InicioPOLÍTICAO Concello prohibe a apertura de novos negocios automáticos no casco histórico...

O Concello prohibe a apertura de novos negocios automáticos no casco histórico da cidade

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

O Concello de Santiago vén de aprobar inicialmente unha modificación puntual do Plan Especial da Cidade Histórica que supón un cambio significativo na regulación de usos comerciais no casco histórico. A principal novidade anunciada polo concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, é a prohibición da implantación de novos establecementos automatizados na zona vella, entre os que se inclúen lavanderías autoservizo, tendas con máquinas expendedoras 24 horas, consignas automáticas ou caixeiros sen oficina bancaria asociada.

A medida forma parte dun plan máis amplo para frear a turistificación do centro histórico e priorizar o uso residencial e o comercio de proximidade, en consonancia coas necesidades da poboación residente. Segundo explicou Lestegás en rolda de prensa, a cidade histórica perdeu nas últimas décadas boa parte dos seus comercios tradicionais, mentres proliferaban locais orientados exclusivamente ao turismo.

Neste contexto, tamén se prohibirá a apertura de novas tendas de souvenirs e de produtos típicos exclusivamente turísticos no recinto intramuros e en zonas históricas inmediatas como San Pedro, As Hortas ou o Pombal. Estas restricións non afectarán a zonas menos tensionadas como a Trisca ou os Pexigos, onde aínda se permitirá este tipo de comercio, sempre que non constitúa o 100% da oferta.

Queremos garantir que quen venda tartas de Santiago, venda tamén patacas e pementos“, exemplificou o concelleiro para ilustrar o espírito da normativa, que pretende que os negocios turísticos non substitúan completamente aos servizos básicos para a veciñanza. A normativa contempla tamén que as tendas de alimentación poidan incluír produtos típicos, sempre que non superen o 20% da súa oferta total.

O novo regulamento urbanístico baséase nun estudo exhaustivo do tecido comercial actual, que revela a desaparición de gran parte das tendas que ofrecían produtos esenciais. Por exemplo, no ano 1990 existían 125 tendas de alimentación na cidade histórica e en 2024 só quedaban 35. As ferreterías desapareceron completamente, e tamén se rexistraron baixadas importantes en librarías, zapaterías e comercios de roupa.

A decisión municipal sitúa a Santiago como cidade pioneira na regulación pormenorizada de usos comerciais en centros históricos, seguindo exemplos como o de Barcelona. A normativa urbanística irá acompañada de liñas de axuda específicas, en colaboración co Consorcio de Santiago, para apoiar os comercios históricos ou de interese sociocultural.

Ademais da prohibición dos negocios automáticos, a modificación tamén establece restricións á vivenda en planta baixa en determinadas zonas do casco histórico e introduce novas condicións para a división de vivendas, co obxectivo de adaptar o parque residencial ás necesidades dos fogares unipersoais e bipersoaiss, cada vez máis frecuentes segundo os datos do IGE.

A nova normativa publicarase no Diario Oficial de Galicia este venres e abrirase un período de exposición pública. Trátase, segundo destacou Lestegás, dun paso decisivo para “protexer a vida veciñal no corazón da cidade e garantir un equilibrio entre os usos turísticos e os que responden ás necesidades da poboación residente”.

ÚLTIMAS

Santiago prepárase para o desafiuzamento do Escarnio e Maldizer: máis de cen antidisturbios blindarán o casco histórico

Compostela afronta este venres unha xornada marcada pola tensión ante o inminente desaloxo do...

O sector do transporte denuncia “parálise” da patronal e advirte dunha folga indefinida

A patronal do transporte da Coruña e os sindicatos están convocados a unha mediación...

María Rozas clausura o obradoiro de emprego Genius e presenta a app ‘Inxenius’

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, clausurou...

Ames avanza na dixitalización do ciclo da auga coa execución do proxecto ‘Ames Dixital Water’

O Concello de Ames continúa avanzando na execución do proxecto estratéxico ‘Ames Dixital Water’,...

Abal denuncia a falta de avances na reparación da cuberta da Escola Infantil de Tras Parlamento

O Grupo Municipal Socialista de Santiago de Compostela denunciou a ausencia de avances na...

O Concello aproba o proxecto de reurbanización da rúa Mallou no barrio de Meixonfrío

O Concello de Santiago de Compostela aprobou o proxecto de reurbanización da rúa Mallou,...

O PSdeG anuncia unha interpelación no pleno de xaneiro pola situación dos Centros Socioculturais

O Grupo Municipal Socialista de Santiago levará ao pleno do mes de xaneiro unha...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here