InicioPOLÍTICAO pleno de Santiago rexeita pagar case tres millóns de euros en...

O pleno de Santiago rexeita pagar case tres millóns de euros en facturas de transporte urbano

O PP e os concelleiros non adscritos impiden a aprobación do pago a TRALUSA e Autocares Rías Baixas, mentres o Goberno local defende que os servizos foron prestados

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago de Compostela volveu atoparse cun bloqueo no pagamento de servizos xa prestados de transporte urbano. No pleno celebrado este xoves, a corporación municipal rexeitou aprobar dúas facturas pendentes por valor de preto de 3 millóns de euros, correspondentes ás empresas TRALUSA e Autocares Rías Baixas, actuais prestadoras das liñas do bus urbano compostelán.

A votación contou coa oposición do Partido Popular e a abstención dos concelleiros non adscritos, expulsados do grupo socialista, o que impediu sacar adiante os recoñecementos extraxudiciais de crédito. A situación repítese respecto ao pleno do pasado 3 de xuño, cando xa se freou o pago dunha das facturas, a correspondente á liña 7 do autobús.

En concreto, o Concello mantén unha débeda de 402.093 euros con Autocares Rías Baixas e outra de 2.537.725 euros con TRALUSA, empresa que opera a maior parte das liñas. Ambos pagos quedaron suspendidos pola falta de maioría suficiente no pleno.

Con todo, si se aprobou o recoñecemento doutras tres débedas por un importe próximo aos 447.000 euros, grazas á suma de votos do Goberno local (formado por BNG e Compostela Aberta) e do PSOE, coa abstención dos demais grupos.

Desde o Partido Popular, a concelleira Rosario Ferreiro advertiu que estes contratos se fixeron “sen fiscalización previa” e que se trata de “acordos de continuidade” adoptados sen informes técnicos independentes. Criticou tamén que non se acredita que os custos sexan acordes ao mercado, polo que o seu grupo valora elevar o caso aos órganos de control de responsabilidade contable e anticorrupción.

Pola súa banda, o portavoz popular Borja Verea advertiu que a situación podería derivar en responsabilidades patrimoniais para o Concello. Para os populares, o procedemento adoptado polo Goberno municipal incorre en “ilegalidade tras ilegalidade”.

Os concelleiros non adscritos, pola súa parte, aseguraron que a información ofrecida pola área de Mobilidade é “incompleta” e denunciaran no pleno anterior a “falta de diálogo”. Desta volta, sinalaron un “ocultismo” na xestión da regularización contractual do servizo de transporte urbano.

O edil Gonzalo Muíños criticou que se estea consolidando como norma o uso de recoñecementos extraxudiciais para facer fronte aos pagos. “Aquí teñen vostedes unha débeda máis elevada da que podería haber ao final de ano”, advertiu.

Desde o Goberno municipal, o concelleiro Xan Duro explicou que os expedientes para regularizar estas situacións foron iniciados en tempo e forma, pero se viron freados por “cambios no persoal” do departamento de Tráfico. Pola súa parte, a alcaldesa Goretti Sanmartín recoñeceu que non é unha situación desexable, mais defendeu que as decisións tomadas polo anterior Executivo tiveron como obxectivo evitar que a cidade quedase sen servizo de autobús.

“Tomáronse decisións para garantir o transporte colectivo. Non era unha disxuntiva doada: ou quedabas sen autobús ou buscabas unha fórmula que permitise manter o servizo”, sinalou a rexedora, quen instou aos grupos a “pagar un servizo que xa foi prestado á cidadanía”.

ÚLTIMAS

Un grupo de corredores completan 51 km entre Melide e Santiago para visibilizar o rexeitamento social a Altri e á mina de Touro-O Pino

Un grupo de 14 corredores de montaña percorreu este domingo os 51 quilómetros que...

Muíños advirte de que a crise dos bombeiros esixe decisións políticas inmediatas

O portavoz das edilas non adscritas no Concello de Santiago, Gonzalo Muíños, elevou este...

A Policía Nacional investiga a morte dunha muller ao caerlle enriba unha neveira no seu domicilio en Santiago

A Policía Nacional abriu unha investigación para aclarar as circunstancias da morte dunha muller...

Os Bombeiros volven alertar da situación: Santiago respondeu con 9 bombeiros ao que Toledo afrontou con 20

A situación do servizo municipal de bombeiros volveu ao centro do debate en Santiago...

Muíños advirte de que a crise dos bombeiros esixe decisións políticas inmediatas

O portavoz das edilas non adscritas no Concello de Santiago, Gonzalo Muíños, elevou este...

Sumar plantexa a incorporación de Mercedes Rosón á súa estratexia para 2027

A Asemblea de Sumar Terras de Compostela aprobou por unanimidade a súa nova dirección...

O PSdeG reclama ao goberno de Sanmartín que execute en 2026 a mellora do cruce de República Arxentina co Hórreo

O Grupo Municipal Socialista pediu ao executivo local que active canto antes os traballos...