O Grupo Municipal Socialista votará este martes en contra da proposta de modelo de empresa mixta que o Goberno municipal levará á Comisión do Ciclo Integral da Auga e defenderá como alternativa o modelo concesional, ao considerar que é a única opción que garante os investimentos necesarios a curto prazo no sistema de abastecemento e saneamento de Santiago de Compostela.
Segundo explicou o voceiro socialista, Gumersindo Guinarte, na anterior reunión da comisión o seu grupo solicitou ao executivo local un informe sobre a viabilidade do modelo de empresa mixta, baseado nun estudo encargado á Universidade da Coruña. Con todo, asegurou que ese documento non foi facilitado. “Ese informe non se nos fixo chegar, ese informe sobre a viabilidade dese modelo, o que para nós é fundamental”, indicou.
Guinarte sinalou que, ante esta situación, o Grupo Municipal Socialista pedirá que o Pleno adopte o modelo concesional, apoiándose nun estudo elaborado durante o anterior mandato socialista. Segundo afirmou, ese documento conclúe que este sistema é o único que permite asegurar as investimentos urxentes que require o ciclo integral da auga a curto prazo. “Nesa reunión imos solicitar que o modelo que o Pleno adopte sexa o modelo concesional”, avanzou.
O voceiro quixo desvincular esta posición de criterios ideolóxicos e subliñou que responde á situación concreta da cidade. “Non é unha posición ideolóxica, é unha posición baseada na realidade das circunstancias de Santiago”, manifestou.
Entre as actuacións pendentes, Guinarte citou a necesidade de realizar investimentos cuantiosos en abastecemento, incluíndo depósitos, melloras na ETAP para a captación da auga do río Tambre e a renovación de infraestruturas. Ao seu xuízo, non está garantido que estas actuacións poidan executarse a través dunha empresa mixta.
Finalmente, defendeu que o sistema concesional é tamén clave para dar resposta ás necesidades tanto do ámbito urbano, onde existen numerosas canalizacións que precisan renovación, como do rural, no que aínda hai núcleos sen acceso á rede de abastecemento. Unha postura que, segundo reiterou, responde a “razóns prácticas” e á urxencia das actuacións necesarias no ciclo integral da auga.

