O PSdeG de Santiago afeou ao Goberno local que a súa “primeira resposta” á petición de emenda da Xunta sobre a solicitude de declaración de vivenda tensionada sexa que “non vai facer outro diagnóstico”. A formación socialista realizou esta crítica unha semana despois de que o Goberno galego requirise a Raxoi que “emende deficiencias” na documentación enviada a finais de maio para solicitar a declaración da cidade como zona do mercado de aluguer tensionado. Dentro da súa argumentación, a Xunta considera que “non se axusta” ao que esixe a lei estatal.
Ante o escrito recibido, o Concello de Santiago recibiu este con “sorpresa”. Desta forma, entende que “non fai falta” unha nova diagnose da situación, aínda que “responderá, tras unha análise demorada, a todas as cuestións que aparecen”. Neste contexto, a edila socialista Marta Abal chamou este xoves, durante unha rolda de prensa, a “buscar solucións” pola “importancia decisiva” desta cuestión para a capital galega, “en lugar de estar sempre á gresca”. “As rifas institucionais non solucionan os problemas dos nosos veciños e veciñas”, valorou.
“MUTISMO” SOBRE A EMPRESA MUNICIPAL DE VIVENDA
Esta crítica veu acompañada doutros reproches en materia de vivenda. O PSdeG acusou a Raxoi de “mutismo” sobre a empresa municipal urbanística, que considera necesaria para dar resposta a “unha demanda cada vez maior e imprescindible e urxente”. Tal e como lembrou Abal, a Empresa Municipal de Vivenda e Solo xa existiu entre o 2000 e o 2011 baixo o nome de Emuvissa. Nese tempo, elaborou e aprobou os plans parciais de 16 polígonos, 13 de vivendas e tres de chan industrial. Ademais, promoveu a construción de 2.499 vivendas protexidas e outras 2.084 libres, o que a conviritó en “unha referencia en toda España”.
Segundo o PSOE local, a “última noticia” sobre a mesma é do 26 de abril de 2024, día no que se celebrou a sesión constitutiva da comisión especial que traballaría na súa posta en marcha. “Desde entón, en relación con este asunto, mutismo absoluto”, acusou Marta Abal. Con todo, esta é unha das principais medidas contempladas no Plan de medidas correctoras que acompañaba á solicitude de zona de mercado residencial tensionado, presentadas en rolda de prensa o 9 de maio de 2025 polo edil de Urbanismo, Iago Lestegás.
OUTRAS CRÍTICAS
Do mesmo xeito, Marta Abal acusou ao Goberno local de, en dous anos de mandato, contar unicamente con “propostas erradas” en materia de vivenda, en lugar de “avanzar nunha proposta seria e ambiciosa” a este respecto. A concelleira da oposición afeou non executar ningún dos 1,41 millóns de euros asignados en 2024 para ampliar o parque público, así como outros 425.000 euros consignados para a adquisición dun inmoble, “preferiblemente unha casa na Praza de Mazarelos”.
Así mesmo, criticou que tres dos catro edificios do Rexistro de Soares acordados para sacar a poxa pública están paralizados por un recurso interposto polos propietarios nun xulgado contencioso administrativo. Para o PSOE de Santiago “a única luz” que existe na cidade en materia de vivenda é “grazas ao Goberno de España e ao PSOE”, en referencia a inscrición da parcela do antigo Peleteiro na carteira da nova empresa pública estatal, anunciada en xuño. Isto permitirá, en palabras de Abal, que “todos os pisos desta parcela poidan ser de prezo alcanzable e de promoción pública para sempre”.