobre se o partido mantivo conversacións con ela en relación á posible candidatura, Iglesias respondeu: “Non é unha pregunta que… Evidentemente, non é o momento. Sempre se falou de proxecto colectivo”. A deputada evitou así concretar calquera movemento interno, reiterando que o foco debe estar na construción dunha alternativa común.
Iglesias explicou que a súa entrada na política activa responde á convicción de que é preciso “dar a cara” no actual contexto político, ao que se referiu como un escenario no que medran forzas de extrema dereita e discursos que cualificou de “negacionismos”. Neste marco, defendeu que “o Partido Socialista ten que ser un muro de contención” e subliñou que en Santiago existen “moitas persoas que poden contribuír a ese proxecto colectivo”.
En clave local, a deputada tamén cuestionou a xestión do actual goberno municipal encabezado pola alcaldesa, Goretti Sanmartín, á que acusou de “inacción”. Iglesias reiterou a necesidade de “traballar por ese proxecto progresista”, insistindo en que a prioridade debe estar “non” nas persoas, senón en “o equipo”, que cualificou como “o máis importante”.
As declaracións prodúcense nun momento no que as distintas formacións políticas comezan a posicionarse de cara aos vindeiros comicios municipais en Santiago, aínda que dende o PSdeG se insiste en que o debate interno debe centrarse, polo de agora, na definición do rumbo político e organizativo.

