O líder do PP en Santiago, Borja Verea, denunciou este martes o que cualificou como “hipocrisía” do goberno municipal formado por BNG e Compostela Aberta pola súa falta de resposta ás peticións de apoio do Banco de Alimentos de Santiago, unha entidade que presta servizo a máis de 1.000 familias da cidade a través de diferentes organizacións sociais.
Verea realizou estas declaracións tras unha visita ás instalacións do Banco de Alimentos, onde asegurou que o executivo local non está a atender as demandas da entidade. Segundo afirmou, “visitamos o Banco de Alimentos de Santiago para denunciar unha hipocrisía: a do goberno do BNG, a de Compostela Aberta e a da alcaldesa, Goretti Sanmartín, que non están atendendo as chamadas de socorro e de auxilio que está facendo esta entidade”.
O dirixente popular advertiu de que o Banco de Alimentos atravesa unha “situación crítica” que, ao seu xuízo, non está a ser abordada polo Concello de Santiago, malia o papel que desempeñan os seus voluntarios no abastecemento de alimentos ás familias en situación de necesidade. Nesa liña, sinalou que “é incomprensible que o goberno municipal lle dea as costas a unha entidade que sostén unha parte fundamental da rede social da cidade”.
No seu discurso, Verea tamén comparou o apoio económico que reciben entidades similares noutros municipios galegos co financiamento municipal existente en Santiago. Segundo indicou, “na Coruña, o Concello achega 50.000 euros ao Banco de Alimentos; en Ferrol, a axuda municipal ascende a 30.000 euros”, mentres que en Santiago “a achega non chega nin aos 5.000 euros”.
O líder do PP engadiu que esta situación se ve agravada, ao seu entender, pola falta de interlocución directa por parte da alcaldía. “Nin sequera tivo a decencia de reunirse, de atender ou de mirar cara a cara aos voluntarios que están dedicando o seu tempo a axudar ás familias que máis o necesitan na nosa cidade”, afirmou.

