InicioCULTURAO Concello activa a votación dos orzamentos participativos de xuventude con 116...

O Concello activa a votación dos orzamentos participativos de xuventude con 116 propostas finalistas

A mocidade poderá decidir ata o 16 de marzo ás 23:59 o destino de 100.000 euros para actividades en 2026

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

O Concello de Santiago de Compostela abriu este luns a fase de votación da terceira edición dos orzamentos participativos de xuventude, unha iniciativa que permitirá ás persoas mozas decidir directamente que actividades se desenvolverán en 2026 con cargo a unha partida de 100.000 euros. Na presentación do proceso interviron a concelleira de Xuventude, María Rozas, e o técnico municipal Manuel Fernández.

Rozas explicou que esta ferramenta busca consolidar a participación da mocidade na vida pública máis alá das citas electorais, ofrecendo canles estables para que poidan propoñer e escoller iniciativas. Segundo indicou, os datos das edicións anteriores e o incremento rexistrado este ano nas propostas presentadas avalan o interese da xente nova por implicarse. “Os mozos e mozas queren participar, queren opinar e queren propoñer”, afirmou.

Nesta edición recibíronse 275 propostas, o que supón 31 máis que o ano pasado. Tras o proceso de revisión técnica, quedaron 201 iniciativas validadas, fronte ás 150 da convocatoria anterior. Posteriormente, o departamento agrupou aquelas que resultaban similares ou coincidían en temática, configurando un listado final de 116 propostas que son as que agora se someten a votación.

A concelleira sinalou que este aumento tamén reflicte un maior coñecemento das bases e dos requisitos por parte da mocidade, aínda que recoñeceu que continúan chegando algunhas propostas que non son competencia municipal e, por tanto, non poden ser admitidas.

QUEN PODE VOTAR E COMO FACELO

O formulario de votación está dispoñible na web decide.santiagodecompostela.gal ata o 16 de marzo ás 23:59. Poderán participar as persoas nacidas entre 1996 e 2010, ambos incluídos, que manteñan algún vínculo con Santiago de Compostela, xa sexa por empadroamento, estudos, traballo ou residencia.

Non é obrigatorio estar empadroado na cidade, sempre que se poida acreditar esa relación mediante documentación oficial, como contrato laboral, matrícula académica ou contrato de aluguer. Segundo detallou Rozas, o Concello realiza comprobacións posteriores, incluíndo o cruce co padrón municipal cando procede.

Cada participante poderá emitir un único voto, no que deberá seleccionar tres propostas. O sistema establece unha ponderación: a primeira opción suma 3 puntos, a segunda 2 e a terceira 1. Manuel Fernández incidiu na necesidade de escoller tres alternativas para que o voto sexa válido e subliñou que o proceso “é moi sinxelo” e pode completarse en poucos minutos.

Ademais da votación en liña, o Concello prevé instalar puntos de apoio en facultades, bibliotecas e outros espazos frecuentados pola mocidade, co obxectivo de facilitar o acceso ao formulario.

As propostas abranguen un amplo abano de ámbitos. Unha vez máis, as áreas con maior número de iniciativas son música, deporte e gastronomía, aínda que tamén se rexistran propostas relacionadas coa cultura audiovisual, igualdade, medio ambiente, ciencia, tecnoloxía, emprego ou benestar animal.

Entre as iniciativas presentadas figuran concertos de artistas emerxentes, festivais urbanos, torneos deportivos, actividades de cine ao aire libre, eventos vinculados á adopción de animais, obradoiros prácticos ou encontros interxeracionais. Algunhas retoman formatos que xa tiveron boa acollida noutras edicións, mentres que outras incorporan novas temáticas.

As actividades máis votadas executaranse ata completar o límite orzamentario establecido. Non obstante, a concelleira apuntou que o Concello poderá valorar a posta en marcha doutras propostas que, aínda que non resulten gañadoras, sexan consideradas de interese.

Na edición anterior participaron arredor de 1.400 persoas, unha cifra que o departamento cualifica de significativa dentro do tramo de idade ao que se dirixe o proceso. “Estamos moi satisfeitos co nivel de participación”, sinalou Rozas, quen animou á mocidade compostelá a implicarse tamén nesta convocatoria.

ÚLTIMAS

A USC designa como novo xerente a Juan Díaz Villoslada

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) oficializou o nomeamento de Juan Díaz Villoslada...

O Concello de Santiago defende a súa actuación no muro de Bonaval e confirma o inicio inmediato dos estudos técnicos

O Concello de Santiago respondeu ás críticas formuladas polo Partido Popular sobre a falta...

O Concello prevé mellorar a conectividade do aeroporto tras a reapertura da pista e critica a falta de coordinación da Xunta

A portavoz do Goberno local de Santiago, Míriam Louzao, afirmou que a actual caída...

‘Compostela desparellada’ propón novos roteiros para redescubrir a historia da cidade a través das relacións entre figuras clave

O Concello de Santiago presentou unha nova proposta dentro do programa Patrimonio C, baixo...

‘Compostela desparellada’ propón novos roteiros para redescubrir a historia da cidade a través das relacións entre figuras clave

O Concello de Santiago presentou unha nova proposta dentro do programa Patrimonio C, baixo...

Senra acollerá o I Albaroque o 16 de maio cunha xornada de música tradicional e gastronomía popular

O lugar de Senra, no concello de Oroso, converterase o vindeiro 16 de maio...

A Real Academia Galega de Ciencias concede o Premio Celia Brañas 2026 á xornalista Teresa Rocamonde

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) deu a coñecer o fallo da undécima...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here