InicioSOCIEDADEO Concello estuda limitar novos hoteis en edificios completos para frear a...

O Concello estuda limitar novos hoteis en edificios completos para frear a perda de vivenda no centro histórico

A alcaldesa mostra "convencemento" sobre o traballo realizado, mentres a oposición censura falta de proxectos e ideas

Publicado o

Xornal de Compostela

O Goberno local de Santiago de Compostela está a estudar a modificación dos requisitos para a implantación de establecementos de hospedaxe, como hoteis e hostais, en edificios completos co obxectivo de “impedir” que estes poidan desprazar o uso residencial. Este foi un dos anuncios principais realizados pola alcaldesa, Goretti Sanmartín, no debate do estado do municipio celebrado este xoves. A rexedora mostrou o seu convencemento de que o executivo traballa na “liña correcta” e aproveitou a súa intervención para censurar á oposición por pretender facer pasar por real un relato que, segundo afirmou, “os feitos desmenten”.

Pola contra, o PP, o PSOE e as concelleiras non adscritas coincidiron en criticar a xestión do bipartito de BNG e Compostela Aberta. O portavoz popular, Borja Verea, tachou a etapa de Sanmartín como de “resultados cero”, mentres que os socialistas e as non adscritas afearon ao goberno unha carencia de proxectos propios, asegurando que a maioría das actuacións actuais son “herdadas” do anterior mandato.

POLÍTICAS URBANÍSTICAS E DE “TRANSFORMACIÓN URBANA”

O anuncio respecto dos locais de hospedaxe enmarcou as políticas urbanísticas na protección do comercio e o asentamento da poboación no casco histórico. Sanmartín defendeu un modelo que manteña a “vitalidade das rúas” e evite o desprazamento do tecido comercial cara á periferia. Entre as medidas de transformación, destacou o concurso internacional para o Conector Central de Virxe da Cerca, que terá propostas finalistas o 20 de febreiro, e o avance de ordenanzas como a de convivencia ou a recuperación da rasante na rúa Castrón Douro.

APOSTA POLO GASTO SOCIAL

A tenente de alcaldesa, María Rozas, centrou parte do seu discurso na reivindicación do gasto social, que asegurou que se duplicou nunha década ata superar os 135 euros por habitante. Rozas destacou o novo contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), cifrado en 6,3 millóns de euros, e avanzou que a Xunta deu o visto definitivo para aumentar o número de licenzas de taxi, estancado desde 1998. Malia os logros, admitiu “debes” en áreas como o transporte urbano e a situación dos centros socioculturais, que figuran como os principais retos para este 2026.

PP: “CON GORETTI SANMARTÍN TODO FUNCIONA PEOR”

O voceiro municipal do PP, Borja Verea, cargou con dureza contra o Goberno local por gobernar “rematadamente mal” e ter a cidade “bloqueada”. Durante a súa intervención, os concelleiros populares levantaron carteis enumerando deficiencias en servizos como os autobuses, os taxis ou o radar de Conxo. Verea listou medidas que el mesmo executaría, como o derrube da Casa da Xuventude para abrir o paso ao parque de Belvís ou a mobilización de vivenda baleira para facer fronte á emerxencia habitacional.

NON ADSCRITAS REPROCHAN “POUCA OU NINGUNHA AUTOCRÍTICA”

Gonzalo Muíños, en representación das concelleiras non adscritas, afeou á alcaldesa unha intervención “desconectada da realidade”. Criticou a perda de fondos europeos para proxectos estratéxicos como o da Praza de Abastos e os peches reiterados do parque de bombeiros, sinalando que o goberno vive grazas aos proxectos que o anterior mandato deixou financiados ou xa proxectados.

O PSOE VE “PARÁLISE”

Pola súa banda, o portavoz do PSOE, Gumersindo Guinarte, asegurou que Santiago está “paralizada no que depende da xestión” e denunciou un grave deterioramento dos servizos básicos. Guinarte reprobou a falta de resultados en vivenda, cualificando de “espectáculo lamentable” a xestión da zona residencial tensionada, e sinalou o bloqueo do contrato de transporte público como un dos principais fallos do actual executivo.

ÚLTIMAS

O Compostela encadea a terceira vitoria consecutiva tras impoñerse ao Llanera por 1-3

A SD Compostela sumou este domingo a súa terceira vitoria consecutiva na Liga despois...

Felipe Arias Vilas é elixido presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego

O Museo do Pobo Galego, con sede en Santiago de Compostela, inicia unha nova...

A Xunta recibe 12 ofertas para construír 79 novas vivendas públicas en Ames

A Xunta de Galicia recibiu 12 ofertas de empresas interesadas en executar a construción...

Centos de persoas maniféstanse en Santiago contra as cargas policiais da Coruña

Centos de persoas saíron este venres ás rúas de Santiago de Compostela para protestar...

Santiago selecciona a empresa que xestionará a plataforma loxística da Cidade Histórica, que comezará a funcionar a principios de 2027

A alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, anunciou este venres que a empresa Kibus Distribución...

O PP de Santiago esixe a Sanmartín que condene os disturbios da Coruña e evite un posible boicot á Carreira Pedestre

O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Antonio Constenla, reclamou á alcaldesa de...

Pedro Blanco propón reforzar a atención temperá e ampliar o lecer accesible en Santiago

O candidato do PSOE á Alcaldía de Santiago de Compostela, Pedro Blanco, anunciou que...