InicioPOLÍTICAA Comisión da Auga eleva ao Pleno a proposta de concesión tras...

A Comisión da Auga eleva ao Pleno a proposta de concesión tras rexeitarse a sociedade mixta

O Goberno local informa dos acordos da Xunta de Goberno, do POS+ 2026 e da suspensión cautelar do concurso do transporte urbano

Publicado o

Xornal de Compostela

A concelleira de Turismo e portavoz do Goberno municipal, Míriam Louzao, informou este luns dos principais asuntos abordados na Xunta de Goberno Local, así como do resultado da Comisión Especial do Servizo da Auga celebrada previamente. Segundo explicou, a comisión decidiu elevar ao Pleno da Corporación a proposta de xestión do ciclo integral da auga mediante concesión, logo de que non prosperase a opción defendida polo Executivo local dunha sociedade mixta.

Na Comisión da Auga, BNG e Compostela Aberta votaron a favor do modelo de sociedade mixta, mentres que PP e PSdeG posicionáronse en contra. A continuación, o grupo socialista solicitou someter a votación a alternativa concesional, que contou co apoio de PP e PSdeG e co voto contrario das dúas formacións do Goberno. Como consecuencia, será esta última fórmula a que se leve ao Pleno para a súa decisión final. Louzao cualificou como “unha mágoa” que non saíse adiante unha proposta que, segundo indicou, “garantía un maior control público”.

ACORDOS DA XUNTA DE GOBERNO LOCAL

No ámbito da Xunta de Goberno Local, aprobáronse diversas licenzas urbanísticas, entre elas a rehabilitación e ampliación dunha vivenda para uso de hospedaxe en Sampaio, a rehabilitación dun edificio de planta baixa e tres andares na rúa de Santo Agostiño, a construción dunha piscina en Vilas, a remodelación interior dunha vivenda na rúa de Tras do Pilar, a instalación dunha pérgola exterior na cafetería da Facultade de Matemáticas e o acondicionamento dun local para vivenda na ruela de Conxo de Arriba.

En materia de contratación, entrou por urxencia a adxudicación do servizo de mantemento dos sistemas de alarma antiintrusión dos edificios municipais á empresa Segur Sistema Europa, por un importe de 172.871,42 euros.

A Xunta de Goberno tamén deu luz verde á proposta do Concello para participar no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (POS+ 2026) da Deputación da Coruña. O plan inclúe investimentos como a rede de saneamento en Reboredo (Festas), cun orzamento de 352.024,28 euros; a mellora do pavimento en varios camiños de César, por 152.640,12 euros; e a primeira fase da senda peonil de Grixoa a Albudiño, por 257.000 euros. Ademais, recóllese unha achega provincial de 710.174,25 euros para mantemento do rural. O conxunto do POS+ 2026 suma 1.471.838,65 euros, dos cales a Deputación achega 1.214.838,65 euros e o Concello 257.000 euros, cun destino íntegro á zona rural, segundo o compromiso subscrito polas forzas municipais.

Así mesmo, aprobáronse os proxectos do plan complementario do POS+ 2026, cun orzamento total de 587.079,68 euros, destinados á rehabilitación da ponte de Galufe (46.277,77 euros) e á ampliación da rede de abastecemento na variante de Aradas (540.801,91 euros).

No apartado de convenios, validouse a xustificación correspondente aos meses de outubro a decembro do convenio coa FANPA Compostela para o ano 2025, por un importe de 15.548,60 euros, destinado á promoción de actividades e ao fomento da escolarización nos centros públicos do termo municipal, incluída a atención dos comedores escolares nas escolas unitarias do rural.

Louzao informou tamén dunha sentenza xudicial que confirma a baixa no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas dun piso turístico situado na avenida de Vilagarcía, ao carecer de título habilitante municipal.

En relación co transporte urbano, a Xunta de Goberno acordou suspender o prazo de presentación de ofertas do concurso para a prestación do servizo, tras a interposición de cinco recursos ante o Tribunal Administrativo de Contratación de Galicia (TACGAL), como xa informara o pasado venres a alcaldesa. A medida, de carácter cautelar, implica que o procedemento non poderá completarse ata que se resolvan os recursos. O Goberno local prevé ampliar o prazo inicial unha vez se produza o pronunciamento do tribunal, co obxectivo de garantir a transparencia e a igualdade entre as empresas interesadas.

Por último, a concelleira avanzou que este martes se coñecerá a proposta gañadora do Concurso Internacional de Iluminación da Contorna da Catedral de Santiago, no que participan tres equipos finalistas seleccionados entre 21 candidaturas. O proxecto vencedor redefinirá a iluminación das prazas do Obradoiro, Praterías, Quintana e Inmaculada, así como dos espazos de tránsito entre elas, no marco do Plan de Sustentabilidade Turística de Santiago, promovido polo Ministerio de Turismo, a Xunta de Galicia e o Concello.

ÚLTIMAS

O Compostela encadea a terceira vitoria consecutiva tras impoñerse ao Llanera por 1-3

A SD Compostela sumou este domingo a súa terceira vitoria consecutiva na Liga despois...

Felipe Arias Vilas é elixido presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego

O Museo do Pobo Galego, con sede en Santiago de Compostela, inicia unha nova...

A Xunta recibe 12 ofertas para construír 79 novas vivendas públicas en Ames

A Xunta de Galicia recibiu 12 ofertas de empresas interesadas en executar a construción...

Centos de persoas maniféstanse en Santiago contra as cargas policiais da Coruña

Centos de persoas saíron este venres ás rúas de Santiago de Compostela para protestar...

Santiago selecciona a empresa que xestionará a plataforma loxística da Cidade Histórica, que comezará a funcionar a principios de 2027

A alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, anunciou este venres que a empresa Kibus Distribución...

O PP de Santiago esixe a Sanmartín que condene os disturbios da Coruña e evite un posible boicot á Carreira Pedestre

O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Antonio Constenla, reclamou á alcaldesa de...

Pedro Blanco propón reforzar a atención temperá e ampliar o lecer accesible en Santiago

O candidato do PSOE á Alcaldía de Santiago de Compostela, Pedro Blanco, anunciou que...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here