O pleno do Concello de Santiago aprobou este xoves a execución dun programa urxente de reparación da rede viaria, unha iniciativa presentada polas concelleiras e o concelleiro non adscritos nunha sesión na que o goberno local non levou asuntos propios á orde do día. A proposta saíu adiante tras expoñerse o impacto das chuvias dos últimos meses e as deficiencias no mantemento, que derivaron na “aparición e reaparición” de baches e afundimentos en diferentes puntos da cidade.
Segundo explicou Gonzalo Muíños, estas incidencias están a afectar tanto a vías principais como secundarias, xerando problemas de seguridade viaria, dificultades para a mobilidade cotiá e deterioro do espazo público. Entre as actuacións reclamadas con carácter inmediato —aínda que de maneira provisional á espera de obras de maior alcance— citou a rúa Lisboa, nas Fontiñas; varios tramos do Burgo das Nacións; unha fenda na rúa Clara Campoamor fronte á estación de autobuses; a rúa Rosalía de Castro; a N-634 ao seu paso por San Lázaro; a N-550; sectores do Polígono do Tambre e a Volta do Castro. Muíños advertiu de que se trata de afundimentos “dificilmente sorteables polos vehículos” e que supoñen un risco para condutores, peóns e transporte público.
A iniciativa inclúe tamén a petición de reforzar os servizos de conservación, mantemento e reparación de pavimentos, incorporando na próxima licitación do contrato criterios de maior alcance, dotación e planificación. As non adscritas demandan incrementar a partida económica e introducir nos pregos “prazos máis axustados de intervención” e maiores esixencias técnicas á empresa adxudicataria.
Pagamentos pendentes nos Centros Socioculturais
O pleno aprobou igualmente outra proposición das non adscritas para axilizar o pagamento das nóminas pendentes ás traballadoras dos Centros Socioculturais (CSC), que no caso das persoas a xornada completa pode chegar aos 6.000 euros. A concelleira Marta Álvarez reclamou prazos concretos para a regularización dos atrasos e para a licitación dos lotes 1 e 2 do servizo, unha vez adxudicado o lote 3 —o relativo á animación sociocultural— a semana pasada.
Álvarez denunciou tamén falta de transparencia durante o proceso de licitación. Segundo indicou, entre o 21 de novembro de 2025 e o 2 de xaneiro de 2026 non se publicaron as mesas de contratación celebradas nese período, coincidindo coa fase de valoración e proposta de adxudicación do lote 3. “Mentres vostedes non publicaban nada do que acontecía nas mesas de contratación, as persoas traballadoras pasaban o Nadal sen cobrar varias nóminas e con serias dificultades económicas”, afirmou. A proposición aprobada reclama a renovación completa do servizo, a adxudicación dos lotes pendentes e garantías de transparencia sobre os prazos de pagamento.
CONVOCATORIA DO DEBATE DO ESTADO DO MUNICIPIO
A sesión arrincou cunha proposición asinada por Mercedes Rosón para reclamar a convocatoria do debate do Estado do Municipio. A edil explicou que a iniciativa, rexistrada o luns 19 de xaneiro, xa tivera efecto antes da súa votación, xa que ese mesmo venres a alcaldesa Goretti Sanmartín convocou o pleno correspondente. A pesar diso, Rosón mantivo a proposta e criticou que a convocatoria chegase “tarde, mal e arrastro”, reclamando maior coidado da saúde democrática da Corporación.
AUGA, VIVENDA E INVESTIMENTOS PENDENTES
As non adscritas formularon ademais varias iniciativas como antesala á negociación dos orzamentos municipais, pedindo explicacións polos incumprimentos de acordos previos, como a constitución da empresa pública de vivenda e solo, investimentos no rural ou actuacións en parques infantís da rúa Lisboa, Manuel Beiras (Conxo) e Angrois.
No ámbito da xestión do ciclo integral da auga, a concelleira Mila Castro cuestionou as incongruencias entre o informe presentado a finais do ano pasado polo goberno local e outro elaborado en 2019, ao entender que o documento máis recente non conclúe un modelo preferente e introduce contradicións sobre a viabilidade da empresa mixta. Castro sinalou que o propio informe recente apunta á imposibilidade de apostar por un modelo concreto e fixa un calendario de vinte anos para resolver os problemas da rede, ademais de advertir de limitacións derivadas do Plan Económico e Financeiro vixente ata 2027.

