O Partido Popular levou este martes a Santiago de Compostela unha nova parada da súa ruta de encontros con autónomos, nunha visita a un establecemento comercial do centro da cidade na que participaron o líder local da formación, Borja Verea, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o vicesecretario de Economía do PP estatal, Juan Bravo.
Durante a súa intervención inicial, Verea puxo o foco na evolución recente do comercio local e asegurou que no último ano pecharon 100 establecementos en Santiago, unha cifra que cualificou como “un dato dramático”. Segundo indicou, este peche de negocios sumaríase ao cesamento de actividade de “setecentas empresas nos últimos anos”, nun contexto que vinculou á xestión do actual goberno municipal. O dirixente popular tamén fixo referencia a cuestións como a situación dos centros socioculturais, o funcionamento do transporte público, a dispoñibilidade de taxis ou o estado da vía pública.
No ámbito da vivenda, Verea aludiu ao peche dalgúns comercios do centro histórico e relacionouno coa compra de inmobles por fondos de investimento para a súa transformación en pisos turísticos. Nese sentido, cuestionou a diferenza de criterios entre pequenos propietarios e grandes investidores e reclamou explicacións ao goberno local sobre a aplicación das políticas municipais en materia de alugueiro e uso turístico.
Xunto á crítica, o líder do PP en Santiago presentou un bloque de propostas en positivo dirixidas ao comercio, entre as que citou a bonificación do IBI para propietarios de baixos comerciais, axudas aos traspasos de negocios, a creación dun departamento exprés para reducir a burocracia e melloras en ámbitos como a seguridade e a iluminación pública.
Pola súa banda, Paula Prado destacou o peso do traballo autónomo en Galicia, con arredor de 210.000 persoas afiliadas, e defendeu a necesidade dun “plan alternativo” fronte ás políticas do Goberno central. A secretaria xeral do PPdeG sinalou que os autónomos afrontan “máis trabas, máis impostos e máis burocracia” e contrapuxo esta situación coas liñas de apoio da Xunta de Galicia, que, segundo indicou, destina 42 millóns de euros a medidas de inicio de actividade, relevo xeracional e apoio ao emprego autónomo.
No seu discurso, Prado introduciu tamén unha referencia á actualidade política, ao reclamar unha condena expresa por parte do BNG e do PSdeG dos recentes actos vandálicos contra sedes do PP en distintas localidades galegas, incluída Santiago.
A quenda de intervencións pechouna Juan Bravo, quen explicou as liñas xerais do chamado ‘contrato cos autónomos’ impulsado polo PP estatal. Segundo detallou, a proposta pretende responder á carga fiscal, á burocracia e á inseguridade normativa que, ao seu xuízo, afectan ao colectivo, así como ao incumprimento de compromisos adquiridos polo Goberno central en materia de cotizacións e protección social. Bravo subliñou o peso dos autónomos no conxunto da economía española, con preto de 3,5 millóns de traballadores e arredor de 900.000 empregos xerados.
No turno de preguntas, o debate derivou cara á política de vivenda e á solicitude municipal para declarar Santiago zona tensionada. Verea defendeu a posición do PP contraria á intervención dos prezos do alugueiro e asegurou que, segundo distintos informes, estas medidas provocaron a saída de vivendas do mercado. Fronte a iso, apostou por incrementar a construción, simplificar trámites e reducir os prazos de concesión de licenzas como vía para afrontar o déficit habitacional.

