InicioPOLÍTICAConstenla acusa o goberno local de Santiago de falta de cohesión tras...

Constenla acusa o goberno local de Santiago de falta de cohesión tras a votación da comisión do ciclo da auga

José Antonio Constenla critica as discrepancias entre BNG, PSOE e Compostela Aberta e fala de “parálise” nos asuntos estratéxicos da cidade

Publicado o

Xornal de Compostela

O concelleiro do Partido Popular en Santiago de Compostela, José Antonio Constenla, criticou este luns o funcionamento do goberno municipal tras a reunión da comisión do ciclo integral da auga celebrada no Concello de Santiago. Segundo sinalou, a sesión puxo de manifesto, ao seu xuízo, a falta de cohesión entre as forzas que sosteñen o executivo local.

Constenla referiuse á votación na que o BNG defendeu unha fórmula de xestión mixta para o servizo da auga, unha proposta que non contou co apoio do PSOE, socio de investidura do goberno municipal. Para o edil popular, este feito evidencia que non existe un proxecto compartido entre as formacións que integran o chamado tripartito.

Na súa valoración, o concelleiro afirmou que o sucedido confirma que “o suposto pacto de perdedores nunca foi real” e sostivo que a cidade “carece dun goberno sólido e capaz de tomar decisións” en materias que considera estratéxicas. Nesa liña, cualificou a comisión do ciclo da auga como unha nova mostra do que definiu como un “fraude” dende o inicio do mandato.

O representante popular tamén fixo referencia ao acordo político entre BNG, PSOE e Compostela Aberta, que, segundo indicou, non respondeu á existencia dun programa común, senón a un pacto para impedir a investidura de Borja Verea como alcalde. Na súa intervención, asegurou que esta situación deriva nun bloqueo constante da acción municipal.

Constenla subliñou ademais que a alcaldesa, Goretti Sanmartín, goberna en minoría con seis concelleiros e, segundo afirmou, “non é quen de dialogar nin cos seus propios socios”. Ao seu entender, a falta de acordo en cuestións como a xestión do ciclo integral da auga provoca unha situación de parálise que repercute directamente no funcionamento da cidade.

Dende o Partido Popular consideran que esta falta de entendemento interno está a atrasar decisións relevantes e a ter consecuencias para a veciñanza. O edil popular enumerou diversos problemas que, segundo a súa análise, afectan a Santiago, entre eles a perda de tecido empresarial e comercial, a evolución negativa dos datos turísticos, o peche dos centros socioculturais ou o estado do espazo público.

Na súa intervención, Constenla tamén mencionou as dificultades no servizo de taxi e no transporte urbano, así como o estado das rúas, e referiuse á situación económica do Concello, cualificando á alcaldesa como a máis morosa da súa historia. Finalmente, criticou o anuncio realizado recentemente polo goberno local sobre a candidatura de Santiago como Capital Europea da Ciencia, unha iniciativa que, ao seu xuízo, se comunicou sen consenso institucional.

O concelleiro popular concluíu que o ocorrido na comisión do ciclo da auga confirma, na súa opinión, o fracaso do actual modelo de goberno municipal e advertiu de que esta situación pode ter efectos negativos no futuro da cidade.

CRÍTICAS TAMÉN DE PARTE DAS NON ADSCRITAS

Pola súa parte, a concelleira non adscrita Mila Castro asegurou que a decisión adoptada na comisión do ciclo da auga confirma a postura que ela mesma defendeu no mandato anterior. Castro lembrou que en setembro de 2022, cando era responsable da área de Servizos, promoveu no Pleno municipal a apertura dunha nova licitación para a concesión da xestión da auga, unha proposta que, segundo indicou, foi entón bloqueada polo BNG, Compostela Aberta e o Partido Popular. “Máis de tres anos despois, o tempo de novo volve darnos a razón”, afirmou.

Na súa valoración, a edil criticou os atrasos acumulados desde aquela decisión, que vinculou a problemas na rede, parroquias sen acceso ao saneamento e á elaboración de novos estudos que, ao seu xuízo, supuxeron un gasto innecesario de recursos públicos. “Agora, despois de tres anos de roturas e de tempo perdido, volvemos á concesión”, sinalou, cuestionando a coherencia tanto do Partido Popular como do PSOE por apoiar finalmente un modelo que xa estaba sobre a mesa anos atrás.

Castro indicou tamén que na comisión celebrada hoxe se acordou elevar ao Pleno a proposta de xestión mediante concesión, un modelo co que asegurou estar de acordo desde o inicio. “Para chegar a isto, facía falta perder todo este tempo?”, preguntouse, ao tempo que cualificou a comisión especial da auga impulsada pola alcaldesa, Goretti Sanmartín, como “unha cortina de fume” destinada a gañar tempo no seo do goberno municipal.

A concelleira non adscrita concluíu afirmando que este proceso supuxo “tres anos perdidos” para a renovación e ampliación da rede de saneamento e abastecemento en Santiago e lanzou unha pregunta directa: “Alguén pensa pedir perdón á cidadanía polo tempo perdido?”.

ÚLTIMAS

Rosa Crujeiras aparta a Luis Míguez da súa candidatura por comentarios “homófobos” de hai 20 anos

A candidata a reitora da USC Rosa Crujeiras anunciou este martes que o catedrático...

Pacientes e traballadores denuncian deficiencias no transporte sanitario do CHUS e reclaman a súa desprivatización

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS e o comité de empresa da...

Investigadores da USC denuncian limitacións “ilegais” nas axudas posdoutorais da Xunta

Dous investigadores da Universidade de Santiago de Compostela acusaron á institución de "impor unilateralmente"...

A Xunta reclama axilidade ao Concello para avanzar na vivenda protexida de Compostela

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas da Xunta, María Martínez Allegue, pediu...

O PP de Santiago critica a falta de apoio municipal ao Banco de Alimentos e pide un incremento inmediato da axuda

O líder do PP en Santiago, Borja Verea, denunciou este martes o que cualificou...

A Comisión da Auga eleva ao Pleno a proposta de concesión tras rexeitarse a sociedade mixta

A concelleira de Turismo e portavoz do Goberno municipal, Míriam Louzao, informou este luns...

Bouza esixe no Parlamento Galego a restitución da atención pediátrica diaria no Centro de Saúde de Conxo

O Partido Socialista de Galicia anunciou que levará ao Parlamento Galego a situación da...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here