A concelleira do Grupo Municipal Socialista, Marta Abal, denunciou que as traballadoras do Servizo de Dinamización e Animación dos centros socioculturais de Santiago “levan sen cobrar desde outubro e sen saber cando cobrarán as correspondentes aos meses seguintes”. Tal e como trasladou o PSOE nunha nota de prensa, esixen ao Goberno municipal que tome medidas “inmediatas” para que as traballadoras reciban as súas nóminas antes de que finalice o ano, ao consideralo un “dereito básico e esencial”.
Abal advertiu de que estes atrasos “non son un feito puntual, senón unha situación coñecida desde hai tempo”. A concelleira remarcou que non entenden como, a día 19 de decembro, o Concello non adoptou medidas ao respecto, dado que o atraso da empresa no aboamento das nóminas non era algo novo. Neste sentido, a concelleira socialista criticou o “pasotismo” do Goberno municipal por non garantir que as traballadoras dun servizo “tan importante” cobren, sinalando especialmente a gravidade da situación polas datas nas que nos atopamos.

